A reinvención do bosque atlántico
A reinvención do bosque atlántico
Ultimamente levo tratado bastante a respecto da consideración de especies vexetais autóctonas e da situación dalgúns ecosistemas terrestres de Galiza, concretamente a respecto do bosque atlántico e de ribeira.
A ninguén se lle escapa o significado do que queremos expresar cando dicimos que a biomasa vexetal do monte que actualmente podemos contemplar, gozar e xestionar, non ten nada a ver co bosque atlántico orixinario, mais hai dous factores que non temos en conta cando facemos esa afirmación e abordamos este debate: a evolución da vexetación dende as glaciacións e a antropización.
Evolución da vexetación dende as glaciacións
Este primeiro aspecto é relativo ás variacións climáticas acontecidas nos últimos milleiros de anos que fixeron variar tamén a vexetación predominante. É por iso que cando falamos do bosque autóctono temos que buscar unha referencia temporal para tratar de definir a que nos estamos a referir.
O avance e retroceso da vexetación vai parella á das glaciacións, a última, hai 80.000 anos, rematou co período do Pleistoceno, mais as oscilacións do propio período glacial indican que a última vaga glacial, do período WÜRM III, rematou hai 12.000 anos, xa no Paleolítico Superior, daquela non tiñamos nin bosque atlántico nin sociedades humanas autóctonas sobre a vella nosa terra.
Foi co remate desta glaciación cando a vexetación reconquista o solo deixado ceibe polo retroceso dos xeos. O papel da costa atlántica peninsular no período dos xeos foi de reservorio de bosque, o que despois permitiu que avanzara cara ao norte e o interior. Primeiro, hai 10.000 anos, con piñeiros e bidueiros, despois, hai 9000 anos, sendo substituídos por abelairas e polos carballos, chegando ao óptimo climático hai 5.000-7.000 anos no que foi ocupada toda Europa por un bosque mixto de frondosas, con carballos, freixos, ameneiros e ulmeiras. Daquela os humanos perseguían aos uros, tal e como datan os recentes achádegos do Courel.
A partir de aí o clima faise seco, retrocedendo as ulmeiras e avanzando as faias e as coníferas, aprezándose xa a eliminación do bosque por efecto antrópico para crear campos abertos de caza e despois cultivos. Nos últimos 2500 anos avanzan as faias en toda Europa, grazas a unha maior humidade no clima aínda que os carballos manteñen preponderancia.
Hai que ter conta que mesmo na distribución xeográfica da vexetación pode observarse que esta non é uniforme e que se adapta, coma un mosaico, ás peculiaridades ambientais que ofrece a variada orografía.
Entón, onde situármonos para definir o bosque atlántico orixinario?
Evolución da vexetación pola antropización
Este segundo aspecto contempla que o territorio de Galiza foi un lugar habitado polas sociedades humanas dende hai 8.000 -10.000 anos e, derivada desa ocupación, dáse unha modificación da contorna e mesmo da paisaxe.
Hoxe atopámonos cun bosque caducifolio relegado aos cumes e ladeiras inaccesibles ou cun bosque de ribeira bordeando os ríos, mais ambas formacións nun tempo presentaban unha cobertura continua do territorio onde as especies arbóreas ían substituíndose unhas a outras en función da súa adaptación ás condicións ambientais. Dun tempo a esta parte (séculos) é o uso antrópico do territorio o que define o tipo de vexetación presente, a realidade é unha apariencia.
Entón, onde nos situármonos para definir tan só o bosque?
Cando falamos da recuperación do bosque atlántico estamos a falar dunha ampla diversidade de formacións vexetais xa que este tipo de bosque componse de vexetación mixta típica do clima atlántico, con alta humidade, choiva e temperaturas medias no inverno. En definitiva falamos dun bosque temperá de árbores frondosas caducifolias con coníferas incluídas. A característica desta formación é a grande variedade vexetal e animal que alberga. Predominan carballos, freixos, faias e bidueiros, mais formando parte do mosaico de vexetación atlántica tamén atopamos vexetación típica dos bosques de coníferas de montaña, piñeirais e teixidais, das brañas, das turbeiras, das dunas e dos pasteiros.
Cando falamos desa recuperación non estamos máis que re-antropizando a evolución que leva este tipo de formación vexetal cara a súa desaparición e que a empuxa a converterse nunha mestura crioula, representativa da vexetación planetaria, que rematará por evolucionar adaptándose aos ambientes locais cara a non se sabe onde.
Mais, aínda con todos estes condicionantes este exercicio de re-invención pseudonatural do bosque atlántico, por moi custosa que nos pareza, resulta cada día máis necesaria.