A revolución dixital e a transformación social
A revolución dixital e a relación dos gobernos, e non solo eles, coas persoas ten arestas certamente perigosas se son mal utilizadas, como son as “big data” e a proliferación da mentira como táctica de goberno. Dicía o matemático sueco Andrejs Dunkels que “podes mentir cós datos mais non podes contar a verdade sen eles”. Esta afirmación, certamente brillante, resposta perfectamente á pregunta de que si esta revolución é boa ou mala. Será o que a súa boa ou mala utilización faga de ela.
Falabamos no anterior artigo dos milesianos, tócanos hoxe falar dos milénicos, os tamén coñecidos como xeración Y, ou xeración do milenio, en definitiva nativos dixitais. Os nacidos a partir de 1980 viñeron ao mundo coas tecnoloxías disruptivas e dotados duns chips que os seus antecesores nin temos nin teremos nunca por moito coñecemento que teñamos delas. Pero esta xeración tamén ten o límite do ano 2000 e xa ven outra detrás. Os milénicos tamén son chamados xeración Peter Pan, pois parecen demorar maioritariamente algúns ritos de paso á idade adulta. Aínda que a metade poda definirse como politicamente independentes e agnósticos isto non implica apatía cívica xa que expresan a súa opinión comprometida e a difunden en redes sociais. A súa entrada no mercado laboral está moi relacionada coa revolución dixital.
Como adiantabamos no preámbulo, o big data é a fonte esencial para o crecemento económico, creación de emprego e progreso social. O seu valor na unión europea calcúlase en 272 billóns de euros en 2015 e se pensa que con políticas e lexislación axeitadas o seu valor pode duplicarse en 2020. Aínda que determinados prognósticos anuncian que a dixitalización reducirá en máis de cinco millóns o emprego, principalmente os administrativos, até o 2020, os cálculos sobre o mercado único dixital europeo determinan uns 2,6 traballos novos por cada un destruído e cifran en 3,8 millóns os que este mercado pode crear, reducindo ao tempo o custe da administración pública entre un 15 e un 20 por cento. No Reino Unido, por exemplo, na sanidade pública o 90% das interaccións son cara a cara e a redución nun simple 1% suporía un aforro de 200 millóns de libras. Abondando nas cifras as fabricas europeas terán un crecemento de entre un 15% e o 20% para o 2030 si se dixitalizan.
Como xa se dixo esta transformación dixital leva consigo un novo modelo de relación entre os e as administradas e as administracións públicas. Este novo paradigma social e tecnolóxico sitúanos no centro da acción de goberno. Agora ben se este centro é para aproveitarse de nos como maior fonte de poder polo coñecemento total e absoluto que se pode ter de todas e todos a través do big data e grazas a isto manipular a opinión pública e dirixir o voto, mal vamos e máis cerca estaremos do 1984 de George Orwell. Si ese coñecemento é utilizado para implicarmos a todas e todos na labor de goberno e chegar a unha verdadeira democracia participativa que substitúa á representativa actual iremos polo bo camiño.
Falabamos tamén do perigo da mentira neste mundo dixital. A afirmación de que unha mentira mil veces repetida acaba aceptándose como verdade converteuse nunha das prácticas da Alemaña nazi que agora e a través do efecto multiplicativo das redes é aínda máis perniciosa. Tamén a utilización maliciosa e atafegante de datos e máis datos económicos que son retorcidos e manipulados até chegar a unha afirmación concluínte e beneficiosa para os intereses de parte, converten o afirmado en mentira e cobra forma na frase de Dunkels. Non é doado loitar contra isto e supón dotarse dunha desconfianza previa sobre todo aquelo que non sexa confirmado por nos mesmos en outras fontes. Non chega con ler unha nova ou afirmación para créela, temos que buscar outros medios, outras opinións para ter máis cerca a verdade das cousas.
A sociedade dixital é máis responsábel, esixente e dotada con ferramentas máis poderosas que si son utilizadas nos poden levar a unha rexeneración democrática baseada na confianza, a transparencia e a autenticidade. Os novos compromisos teñen que ser reciprocidade, compromiso, horizontalidade e comunicación. Unha administración responsable, honesta e que loite por unha sociedade máis xusta e igualitaria en todos os sentidos ten diante novos retos pero tamén moitas e rupturistas posibilidades que afectan a todas as áreas do sector público.
Non quero rematar sen mencionar un informe da Comisión Europea sobre robótica. Este informe pode exemplarizar os cambios que están aquí e os que se aveciñan. Trátase dunha proposta de resolución do Parlamento Europeo con recomendacións destinadas á Comisión sobre normas de Dereito civil sobre robótica de recomendada lectura (2015/2103 (INL)). Ten 11 puntos de introdución nos que destaca o E que dí que o desenrolo da robótica e a intelixencia artificial pode levar consigo que os robots asuman grande parte do traballo que agora realizan seres humanos, cuestión que xera interrogantes sobre o futuro do emprego e a viabilidade dos sistemas de seguridade social en caso de que se manteña a actual base fiscal, e que podería traer unha maior desigualdade na distribución da riqueza e o poder. Resumindo as conclusións propón, entre moitas e variadas cousas, que estas “persoas electrónicas” tributen como as que temos como base o carbono. Se o futuro está en que sexan as máquinas as que traballen e os nosos descendentes se podan adicar ao lecer e a adquisición de coñecementos de todo tipo, benvido sexa o futuro.
Quedémonos con que a revolución dixital e a transformación social que trae será boa si se fai unha boa utilización dela e será nefasta, sen querer meter medo, se non adoptamos os pertinentes controis para que os de sempre non a podan utilizar para os seus intereses.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.