A remar!!!


Contan as crónicas, que fai 3 anos, celebrouse unha competición de remos entre dous equipos, un composto por traballadores dunha recoñecida empresa española e o outro polos seus colegas dunha empresa xaponesa. Deuse a saída e os remeiros xaponeses empezaronse a destacar dende o primeiro momento. Chegaron á meta e o equipo español fixoo cunha hora de retraso sobre os xaponeses.

De volta a casa, a Dirección xuntouse para analizar as causas de tan bochornosa actuación e chegaron á seguinte conclusión: "Puidose detectar que no equipo xaponés había un xefe de equipo e dez remeiros, mentres que no español había un remeiro e dez xefes de servizo, polo que no próximo tomaranse as medidas adecuadas".

No ano seguinte deuse de novo a saída e novamente o equipo xaponés comeza a distanciarse dende a primeira padexada. O equipo español chegou esta vez con dúas horas e media de retraso sobre o equipo nipón.
A dirección volveuse xuntar despois da bronca de xerencia para estudar o sucedido e viron que ese ano o equipo xaponés compúxose novamente dun xefe de equipo e dez remeiros, mentres que o español, tralas eficaces medidas adoptadas o ano pasado, formábase por un xefe de servizo de asesores de xerencia, sete xefes de sección e un remeiro. Polo que tras dun minucioso análise chégase á seguinte conclusión:

O REMEIRO É UN INCOMPETENTE

Ao seguinte ano, como non podía ser diferente, o equipo xaponés escapouse nada máis darse a saída. O equipo que este ano tiña encargado o departamento de novas tecnoloxías, chegou con catro horas de retraso. Trala regata e a fin de avaliar os resultados, celebrouse unha xuntanza de alto nivel no cuarto andar do edificio, chegándose á seguinte conclusión:

"Este ano o equipo nipón optou unha vez máis por unha tripulación tradicional formada por un xefe de equipo e dez remeiros. O español tras dunha auditoría externa e o asesoramento especial do departamento de informática optou por unha formación máis vangardista e compúxose dun xefe de servizo, tres xefes de sección con plus de produtividade, dous auditores de Arthur Andersen , catro vixiantes xurados que non quitaban ollo a un único remeiro ao que tiñan amoestado e castigado quitándolle todos os incentivos por fracasar no ano anterior".

Tras varias horas de reunións acordouse para a regata seguinte despedir ao remeiro e contratar un becario universitario.
,
Este pequeno conto co que pretendía dar unha nota de humor ao que se aveciña, serve tamén para que nos sentemos e reflexionemos sobre o futuro que como organización política queremos ter, que é o que realmente perseguimos e cales son os métodos para acadar esa meta. No profundo da imaxinación quero pensar que a xente, en xeral, ten boas intencións e, por veces, facemos cousas sen pensar que provocan máis dano que solucións aportan ás problemáticas que vivimos ou provocamos.

A posta en escena de varios alcaldes e alcadesas do BNG na prensa amarela/gris non é indicativo de ningunha melloría tanto pola súa forma como polo seu contido. Partindo da estrutura dunha organización respectuosa coas bases das que emana a verdadeira soberanía e contando, polo tanto, cos concellos como verdadeiros mobilizadores e xeradores dese soporte chamado BNG non é menos certo que a ponderación das ideas, do valor das propostas e, incluso, da lexitimidade das mesmas vese perturbado coas contradicións existentes, que baixo o meu prisma lévannos a unha confrontación que nada ten que ver coa mensaxe directa que se pretende transmitir. O subliminal supera ao principal con méritos dabondo para perderse na ignominia do desconcerto.

Eu tamén quero falar, preguntar, dende a ignorancia da independencia que me permite o tempo:

- Algunha desta xente con cargo institucional e representativo do BNG está nos órganos de dirección?
- Sendo a resposta positiva, podo considerar que están facendo unha crítica ao seu propio traballo?
- Nas análises políticas dos resultados electorais sempre se dixo que cada comicio ten o seu comportamento particular e que, por exemplo, as eleccións á Xunta de Galicia non teñen nada que ver coas eleccións municipais?
- Sendo así, non é certo tamén que en algún deses concellos os resultados das derradeiras eleccións celebradas foron á baixa?
- Quere isto dicir que as persoas que representan esta opción están caducas ou non son as idóneas para encabezar o proxecto político do BMG?
- Coas declaracións vertidas a posteriori, seguimos pensando que a miña voz/voto como militante de base non ten o mesmo valor que a de outra xente que ocupa algún cargo?
- Sendo así, o proceso que se aveciña dentro da Asemblea Nacional é un proceso deturpado?
- Cando se pide que cada militante sexa un voto dentro do proceso asembleario (co que eu concordo ao 100%) estamos entrando nunha gran contradición xa que, a miña opinión é menos válida que a de outra xente?
- Se realmente queremos dar un debate interno porque saímos á prensa e non utilizamos unicamente as canles establecidas para tal fin?
- Son os debates sobre a liña política a verdadeira causa deste "asunto" ou todo se centra en quen encabeza o proxecto sen máis?
- Se o debate se reducira ás teses políticas porque hai tan pouco debate sobre estas?
- Finalmente, non considerades que coas vosas declaracións estades tratando de perverter o proceso democrático que lexitimamente existe dentro do seo da organización? Imaxinades que a miña opinión fora en contra da maioría e non a aceptara? Posiblemente non respectaría as regras do xogo, non?

Teño o gusto de coñecer a algunha da xente que asinou ese "manifesto" e a outros e outras non, e quero dicirvos que estou profundamente decepcionado. Só agardo que a reflexión de todo o dito e provocado non se transmita directamente nunha afiliación masiva e temporal (ficticia) que estrague aínda máis a vontade da xente que leva moito tempo traballado por este país, incluídos vosoutros e vosoutras. Só agardo que do mesmo xeito que sodes capaces de falar tamén saibades escoitar á xente que, con actitudes como esta, estades alonxando do voso carón.

Só fai falla traballar, pero con control.