Á reconquista do Reino
Cabalga con orgullo e "gallardía", rápido e audaz o xeneral de Cristo as costas do seu cabalo, cun casco preconstitucional do século XV para combater ao herexe, ao invasor e queimar ás temidas bruxas feiticeiras, para así reconquistar os valores puros do totalitarismo. Facer España grande outra vez, baixo a apracible mirada da esquerda máis fráxil e covarde. Podería ser un bo comezo dalgún libro de Pérez Reverte, mais achégase máis a actualidade política do Estado Español.
Déronlle vía libre nos medios cando eran catro gatos manifestándose en calquera praza, como fixeron con UPyD e C´s. A activación da propaganda fascista dos últimos tempos que responden máis a motivos económicos que ós ideolóxicos. O fascismo non aparece agora de repente por querer desenterrar a Franco, o fascismo xa estaba aí diluído no PP, C´s, UPyd, entre outros, agora teñen un xoguetiño novo patrocinado polo capital para aglutinar o voto. En resumidas palabras; normalizar o que antes era fascismo diluído para que agora se sinta máis cómodo, máis apoiado e con menos precaución á hora de esconder a patiña.
En verdade, non sei a que veñen esas caras de sorpresa despois do resultado electoral en Andalucía, a receita parece moi sinxela; mestúrase un pouco de demagoxia, outro pouco bastante de violencia verbal, de retórica verborreica e carvernaria xunto coa inoperancia da esquerda, aí o tes, sae do forno quentiño. Tampouco entendo a insistencia de non considerar fascistas aos votantes deste partido, que haxa un 10% de voto fascista non é tan sorprendente, entra dentro da composición ideolóxica do país, levamos anos dicindo que a ultra dereita estaba dentro do PP, pois aí están, saíndo ós poucos.
Os medios de comunicación deberán asumir a súa cota de responsabilidade de que este monstro espertase con fame, inoculando todo o odio en determinados temas, por exemplo o catalán. O monstro non parou de medrar alimentándose de esa dose de inquina diaria. Contribuíron até o punto de que a maioría está dedicado ao show máis que á información e ao análise, e, apostando máis polo ruído que pola reflexión. Sen xa meterme no profundo deses grandes tertulianos, analistas, líderes de opinión, comentaristas, colaboradores e pseudo xornalistas que tanto dano fan á hora de comer cando prendes a televisión, en todas as canles hai algún fenómeno ou fenómena que tanto che aseguran o día antes das eleccións que Vox é imposíbel que acade un bo resultado, como que o día despois explícanche o porque dese bo resultado.
E xa vai sendo hora de desbotar esa análise enlatada estilo: "e que a esquerda está moi dividida e a dereita unida" polas miñas contas non me dan os resultados, porque nunca tanto mellor lle foi dereita cantos máis partidos haxa desta. A min gustaríame crer, que xa non só no Estado Español senón a nivel Europeo o avance da ultradereita non sexa por os seus valores nin por ideoloxía, senón como castigo á ineptitude da esquerda actual neste punto histórico da política que estamos tristemente vivindo. Si, un castigo que a longo prazo ímolo pagar os de sempre....