A riqueza está no rural

A riqueza está no rural

Madrid é a Comunidade Autónoma máis pobre do Estado; si por un ramallazo da súa Presidenta se proclamase Estado Independente e os veciños boicotearan a súa economía pasaría a ser un dos países con máis emigración do mundo.

Cantos máis cidadáns inútiles e parasitarios acumula un territorio máis necesidade ten de drenar recursos e traballo doutros territorios e doutros cidadáns. E a súa vez segue precisando aumentar recursos e burocracia para manter a dominación colonial deses cidadáns e territorios. (Policía, exércitos, espías, controladores, prensa, propagandístas, titiriteiros de diverso tipo, falsificadores de produtos financeiros, e anestesistas de conciencia e consciencia de especialidades múltiples). Todo este e moito mais gasto inútil acumúlase nas cidades; namentras no medio rural, ou no mar, pacíficas teipas dispersas fozan na terra ou aran nos mares sendo totalmente ignorados ou ignoradas; ou peor aínda, considerados un rostroballo do pasado destinado a desaparecer. A materia morta da urbe levou aos seus habitantes as veces a esquecerse que a vida procede en boa parte do rural e a materia dos artefactos que os envolven tamén.

A concepción da chamada globalización como algo superador dos atrasos do pasado tamén nos fixo esquecer que o descubrimento da globalización da terra xa é moi vello. O problema está en como se move o ser humano e as colectividades dentro do globo, e en beneficio ou en prexuízo de quen se moven. Isto ben a conto de que o feito de deixar o noso rural abandonado para alimentarnos con produtos doutras áreas do planeta ou pensar que podemos seguir tendo como solución dos nosos fillos e fillas emigrar, pode saírnos moi caro.

O actual Goberno do PP na Xunta levou a tal extremo o desprezo e autoodio polo noso rural que está facendo todo canto pode porque desapareza.

Tampouco outras opcións están indo ao fondo do problema: Falar de agricultura ecolóxica ou medio rural sostíbel non chega. O abandono do noso rural as forzas dos maléficos e decrépitos mercadeiros (mal chamados mercados) no momento en que os países da periferia europea estamos sendo acurralados cara desfeita total, significa anular un dos mellores botes salvavidas nestes temporais.

Salvar as potencialidades do noso rural, e moi especialmente as da agricultura, non é un problema sectorial nin unha concepción romántica, é unha necesidade urxente para que Galiza non caia na miseria. Incluso aqueles que so conciben a Galiza como “la Región del Noroeste de España”, se foran minimamente intelixentes, desexarían ter eiquí algo mais que dúas urbes con dous equipos de fútbol e dous alcaldes castrapo-parlantes e “unhas marisquerías”.

Xa vai sendo hora de que nos decatemos que non so non hai construción senón que non hai para quen construír, porque so quedan vellos e non se forman familias nin parellas porque tampouco se fai País nin hai perspectivas de ter uns ingresos que permitan vivir con estabilidade. As grandes factorías desapareceron, a industria é pouca e en poucos ramos.

A construción estaba condenada a quedar en mínimos; coa nova creación do Estado anoréxico non hai obra pública. O sector servizos camiña moi ben cando o engraxan os outros. Os aforros rematan de roubárnolos “todiños”, incluso as reservas que tiñamos en forma de peto para os apuros. Non podemos contribuír ao suicidio colectivo ao que nos leva Feijoo e a súa tropa.

Inda nos quedan as leiras, e como non poden levalas ao lombo, estánnolas facendo desocupar cun ataque combinado de cinco frontes imparábeis:

-Desesperación dos labregos e labregas que aínda resisten na actividade agraria, cos impostos, baixos prezos, burocracia, desprezos…. -Desarraigo e arredamento dos novos ou novas que tivesen a tentación de mirar no rural ou nas súas actividades o futuro. -Avance da flora eucalipteira e do lume como acompañante. -Avance da fauna salvaxe contra todo tipo de labor agrícola ou gandeira. -Catequese antipriscinialista a través das misións nacional-catolicistas e folclorio-andalucistas do “rosario do Luar” do padre Gaioso; da “novena moderno-parroquiana” do Padre Casares e dos desconxuros do “meigallo bipartito” do bispo Feijoo.

