A resposta é o Poder Popular

A resposta é o Poder Popular

No Día da Patria Galega, máis unha vez, a consigna estrela foi a de Galiza Ceibe, Poder Popular. Para aqueles que fan da modernidade un fetiche que se esgota en si mesmo (se o moderno é o novo, nada o é, porque todo é efémero e vira vello ao final do día), esta palabra de orde semellará sen dúbida arcaica, antediluviana. Para os que temos unha concepción dialéctica e materialista da historia, estamos, en troca, ante a expresión vivísima do desexo profundo dun sector moi importante do noso pobo, aquel que ten conciencia de si mesmo. Non pode ser máis que actualísima unha consigna que coloca obxectivos aínda por conseguir, e obxectivos cada vez máis prementes se o que queremos é construírmos unha sociedade máis libre, máis galega e máis democrática. No canto de facermos exercicios estériles de metaliteratura política (como se a remuda de significantes -dos continentes verbais- non agachase moitas veces operacións verdadeiramente espurias de desnaturalización dos significados -dos contidos, do que hai detrás da palabra), o que deberíamos é orgullármonos de que Galiza sexa un dos escasísimos territorios da Europa occidental en que existe na base da sociedade un movemento nacional, popular e democrático digno de tal nome.

A verdade é que percibín nos coros deste Día da Patria -nese afervoado cántico de Galiza Ceibe, Poder Popular que atroou a Quintana- unha mensaxe clarísima, nada encristada e moi doada de descodificar: hoxe máis que nunca, a causa nacionalista en Galiza é unha causa a favor da democracia e dunha orde social rexida polas maiorías e non polas elites. A causa nacionalista en Galiza é a vía galega para a construción dunha alternativa ao capitalismo neoliberal, entendendo esa alternativa como a autoorganización de todas e de todos os que non explotamos o traballo alleo, tal e como a concibía Rosa Luxemburgo. Dito doutro xeito: non é posíbel sermos Ceibes se non é a través da construción do Poder Popular. O siloxismo funciona tamén ás avesas: non teremos Poder Popular se non somos Ceibes, se non exercemos o dereito de autodeterminación. A emancipación nacional -a conquista da soberanía- está indisolubelmente ligada á emancipación social -o acceso a unha sociedade libre de explotación.

O españolismo apréndenos todos os días que, cando menos no que se refire ao debate nacional, pasou o tempo do pensamento débil. Eles si se expresan con dureza. Nación aquí só hai unha, afirmou Feixóo, despois de que Fraga ceibase un Viva España! ao coñecer a sentenza do Tribunal Constitucional sobre o Estatut. Ese mesmo españolismo é o que atenta contra as conquistas sociais e o que vai converter o despedimento libre (que xa o había) en despedimento gratis (e subvencionado polo Estado), e aínda por enriba con proclamas socialdemócratas polo medio. A negación do País aquí tamén está indisolubelmente vencellada coa negación dos dereitos das clases populares. A reacción antinacionalista é sempre reacción antipopular. O proxecto do españolismo é un proxecto elitista, cosmopolita (trufado dun vougo europeísmo que non é máis que claudicación ante os oligopolios franco-alemás) e antisocial. Todo moi moderno, como vedes.

PRAXE DIARIA

Non queda outra que tomarmos a consigna nas nosas mans e facermos dela praxe diaria. Non queda outra que construírmos Poder Popular. Que contribuírmos para a autoorganización das clases traballadoras galegas. Que, alí onde gobernemos, perfeccionarmos os mecanismos da democracia participativa, da participación social na toma de decisións do poder político. Non queda outra que estarmos permanentemente no medio do pobo, pero non para pasmar, nen para mimetizármonos, nen para sermos asimilados, senón para transformarmos a realidade e a consciencia subxectiva desa realidade. Temos que estar onde está o pobo (e non esquecermos nunca que nós somos iso tamén, pobo) pero non para repetirmos as ladaíñas do pensamento convencional, nen tampouco para edulcorar as nosas ideas ao punto de facelas irrecoñecíbeis, mais si para defender con vigor a nosa alternativa e patentizar que hai unha forma distinta de facer política porque hai tamén un mundo distinto que conquistar.

Estes tempos son duros, pero á vez moi instrutivos. Quen queira ver o que hai teno ben doado. Simplemente ten de abrir ben os ollos. Só os óculos da alienación poden cegarnos. Só as vendas da propaganda poden atuírnos a visión. Agora sabemos ben o que hai detrás das bambolinas. Quen manda realmente. Quen exerce o poder e quen se presta como fámulo, mordomo, lacaio, dos poderosos.

NEOFASCISMO LIGHT

O baleiramento da Democracia conduce a unha sorte de neofascismo light que é susceptíbel de se endurecer en formacións sociais como a española, viciadas desde hai séculos por un chovinismo granespañol que se mostra especialmente virulento en momentos de grave crise social ou económica. A recente aparición de Aznar en escena a rebufo da mobilización de masas balompédicas non foi máis que unha obscena operación de lexitimación españolista dunha idea mítica, a da España única e indivisíbel, a mesma que achou corpo xurídico na sentenza do Tribunal Constitucional. O cirurxián de ferro ofrece os seus servizos por se o vello Imperio, agora redivivo con tanto Nadal e tanto Contador e tanto Alonso, fraquea ante os embates disgregadores dos que Pedro Jota chama antipatriotas.

Esta España non dá máis de si e dubido moito que nun horizonte verosimilmente abarcábel poda haber outra. Xa Rosalía e Castelao bateron nas súas respectivas épocas cos límites dos pretensos progresistas españois. Non ollemos máis cara a fóra, porque é o nada, no mellor dos casos, o que acharemos. Dediquemos o noso traballo a acumularmos forzas en Galiza, a persuadirmos a nosa xente de que é na autoorganización popular -val dicir, no exercicio cotiá da democracia como poder do pobo- onde está o único camiño posíbel para que a nación galega se abra paso.

Temos que ser máis, si, pero temos que ser máis nacionalistas tamén. Temos que explicar con clareza que significa o nacionalismo galego hoxe: Democracia, Autogoberno, Benestar. Conquistaremos a maioría social se opomos a razón do noso proxecto á barbarie dos que adoran o Deus Mercado e a España mítica dos Reis Católicos. Conquistarémola se ofrecemos un mundo novo fronte á cosmovisión que nos presenta o bipartidismo estatal, esa imaxe crepuscular que podemos compor cos trazos da descomposición da democracia formal, a españolización rampante e o trunfo de Friedman sobre Keynes.