A revolución non será televisada
Que os medios de comunicacións, tradicionais, de internet, e televisións fixen a súa atención nas manifestacións e concentracións dos movementos sociais debería ser o normal, mais, por que eclipsan ou ignoran a aqueles realmente transformadores?
"A revolución non será televisada" é o título dun excelente documental da televisión irlandesa producido en 2003. Nel nárranse os sucesos acontecidos arredor do golpe de estado en Venezuela en abril de 2002, desmontando as manipulacións e terxiversacións dos medios de comunicación masivos, que, un ano ano antes, dicían que o golpe non só contaba con apoio popular senón que Chávez abandonara o poder pola súa propia vontade; grazas ao documental, que non se emitiu en horario de máxima audiencia en ningunha canle de televisión que eu coñeza, sabemos que foi todo o contrario, que o presidente Chávez fora secuestrado e obrigado a renunciar, e que foi o pobo venezolano o que obrigou aos golpistas a volver por onde viñeron.
A idea dos medios de comunicación para tamaña manipulación é clara: impedir a visualización de calquera tipo de alternativa ao capitalismo en crise permanente, e que nesta última etapa está a visualizar o seu rostro máis inhumano e salvaxe en forma de recortes sociais e laborais, paro, privatizacións do sector público, etc, que están a provocar unha forte contestación e indignación sociais latentes e moitos países do mundo, e en concreto de Europa.
Tanto é así, que nos días previos ás eleccións municipais do 22 de maio houbo no Estado Español unha serie de mobilizacións sociais en forma de concentracións de todo tipo de persoas "indignadas" coa situación actual, cos dous partidos políticos maioritarios e co sector financeiro que provocaron a fonda crise económica actual. Miles de persoas concentráronse na Porta do Sol de Madrid, a concentración que acaparou toda a atención mediática daqueles días.
Desde o 15M, data da celebración da mobilización, que deu pé ás concentracións posteriores, todos os medios de comunicación fixaron os seus focos de atención no movemento promotor "Democracia Real Xa", o que posibilitou o espallamento destas concentracións á periferia do Estado Español. A concentración de "Sol" acaparou portadas inéditas para outro tipo de movementos sociais; só hai que ver as do xornal El País na semana previa ás eleccións, e mesmo na propia xornada electoral, ou os informativos das distintas televisións neses días.
Como dixen no meu artigo anterior, moitas das propostas do movemento #15M son perfectamente asumíbeis desde unha óptica nacionalista e de esquerdas, pero reducir todas estas á modificación da lei electoral, avogando claramente por unha circunscrición única, -estatal, por suposto-, e polas listas abertas, que Esperanza Aguirre e Feijoo abrazan xa de xeito entusiasta, semella que se pretende máis manter o status quo, que procurar un cambio real na sociedade e na economía.
Para afondar nesta cuestión, resulta certamente curioso que coa fonda crise económica que hai, cos niveis de paro existentes, que afecta ao 20,7% da poboación do Estado, e dentro destes ao 44% dos mozos e mozas, coa precariedade laboral existente, co deterioro dos servizos públicos, etc, repito, resulta certamente curioso que as demandas máis importantes se cingan en exclusiva a demandar máis democracia e máis transparencia na política, no canto de esixir a derrogación de leis e decretos anti-sociais como a reforma laboral ou a reforma das pensións, por citar só dous exemplos de especial relevancia para a xente máis nova, que é que a que está a capitalizar este movemento social.
O movemento #15M está claro que destapou a caixa de pandora, pero mentres as propostas sexan inocuas para o sistema terán a atención dos medios, mais en canto se fagan propostas de maior calado, máis concretas, realmente transformadoras, e en canto se dea cabida a organizacións sociais e políticas que comparten eses obxectivos, pero que neste intre están sendo atacados desde determinados ámbitos deste movemento, os focos mediáticos apagaranse, pero xurdirá máis xente disposta a botar unha man para conseguir unha sociedade máis xusta, porque o que si deixou claro este movemento é que existe un fondo malestar, por mor da profunda crise económica que estamos a padecer.
Os nacionalistas galegos e galegas sabémolo ben, a revolución non será televisada, non vaia ser que sexa contaxiosa.