A propaganda da minoría dominante

A propaganda da minoría dominante

Hoxe en día a ninguén lle estraña que unha muller fume. Mais hai case 100 anos non era así. En xeral as mulleres non fumaban e ademais estaba mal visto que o fixeran, sobre todo en público, un tabú, obviamente, imposto polo patriarcado. A Tobacco Company, consciente de que estaba perdendo a un 50% de potenciais consumidoras, puxo en marcha unha sinxela, pero potente campaña publicitaria dirixida por Edward Bernays para converter as mulleres en consumidoras de tabaco.

Edward Bernays era sobriño de Sigmund Freud e coñecía as teorías do seu famoso tío, que explican que na mente de todos os seres humanos hai agochadas primitivas forzas que impulsan os nosos desexos inconscientes. A utilización desas forzas irracionais permitiría canalizar os nosos desexos no sentido máis conveniente para a empresas, é dicir, para o capitalismo.

O sobriño de Freud, aplicando as teorías de Freud, chegou á conclusión de que o cigarro era para as mulleres un símbolo de poder sexual masculino, de independencia e poder. En 1929 contratou a un grupo de mulleres que nun momento dado terían que poñerse a fumar en público nun evento onde se congregaba unha multitude. O escándalo foi evidente para a mentalidade patriarcal da época, mais varios artigos en xornais poñendo en valor este acto de rebeldía das mulleres resaltando a súa liberdade e independencia racharon co tabú patriarcal, abrindo a porta ao consumo masivo de tabaco para as mulleres que até aquel intre lles estaba vetado.

As súas ideas supuxeron un salto cualitativo na publicidade empresarial, e desde entón os obxectos de consumo deixáronse de vender en función da súa utilidade práctica para ser obxecto de desexo por parte do consumidor ou consumidora, porque eses obxectos de consumo reflicten unha imaxe determinada de nós que queremos proxectar. As ideas de Bernays, inspiradas polo creador da psicoanálise, Sigmund Freud, plasmáronse no libro “Propaganda”, referencia obrigada no mundo do marketing comercial, mais tamén político.

Sen embargo, Edward Bernays era da idea de que se non se dirixían adecuadamente eses impulsos irracionais agochados no noso subconsciente a sociedade sería un caos, de aí que, segundo o sobriño de Freud, “a manipulación consciente e intelixente dos hábitos e opinións organizados das masas é un elemento de importancia na sociedade democrática”. Esta “manipulación” que se fai a través da propaganda, defínea Bernays como o mecanismo polo cal se diseminan as ideas a gran escala, no sentido amplo dun proxecto organizado para estender unha crenza ou doutrina en particular”. E engade: “a propaganda é o brazo executor do goberno invisíbel” e a minoría dominante “descubriu que influír nas maiorías sociais pode serlle de gran axuda”, non só para aumentar a súa conta de resultados, senón para “moldear a mente das masas de tal xeito que estas dirixan o seu poder recentemente conquistado (a política) na dirección desexada”.

É evidente que a propaganda dese “goberno invisíbel” funciona. Fumar, sabendo que afecta seriamente a nosa saúde é un absurdo e un tanto irracional, mais tamén o é votar a opcións políticas que sabemos con seguranza que atentan contra os nosos dereitos sociais e recortan servizos públicos, e polo tanto tamén afecta negativamente á nosa vida. Mais aí está esa man oculta dirixindo as nosas vidas a pesar de que presumimos de pertencer a unha sociedade super-formada, que faría na teoría máis difícil sucumbir aos enganos da propaganda sistémica. O problema é que a propaganda é cada vez máis sofisticada e selectiva. O binomio “Big Data” e intelixencia artificial que a analiza toda a nosa vida dixital, permitirá -de feito xa é unha realidade-, campañas publicitarias á carta dos nosos pensamentos. Seguro que sería o soño de Edward Bernays.