A reforma educativa do Partido Popular: (máis) españolización, (máis) privatización e (máis) clasismo
A alternancia no goberno do Estado sempre vén acompañada de reformas educativas. Porén, estas reformas seguen sen alterar a columna vertebral do sistema educativo, emanada do artigo 27 da Constitución, que consagra así o principio de liberdade de ensinanza para estender a privatización e os concertos educativos, co fin de propagar valores retrógrados e contrarios a unha educación científica e laica. O Ministro de Educación vén de presentar, na Comisión de Educación do Parlamento español, as propostas educativas do PP para esta lexislatura reforzan a función subsidiaria do ensino público con respecto ao privado concertado, impedindo, así, que o ensino contribúa á cohesión social e á función compensatoria das desigualdades sociais. Chegou a afirmar que a “liberdade de ensino” se converte, nin máis nin menos, “no segundo piar en importancia da educación”, a pesar de que reforzar a liberdade de elección de centro é sinónimo de reforzar o ensino concertado con idearios propios e sen control público, pero pagado por todos e todas nós. Non deixa de ser unha perversión e un engano que a iniciativa privada cree centros privados, baixo o seu ideario ideolóxico, obrigando despois a que llos financie a administración educativa, co pretexto de que as familias poidan elixir o tipo de educación e o centro educativo. Inaceptábel é, tamén, nun momento de permanentes e graves recortes no ensino público, pretender crear “centros de excelencia” para un alumnado “excelente”, desterrando ese binomio inseparábel de calidade e equidades que debe guiar o ensino. A educación como servizo público esencial debe garantir un ensino común, básico e igual para todos e todas. Até a propia OCDE vén de facer público un informe no que afirma que a libre elección de centro impide un ensino equitativo e supón segregación e maior fracaso escolar.
A proposta trampa de ampliar nun curso o bacharelato non suporá ampliar a escolaridade obrigatoria nin reforzar o ensino básico, senón acurtarlle ao alumnado un ano de formación común e básica. Esta ampliación irá en detrimento de cuarto da ESO ( Educación Secundaria Obrigatoria), porque expulsará do sistema educativo o alumnado que repetira algún curso anteriormente e que unha vez rematado terceiro de ESO xa cumprira dezaseis anos. Todo apunta a que o alumnado que non remate 3º da ESO con quince anos permanecerá só un ano máis escolarizado e verá cernada a súa posibilidade de continuar estudando, xa que terá superada a idade de escolarización obrigatoria para iniciar os estudos de FP ( Formación Profesional) ou Bacharelato que, nalgúns casos, nin se impartirá no mesmo centro onde cursou a ESO, cando até agora, no ensino obrigatorio, era posíbel permanecer escolarizado máis alá dos dezaseis anos. Hai unha intencionalidade clara nesta nova ordenación da ESO, acurtar a escolaridade a aquel alumnado que máis o necesita. O alumnado que supere 3º da ESO terá dúas posibilidades: escolarizarse en FP ou en Bacharelato. A separación, nestas dúas opcións, pode vir supeditada pola instauración dos itinerarios educativos a partir de 2ºde ESO, baseados, na práctica, en criterios segregacionistas do alumnado, segundo as súas capacidades e/ou actitudes que están condicionadas, na maioría das veces, pola procedencia social e non polos seus intereses ou orientación académica futura. Con esta proposta córrense dous riscos: desvalorizar a formación profesional e optar pola medida máis cómoda, pero non resolutiva, para solucionar o fracaso escolar. Non estamos, nin moitos menos, ante a necesaria racionalización do currículo de Bacharelato, condicionado e orientado, en boa medida, polas probas de acceso á universidade, nin na razoábel ampliación do Bacharelato nun curso máis, que nunca podería ser en detrimento de reducir un curso o ensino básico e común da Educación Secundaria Obrigatoria. Amais das consecuencias negativas, anunciadas anteriormente, son moitas as desta nova ordenación educativa, entre as que cabe destacar a ampliación dos concertos educativos a 1º de Bacharelato e 1º de FP coa intencionalidade de estendelos a todo o Bacharelato e a toda FP, nivel educativo que, hoxe, xa se apropia de 13 millóns de euros do erario público. Suporán un transvase importante de alumnado dos centros públicos aos privados concertados e a supresión de unidades e de postos docentes. Estamos ante un novo reforzamento do ensino concertado, co conseguinte desvío de máis millóns de euros ( hoxe xa recibe 247 millos ) á privatización do ensino, en detrimento do público. Esta nova estrutura será aproveitada pola Consellaría de Educación para transformar os actuais Centros Públicos Integrados en Colexios de Infantil e Primaria, trasladando as ensinanzas e o alumnado da ESO, o que significará, en moitos casos, o afastamento dunha etapa do ensino obrigatorio do medio rural, agudizando, aínda máis, o seu despoboamento. Máis unha vez, observaremos a destrución de postos escolares, desprazamento do alumnado, mobilidade xeográfica e funcional do profesorado e a ampliación das materias a impartir obrigatoriamente polo profesorado sen ser especialista das mesmas.
