A reforma das pensións non queda aquí

A reforma das pensións non queda aquí

Os prezos incrementáronse un 6,5 por cento desde hai un ano e, para o 2022, as pensións, en cambio, soben tan só un 2,5 por cento, menos da metade da inflación interanual. E isto pola aplicación da nova fórmula que consensuaron os sindicatos UGT e CCOO, a patronal e o Goberno e que se plasmou, entre outras medidas, na lei recentemente aprobada no Congreso e nos acordos do Pacto de Toledo, que, como segunda medida, recomendan sarcasticamente o “mantemento do poder adquisitivo e a mellora das pensións". E, lonxe de reducir a diferenza existente entre os pensionistas que perciben as prestacións máis baixas e aqueloutros que gozan das máis altas, este sedicente goberno máis progresista de todos os tempos, fixa o incremento das retribucións mínimas nun exiguo 3 por cento. Deste xeito, por exemplo, haberá pensionistas que cobrarán mensualmente 532,00 euros (menores de 60 anos en situación de incapacidade total para o traballo) ou 685,00 euros (maiores de 65 anos sen cónxuxe a cargo) e outros, en cambio, percibirán cada mes os 2.819,18 euros en que se fixa a pensión máxima. E entre ambos extremos, o numeroso grupo de persoas xubiladas galegas cuxa media cobra 885,23 euros situándose tan só por diante de Estremadura e a 153,4 euros por debaixo da media do Estado. E estas diferenzas entre uns o outros pensionistas vanse intensificar aínda máis porque nesta reforma tamén se contemplan o aumento do 4 por cento por cada ano que os traballadores prorroguen a súa vida laboral unha vez chegados á súa idade de xubilación e o incremento das bases de cotización, que traerán consigo as correspondentes subas das pensións máximas.

Pola contra, esta nova lei mantén as penalizacións derivadas das xubilacións anticipadas involuntarias (por proceder de despedimentos colectivos... ou por encontrarse en situación de desemprego de longa duración) aplicando coeficientes redutores que oscilan entre o 30 e o 24 por cento en función do número de anos cotizados. No caso das xubilacións voluntarias, que só se poden adiantar nun máximo de dous anos á idade esixida, as penalizacións van do 21 ao 13 por cento. Con estas medidas, pretende o Goberno captar fondos para a hucha das pensións, mais o que consegue é afondar no pozo do desemprego da xuventude encamiñándoa á bolsa dos máis de 200.000 mozos e mozas abocados á emigración.

Esta reforma de 2021 decorre baixo as pautas da do PSOE de 2011 e mantén aberto o espírito da do PP de 2013 de cara a reducir o gasto público ao ditado das imposicións da Unión europea e das grandes corporacións. Así, a idade ordinaria de xubilación ascende agora a 66 anos e dous meses; en paga dos 15 anos como sucedía antes, xa se teñen en conta as bases de cotización dos 25 últimos da vida laboral para elaborar o cálculo das pensións; amplíase progresivamente o tempo preciso para alcanzar o cen por cen da base reguladora pasando dos 35 aos 37 anos, e ábrese mesmo este período ao seu incremento segundo se recolle na recomendación 5 dos Pactos de Toledo.

,
Mais, esta reforma de 2021 tampouco non contenta en absoluto os desexos da Comisión europea e, por isto, nos plans do Goberno segue manténdose para un futuro próximo a introdución de novas medidas para o recorte do gasto. O ministro Escrivá lanzou a idea de prorrogar a idade de xubilación até os 70 e os 75 anos, de computar 35 anos cotizados para o cálculo das pensións e de recuperar o factor de sustentabilidade, introducido pola reforma do PP en 2013, agora baixo a denominación de mecanismo de equidade interxeracional.

Temos que estar atentos, xa que logo, a esta Gran Reforma, prevista antes de que remate o presente ano 2022 para a súa aplicación progresiva a partir de 2023. ¿CCOO, UGT e Unidas Podemos van facer fronte a esta segunda fase ou tamén acatarán con submisión os compromisos do Goberno coa condición adquirida con Bruxelas para percibir a partir de 2022 as partidas restantes dos fondos vinculados ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia remitido á Comisión europea a finais da pasada primavera?

Destas tres reformas, a de 2011, a de 2013 e a actual, derívanse reducións drásticas que repercutirán gravemente nas persoas que se xubilarán no futuro. Serán precisamente estas xeracións as que cobrarán pensións máis baixas despois de longos períodos de cotización alternados co retraso no acceso ao mercado laboral e con elevadas taxas de desemprego durante anos. Envellecemento e empobrecemento este é o panorama que nos presentan.