A que vén tanto escándalo?
Os capitalistas transforman en realidade os ideais que para o resto son son ideais: Enriquécense, non pagan impostos, evaden capitais, mercan gobernos, prensa, persoas... Para lograr todo iso rouban, explotan e matan. Para tapalo soltan escándalos.
Non vaian a pensar as xentes de boa fe que a prensa e o poder xudicial están intentando denunciar e eliminar a corrupción. Inda non se viu saír a primeira proposta, nin a primeira investigación profunda, para impedirlle aos que manexan o poder económico, que son os que practican a corrupción, que sigan facendo o mesmo. Pensan vostedes que nesa aldea grande que é Lugo si se quixer investigar o tráfico de drogas e diñeiro negro, en serio, que non habería cola para entrar na prisión de Bonxe. E,- por moito que sorprenda- habería poucos políticos. Habería moita xente da que consideramos decente. Especular, defraudar, explotar a quen traballa, falsificar produtos,- e sobre todo produtos financeiros -é a practica correcta para o funcionamento do mercado. En iso se fundamenta a nosa sociedade. Seguindo con esta práctica “correcta” a cada paso fanse mais propostas para que desapareza a democracia, a xustiza social e a distribución da riqueza.
Trabállase a pasos de xigante para que os gobernos de Europa sexan ditaduras do capital, e os cidadáns servos da gleba. Xa temos máximos gobernantes de importantes países onde os cidadáns non interviñeron na elección. E na maioría das decisións fundamentais non interveñen os gobernos nin os parlamentos. Son os donos das finanzas quen deciden. Decidan como decidan ,está acontecendo que en Europa a cada paso os pobres son mais pobres, os que vivían con certa normalidade empobrecen e uns poucos ricos son porcamente e indecentemente ricos e estragan grandes cantidades de bens. E esta que lle chaman “democracia do libre-mercado” é “tan necesaria” que se están esmagando países a bombas para impoñerlle esta forma de goberno.
Fai poucos días xuntábase o Goberno do Mundo en Dawos, e a Señora Merkel, Delegada para Europa dese goberno, e o Sr. Dragui secretario adxunto de tal plutocracia, insistían en converter en legal toda forma de corrupción. Démonos conta de que o capitalismo e o PP nunca falan do que é xusto ou inxusto, do que é humano ou inhumano, so do que é legal, e ollo;hai moitos feitos que son inxustos e inhumanos e son legais, comezando polos impostos e polos salarios. As leis fanas os mais poderosos ao seu favor e contra os mais débiles. Inda mais, tal como di estes días o PP si a alguén o descobren que as pague, si non o descobren que roube o que poda, “para si y para todos sus compañeros”,que diría Bárcenas. Todos sabemos que a metade do diñeiro deste país non cotiza a Facenda, Bárcenas hai a patadas. E o mellor xeito de ocultalos é falar moito do seu caso; O mesmo que aconteceu co escándalo de Marbella. A democracia capitalista non consiste en darlle dereitos e vida decente a xente normal, consiste en quitarlle de dereito os dereitos que antes selle quitan de feito, e de paso (este e o aspecto puramente fascista) botarlles as culpas de que sexan pobres e marxinados. En moitos países do terceiro mundo existe a “mordida”, nos mais avanzados do capitalismo xa non fai falla. Existen mecanismos legais (comisións) ou para-legais: os ingresos en B, ou as mordidas que che permiten de xeito legal ou ilegal poñerlle un sobreprezo a un produto, ou roubar a Facenda Pública. E outros moitos; merca de activos tóxicos, accións sobrevaloradas, produtos financeiros inventados, hipotecas lixo procedentes dos EE. UU., diñeiro branqueado do tráfico de drogas, de armamento e de seres humanos. Moi usados estes fondos reservados para o pago de organizacións terroristas que o Imperio utiliza nas campañas de terrorismo de Estado. Adorados produtos da Sra. Merkel o Sr. Aznar ou do Banco Ambrosiano....
Ultimamente aparece da man da Sra. Merkel e CIA o atraco a man armada que algún economista serio e pouco publicado explica. O intercambio desigual das economías dependentes. Xa leva este método experimentándose dende fai mais corenta anos nos países dependentes e colonizados. Explícano moi ben Gunder Frank, o ilustre e veterano profesor José Luís San Pedro ou o noso compañeiro Xabier Vence cando desenreda (agardo que siga) a maraña da oligarquía mafiosa madrileña na reconquista do imperio español; faena na que lle andan a poñer bandeirolas no lombo a un rexistrador de Pontevedra. Esa lea tan complicada entre Mariano, Aznar, Esperanza, La Obra, Las Vegas, e outras formas de espiritualidade monetaria....
¿Que c... nos importa a quen pasamos a vida traballando e subsistindo os correos do “príncipe empalmado” nin si nos festexos da alta sociedade tiran confetis ou cagallas de cabra como nos farrapos do entroido de Laza? En que lle afecta a nosa vida que lle vaia ben ao mercado, ao IBEX 35, a Bolsa, a curmán de risco, ao IPC e mais a quen os procreou, cando vexo que toda a xente con sentido común se está ciscando en todos eles? O mesmo que en Arxentina fai anos, están vendendo e levando fora desa que chaman España as empresas públicas e privadas, arruinando tódolos servizos públicos e asfixiando a todos os que traballamos ou facemos algo produtivo.
Ser empresario non implica ser ladrón, ser rico si.
As pensións xa se volven ridículas e o resto das axudas e apoios para sacar unha familia adiante nulos. Xa acaba de avisar o ditador que o FMI puxo en Italia que non se poden poñer mais impostos ,que a xente non ten cartos. (Os que os teñen leváronos fora). Como solución propón reducir mais o gasto público. Dito en galego: “morrer a miñoca”.