Procúrase, baixo o pretexto da avaliación externa dos centros educativos, tal e como o propio Ministro manifestou na Comisión de Educación, a conformación de distintas categorías de centros, segundo o rendemento académico do alumnado. Chegou a afirmar que o resultado das probas externas será fundamental para que as familias “poidan exercer a liberdade de elección de centro que lles recoñece a Constitución”. Ábrese o camiño a que se clasifiquen os centros, atendendo ao resultado escolar do alumnado, sen ter en consideración as características socioeconómicas deste, os recursos familiares, o contorno social e cultural, a porcentaxe de alumnado matriculado con necesidades educativas especiais, de alumnado inmigrante e de minorías étnicas e os recursos de cada centro. Procúrase crear centros de elite, seguramente concertados, que terán todos os recursos e medios necesarios, mentres se marxinan os máis necesitados. A proposta de avaliación dos coñecementos do alumnado, mediante unha proba estatal externa e publicando os resultados de cada centro, condicionará e orientará o ensino e a práctica docente a conseguir os mellores resultados nas probas e discriminará outros aspectos importantes do proceso educativo que non medirán esas probas. Estamos ante unha competición intercentros na que cada un intentará situarse o mellor posíbel no ránking, agrandando a fenda social entre centros perdedores e centros gañadores. Trasládanse ao ensino os criterios neoliberais de competitividade e mercantilización que, ao final, se resumen en desigualdade e na marxinación do alumnado máis desfavorecido. A avaliación interna e externa dos centros debe ter como finalidade comprometer o profesorado e as familias, pero, sobre todo, a propia Administración educativa para que actúe de maneira eficaz sobre as carencias detectadas na avaliación. Toda avaliación orientada a medir exclusivamente os resultados académicos é inaceptábel. O primeiro que hai que avaliar son as características do propio centro, a procedencia cultural, social e económica do alumnado, pois estas condicións van influír, de maneira determinante, no rendemento escolar. Por outro lado, a avaliación do ensino en Galiza debe ter as súas características propias. Unha avaliación centralizada e uniformada nunca terá en conta a nosa realidade histórica, cultural, lingüística e social que o ensino ten que reflectir. Coñécense cales son as causas do fracaso escolar, onde hai que incidir, os recursos que se precisan e o reforzo e apoio que necesita o alumno/a, pero a maioría das veces a administración négase a atender esas necesidades e reclamacións. Por iso, só a pretensión de maior recentralización do sistema educativo e a clasificación dos centros educativos, segundo o rendemento académico do alumnado, explica unha nova modalidade de avaliación, pois, hoxe, o alumnado está sometido a unha sobredose de probas e de avaliacións. O alumnado é avaliado permanentemente, trimestralmente e anualmente. Hai avaliacións de diagnóstico en cuarto de primaria e en segundo de ESO, informes PISA e, agora, aínda se pretenden máis avaliacións, cando o que falta é vontade de actuación e emenda por parte da administración .
Baixo a afirmación de que é “necesario incrementar as competencias dos directivos e promover a profesionalización na xestión dos centros”, o Ministerio pretende reducir, aínda máis, a xestión democrática e a participación do profesorado nos centros. Estamos ante unha concepción antidemocrática e xerárquica, propia do organigrama e principios que rexe o mundo empresarial e non de rendibilidade social que debe procurar un servizo público como o ensino. Non se pode aceptar que se pretenda implantar un modelo semellante de xestión ao xa hoxe instalado nos Centros Integrados de Formación Profesional. O traballo educativo nos centros necesita cooperación, participación e colectivización das decisións para corresponsabilizarse e implicarse na boa marcha do ensino. Para iso, ten que se incentivar e facilitar a participación na vida interna e académica do conxunto do claustro de profesores e recuperar, así, a xestión democrática dos centros.
De novo reaparece a proposta do estabelecemento dunha carreira docente “constituída polo conxunto de graos e funcións que cada profesor poida alcanzar como consecuencia da avaliación do seu desempeño”. Esta pretensión de carreira de obstáculos que o profesorado deberá superar para mellorar as súas retribucións e as súas condicións profesionais e laborais basearase, fundamentalmente, nos resultados dunha avaliación na que, seguramente, serán pezas fundamentais a inspección e as direccións dos centros. A avaliación da práctica docente non pode ser allea ás condicións en que se imparten as aulas, aos medios de que se dispón, ás carencias dos centros, á rateo de alumnado por aula, ás características do alumnado escolarizado e ao desleixo da administración na formación do profesorado.
Outro dos cambios previstos é a supresión da materia de Educación para a Cidadanía por unha nova materia denominada Educación Cívica e Constitucional. Non estamos ante o debate de se o currículo da actual materia de Educación para a Cidadanía debería corresponder a unha materia específica ou ser tratada interdisciplinariamente en todas as áreas ou sobre a necesidade dunha educación integral para formar cidadáns e cidadás conscientes, críticos e respectuosos cos dereitos humanos individuais e colectivos. O debate, hoxe, non é ese, senón a intención de introducir unha nova materia que vai dar pábulo a unha ideoloxía retrógrada e españolista que procurará propagar doutrinas contrarias aos dereitos fundamentais. Desbotará a educación para a igualdade social, a solidariedade e a xustiza social. Perseguirá a diversidade nacional cultural e lingüística do Estado, evitará a educación que procure a solución pacífica dos conflitos, que remate co imperialismo e o belicismo e promovera unha educación sexista. O uso perverso que se pretende facer da nova materia, que nos lembra a “Formación do Espírito Nacional” da época do franquismo, inoculará máis prexuízos, confesionalismo, terxiversación e españolización, negando a configuración plurinacional, pluricultural e plurilingüística do estado español e, polo tanto, do noso dereito a exercer como galegos e galegas. É dicir, unha materia cun contido centralista, reaccionario e contrario aos valores que deben caracterizar unha sociedade democrática.
En resume, estamos ante unha reforma que se asenta en principios recentralizadores, privatizadores, reaccionarios e clasistas. Procura incrementar os concertos educativos e os recursos para o ensino privado e relixioso, recentralizar e uniformar o sistema educativo, estratificar o profesorado, liquidar a xestión democrática dos centros, crear diferentes categorías de centros educativos e apostar por unha educación máis selectiva que marxinará unha parte da sociedade do sistema educativo. Por iso, cómpre combater está involución no ensino e desenmascarar a demagoxia e o engano con que o PP presenta esta reforma.