A profisión de xornalista está sobrevalorada

A profisión de xornalista está sobrevalorada

Vivimos porque a nós mesmos nolo dicimos. Se é polos medios de comunciación e as súas canles estamos mortos. Cada día os mass-media deste país dispárannos a traizón sen opción a réplica. Fusílannos coas súas mentiras e malas artes, coa manipulación e a terxiveversación máis suxa. É a vinganza da dereita a 3 anos de goberno de país. É o tiro de graza.

A profisión de xornalista está sobrevalorada. Semella como un diploma de veracidade ou profesionalidade, mais hoxe en día calquera utiliza este substantivo: xornalista. E non o digo simplemente por esa banda de esperpentos que ocupan as canles privadas en programas lixo ou do corazón. Tamén o digo por todos eses presentadores de traxe e gravata ou de vestido e solarium que ocupan os informativos. Tampouco son menos importantes os traballadores e traballadoras da prensa escrita ou dos programas de radio para o que nos acontece: son a voz do seu amo; a voz dos nosos amos.

Xornalista sinónimo de rigor. Eu diría sinónimo de opinión. E que dano fai esa opinión. Mais non é unha opinión o que agora acontece coa televisión e a radio pública da Galiza (TVG para quen non estea atento/a). Non é unha casualidade tampouco. É unha estratexia política: é unha estratexia de guerra. Unha maldita guerra mediática na que nós non existimos. Non temos ente nin existente. Non somos.

O nacionalismo non forma parte dos medios, moito menos o independentismo. Se nos nomean a ambos é para facerlles a cama aos seus amos (PP e PSOE) ou para demonizarnos. E a prensa escrita segue esta mesma estratexia: fainos a mesma guerra.

Levo analizando a prensa escrita (Voz, Faro, Correo, Diario...) durante catro anos todos os 26 de Xullo: non existimos. Mais eu estiven aí, e vin cos meus ollos tanto no 24 como no 25 a aproximadamente máis de 15.000 persoas berrando "Galiza Ceibe". Manifestando o seu orgullo de seren galegos/as e a súa repulsa a esta dependencia que nos chucha o sangue. Mais debe ser que os traballadores da veracidade e a noticia non nos ven. Ven a Feixóo dando medallas e ven turistas, pero a nós non nos ven (ou será que non nos miran).

Somos o inimigo e así o escriben día a día nas súas lápidas. Así vivimos no país da esquizofrenia onde o traballador se odia a si mesmo e o galego odia o galego. Só así se entende que a clase a que pertencemos e representamos non se case con nós, mais si con eles. Só así se entende que este sistema clasista e mafioso sexa o noso pan podre de cada día.

Eu maldígoos a todos. Son sicarios da palabra, mercenarios do sistema. E declároos culpábeis. Culpábeis da nosa inexistencia como pobo e como nación. Culpábeis de omisión de socorro. E así se atragoen co diñeiro dos seus amos que son os nosos, profesionais da mentira e a manipulación. E sono todos, porque neste país non existe a prensa de país nin de clase, só existe a prensa dos ricos en accións e diñeiro, e nós niso somos pobres.

O oficio de xornalista está sobrevalorado, e iso que cobran máis ben pouco; pero está sobrevalorado para o que importa. Que vaian aforrando para cando se lles pidan contas pola súa responsabilidade histórica coa nosa dependencia, coa submisión, coa explotación... A ver con que nos pagan.