Porqué estamos a criticar que o diñeiro dos ricos estea nos paraísos fiscais si son as institucións mais importantes do Mundo? Porqué somos tan hipócritas? Que mal fai o Señor Bárcenas en poñer os cartos do seu partido en lugar seguro? Que mal fai a Sra. Aguirre en traer para Madrid, si pode, unha das poucas empresas que pode ser rendíbel, xa que os seus clientes teñen a maioría do diñeiro do mundo e ademais están libres de cumprir as leis fiscais (entre outras)?
De que nos serve que un gobernante nos ensine o moedeiro? Ou incluso a billeteira? O problema é o meu moedeiro, o problema é a miña billeteira, o problema é que pasaron de pagarnos mal o noso suor a a prescindir de nos como das carrachas. Eu non berro polo que teñen os ricos, berro porque o preciso eu e a miña crase social e o meu País, e é noso e perténcenos. Pasamos de estar ollando como pasmóns a podremia da aristocracia e o vicio da burguesía nos paraísos da corrupción a andar cheirando a merda que remexen eles mesmos.
Estannos levando ao pobo como posesos detrás do monstro do fascismo. As mensaxes que esbirran por tódolos medios de comunicación so predican odio ao que nos é bo e apego ao que nos prexudica. Odio aos sindicatos, odio aos partidos e as políticas distintas do sistema (téñennos convencidos de que tódalas alternativas políticas son malas) Considero moito mais importante para Galiza saber o que roubaron na Caixa que o que cobra Feijoo. O problema non é o que cobra Feijoo, o problema é o que vende: O País enteiro. E seguen co odio aos diferentes, aos débiles (raza, sexo, posición social, cultura, idioma) odio ao público, odio ao colectivo, odio e persecución das autonomías e dos servizos que estas prestan..... Pola contra foméntannos apego a ambicións individuais que saben perfectamente que non podemos acadar e que logo nos enchen de frustracións: Diñeiro fácil, consumo, individualismo, competitividade, envexa, soberbia... Cada día mais exemplos manipulados de emprendedores, artistas, emigrantes ricos... E estarán xa promocionando a colocación da mocidade en exércitos mercenarios da OTAN como se está facendo noutros países.
“Tu lo puedes, tu lo vales, se tu mismo, mi vida, lo mío, yo, para mi...” nada é colectivo, nada se comparte; todo se merca, se vende ou se rouba....
E por si fora pouco quitan os falsos cristiáns do peto, para burlarse xa de afeito de nos, os “grandes valores”: Austeridade, paciencia, caridade (a substitución dos dereitos sociais polos servizos de Cáritas e a Cruz Roxa- que fan mais do que poden, por certo-).
Din nos países emerxentes de Sudamérica que a situación de miseria creada polo capitalismo non se soluciona sen comezar por abaixo respectándolle aos países a súa riqueza e a súa cultura. Tódolos días nos motivan para todo o contrario: Cruzadas de odio e persecución contra os nacionalistas, contra os islamistas, contra os libios, contra todos os que teñan algo que roubar. ¿Que mellor xeito de ter paz nun país que distribuíndo ben a riqueza? Que mellor xeito de distribuír ben a riqueza que comezando por repartila entre os que a xeran, que son os traballadores e traballadoras, en forma de salario e servizos, comezando polos que se están preparando para o futuro,polos nenos? Porqué os Estados non nos permiten, mentres estamos en activo, facer petos comúns baixo a súa tutela para ter prontas e boas xubilacións e Servizos Sociais, e están roubando todo iso que é noso? Porque están tolos e se queren facerse porcamente ricos o mais pronto posíbel... Ninguén se equivoque; non son Bárcenas nin o negreiro Presidente da patronal española mellores nin peores que a maioría dos socios de faena que os acompañaron e acompañan. Son fieis a un credo relixioso, ou seta que predica: FAITE RICO PRONTO E NON MIRES COMO. NON TE PREOCUPES POLA IMAXE NIN A SEGURIDADE, ESO TAMÉN SE MERCA.
Estamos vendo que corren grandes manchas de tinta, como as luras no océano, pero non se farán propostas serias que busquen a democracia e a defensa dos mínimos dereitos individuais e colectivos. Ninguén propoñerá nos grandes medios:
-Que os partidos e organizacións sociais teñan facilidade para defender as súas propostas publicamente e debatelas cos poderes existentes.
-Que os partidos políticos podan ter autoridade para retirar a quen se aprobeite do seu cargo.
-Control dos fondos públicos e vixilancia alí onde se invista diñeiro e medios de todos.
-Reforma fiscal perseguindo a fraude e aumentando a contribución de quen pode e reducíndolla aos que están en situación precaria.
-Prohibición e persecución dos paraísos fiscais .
-Adelgazar a bolsa en vez de adelgazar o Estado para frear as grandes burbullas...
-Que o Estado e as Autonomías teñan fondos propios e empresas para frear aos especuladores da Banca.
-Que a banca teña que ter depósitos públicos e solventes.
-Nacionalización e intervención das grandes fontes de enerxía e minería.
-Limitación das practicas monopolistas nas finanzas e no comercio.
-Prezos controlados para os produtos de primeira necesidade.
-Redución dos gastos militares e destrutivos.
Pola contra, dirán que todas estas propostas son un escándalo. O escandaloso e dramático é que estea prohibido facelas e incluso pensalas. Digo prohibido porque a sociedade so chegan en abundancia os produtos da corrupción capitalista, incluso cando parece que tratan de denunciala. So se trata de fume que tapa os crimes dun sistema podre e inhumano...