Non foi o complexo do Gaias a lousa mais grande que Fraga deixou pesando sobre o lombo das xentes traballadoras de Galiza. No rural, e fora do rural somos moitos cidadáns, de tódalas opcións políticas, non so do BNG, que ollando cara o pasado e comparando co presente, temos que exclamar: ¡Calquera cacique do pasado foi mellor! Cando menos exercían de caciques e de caciques galegos. Con Feijoo o único que temos é un Delegado do Goberno do Estado bis. Curiosamente o destino da Consellería do Medio Rural é o mellor exemplo para saber o futuro que lle agarda a Autonomía en Galiza como os e as nacionalistas non nos movamos. Ninguén nos explicou si suprimiron a Consellería pola inutilidade do Conselleiro ou si suprimiron o Conselleiro pola inutilidade da Consellería. Pero o que é mais difícil de explicar é porque nomean ao ex Conselleiro Delegado do “Gobierno Español” si xa estaba Feijoo. E logo din que queren suprimir duplicidades…. En realidade o que está a acontecer é que xa teñen en Madrid un Ministro especialista, dende que foi o das “vacas tolas”, en liquidar a agricultura galega.

Ningunha comunidade autónoma, agás a galega ten un goberno que presuma de que se reduce o peso do sector primario na economía; xeralmente están tratando de primar as potencialidades do rural e principalmente a produtividade agraria. Eiquí si algo mellora no rural non é grazas a Xunta, si non a pesar da Xunta. Por perder perden ate aportacións doutras instancias que lle reportan ingresos netos. O caso mais claro é o desinterese e pexas que pon a Xunta nas axudas a incorporación de xente moza a agricultura na que ten que facer a Xunta un desembolso inferior ao que recada en taxas dos proxectos.

Con esta crítica non quero chegar a conclusión de que o proceso no que está metido o noso medio rural é irreversíbel, ou cando menos, que é irreversíbel mentres non se de cambiado o Goberno. A salvación do noso medio rural, o mesmo que a do idioma ou o patrimonio, ten que partir de abaixo e manter a tensión e o enfrontamento permanente, buscando loxicamente tódolos apoios posíbeis.


,E urxente reducir dependencias e buscar pouco a pouco, xuntando forzas de tódalas entidades e sociedades que superen as tirapuxas electorais e poñan o ollo en valorizar os grandes recursos que temos.

A seca deste ano deixounos claro que compre ter menos dependencia foránea de forraxe e cereais, a especulación enerxética obríganos a buscar nos nosos recursos fontes de enerxía. Temos xusto aquilo que as multinacionais están acumulando de cara o futuro; terra produtiva, auga e fontes de enerxía, organicémolo antes de que nolo rouben para telo en depósito. Si non hai burguesía ou banca galega será preciso traballar COMO SEMPRE SE FIXO coas crases populares.

Non podemos seguir a agardar desenrolos falsos que nos levan a emigración, a ruína ou ao suicidio como país tendo a terra ao ermo e a nosa xente nova na frustración permanente. No noso rural temos de todo. Preguntádelle a calquera entendidos de desenrolo urbano que cousas precisan que non teñamos no rural galego: Temos montes, pozos e fontes de enerxía e de riqueza, temos necesidade e capacidade de organizarnos, producir e transformar o país. O problema non está no que temos, está no que nos sobra; no papanatismo. Sempre pensamos que o dos outros é o bo e o noso o ruín. No rural inda queda moito do noso: ¡Pensemos en galego e valoremos en galego, do contrario morreremos a miñoca!

E como ademais de falar tamén hai que dar trigo, e centeo, e millo, e leña (moita leña) están nacendo alternativas tan meritorias e con tanto futuro como a Plataforma que esta fin de semana se creará en Pontevedra e Poio entre FRUGA, OGMVMC, CIG E ADG. ¡Longa vida ao rural galego!

-----------------------------------------------------------------
[NOTA EDITORIAL.- A responsábel editorial desta publicación dixital, Terra e Tempo, recorda que as valoracións e opinións contidas nos artigos das colaboradoras e colaboradores habituais recaen integramente no ámbito da responsabilidade delas e deles. A directiva non asume como propias máis que as afirmacións do "Editorial" ou de "Xunta Directiva da Fundación Bautista Álvarez" que, con este nome, se publica á cabeza dos artigos do día. Tendo comprobado como é moi elevado o número de lecturas e comentarios dalgúns artigos -cousa que nos honra, naturalmente-, asistimos igualmente a unha utilización espuria da opinión dalgúns colaboradores, facéndoa extensiva á Fundación Bautista Álvarez ou á Unión do Povo Galego, partido que non ten responsabilidade sobre este dixital que edita a Fundación. Insistimos, por isto, en como o dixital Terra e Tempo, respeitando a liberdade de expresión dos seus colaboradores, non fai súas en absoluto as aprezacións particulares, sobre calquera tema, dos mesmos. Reservámonos, claro está, como en calquer publicación similar, o dereito de inserimento dos comentarios que cada artigo merecer, pois non damos nin daremos cabida a aqueles que conteñan insultos ou resulten difamantes ou inxuriantes para persoas, institucións ou organizacións.]
-----------------------------------------------------------------