A procesión mesiánica de Podemos-Marea Atlántica polo vello bairro coruñés de Cances

A procesión mesiánica de Podemos-Marea Atlántica polo vello bairro coruñés de Cances

Quen se dedica ao estudo da onomástica sabe que un nome de lugar pode repetirse ao longo e largo do país, sobre todo no caso dos microtopónimos. Pensemos, por exemplo, en cantos Carballedo ou Carballido, Carballeira, Figueiroa, Freixedo ou Freixido, Loureiro, Pereiro, Teixeira e Teixeiro, Vilanova, Vilariño etc. se documentan no territorio galego; a cifra que obteriamos sería, sen calquera xénero de dúbidas, ben alta. Con outros nomes, polo contrario, xa non é tan habitual que se produza esa situación de se atestaren en varias partes da Galiza. Por iso, é bastante probábel que a maioría do público lector da comarca da Coruña identifique o nome de Cances co de San Martiño de Cances (freguesía de Carballo, na rexión de Bergantiños) a través de varios topónimos con que se combina: Cances Grande, Cances da Vila, Vilanova de Cances etc. E, certamente, non lle faltará razón, pois a entidade populacional e xeográfica desta paroquia son notorias; mesmo algún taxista podería verse tentado, se levase pouco tempo no oficio, a coller a autoestrada no polígono da Agrela, na Coruña, para se dirixir a esa terra bergantiñá perante a petición dunha persoa que lle dixese “Léveme a Cances, se fai o favor”, como ten acontecido non hai moitos anos.

No entanto, existe outro Cances na propia localidade herculina, ben máis pequeno en con menos populación que o seu equivalente de Carballo. Trátase dun lugar de existencia antiga, a xulgar pola súa etimoloxía probabelmente prerromana, igual que o seu homónimo bergantiñán. Estoutro Cances vén documentado cando menos xa no século XVIII e parece que xurdiu inicialmente á volta de tres ou catro casas fortes de labranza cos seus correspondentes hórreos denominados como do “tipo Visma” no traballo de Ignacio Martínez Rodríguez (El hórreo gallego, 1979; 2ª edición en 1999), dos cales infelizmente hoxe só se conservan dous. Pertencía, até 1912, ao extinto Concello de Oza, cando este foi anexionado nese ano ao da Coruña, e localízase entre os lugares das Regas e da Moura e o bairro da Silva. Figura con relativa frecuencia co nome A Cruz de Cances nas documentacións setecentistas e oitocentistas, en que se relatan os conflitos veciñais polo uso da auga na zona. Talvez iso fose a causa de en 1879, grazas ao patrocinio económico de Andrés Soto, se construír a actual fonte, que aínda deita unha sabedora e fresca auga; parte desta foi canalizada a través dunha condución subterránea de cantaría para ir dar á actual Avenida de Fisterra, co cal apareceu alí unha outra nova fonte, que, co andar do tempo, acabaría proporcionando a ese sitio o nome da Fontenova desde xa os inicios do século XX. As aberracións urbanísticas dos primordios do s. XXI fixeron que se construísen alí uns predios con vivendas, aínda hoxe sen seren rematados por causa da crise. Esa segunda fonte salvouse de ser destruída grazas á intervención do BNG, que conseguiu que fose deslocada uns metros para arriba en vez de ir parar ao chalé de alguén ou, no peor dos casos, nos cimentos deses novos edificios inconclusos.

Cómpre denunciarmos que este Cances, xunto co bairro da Silva, leva decenios sendo propositadamente degradado e marxinalizado polas distintas corporacións municipais. Por exemplo, como compensación por se construír a comezos da década de 80 na parte alta do lugar, no Monte Rancheiro, o poboamento de Penamoa –hoxe derrubado por mor da Terceira Rolda–, foi introducida a recollida de augas fecais, levouse a traída de auga a algunhas casas e foron precariamente asfaltados diversos camiños, o que supuxo talvez a primeira (e case última) actuación importante en materia urbanística con fondos públicos na zona; por desgraza, tamén foron canalizados os regueiros dos prados próximos que servían como sistema de regadío aos terreos máis próximos. Ambos os lugares, A Silva e Cances, constantemente esquecidos das decisións de María Pita, foron vendo como fechaban os diferentes estabelecementos comerciais que había e como subsecuentemente se ía degradando a vida das veciñas e dos veciños. Na miña infancia, xa derrubadas a parte da Silva de Abaixo e as casas do Regueiro para a ampliación da Avenida de Fisterra, aínda tiñan os seus locais dous ferreiros e tres ou catro carpinteiros. Ao tempo, dispúñase dunha farmacia, dunha mercearía e dun par de bares na propia Fontenova, onde tamén tiña a súa consulta don Xesús, o médico republicano que atendía as doenzas máis comúns das mulleres e dos homes da zona. Dous fornos de pan elaboraban os seus produtos na Moura e na Silva de Abaixo, onde acudían xentes até de San Pedro de Visma. Existía unha carboaría na Silva de Arriba e catro tabernas e loxas de ultramarinos subministraban os produtos elementares. Tamén traballaba un barbeiro, ao paso que unha tabacaría expendía os vicios secos a quen fumase. Mesmo un clube de futebol deleitaba a afeizón de cando en vez, tendo conseguido algunhas vitorias de certo renome comarcal. Bastantes terreos, sobre todo en Cances, eran cultivados con leitugas, patacas, pementos, pirixel, repolos, tomates, verzas, xudías etc. o que coadxuvaba en varias economías familiares e a algunhas practicamente lles servía como medio de vida. Nos inicios da década de 80 do pasado século había, porén, bastantes casas sen auga e a electricidade costumaba deixar de funcionar, nomeadamente durante o inverno ou cando se producía algún trebón.

De todo iso, do bo e do mao, das saudades e das miserias, case nada fica hoxe. Presentemente, os veciños e as veciñas deses lugares, dunha media de idade notábel, observan coa habitual resignación como cada vez máis se van fechando casas e como os camiños e as rúas voltan, de novo, a precisar dos debidos arranxos, que só son tidos en conta cada catro anos. Despois da desaparición de poboamento de Penamoa, voltaron a ser desenvolvidos negocios nada lícitos nas casas de San Xosé, a carón do pazo. Algunha xente foi índose para outras partes da cidade que dispuñan de máis servizos e comodidades, tales como a Agra do Orzán ou o Ventorrillo, e algunhas outras persoas foron falecendo ou caendo na exclusión social. Amizades da infancia viron o seu sol vital anubrado e apagado polas substancias que, segundo as bisbillotices populares aínda sen seren corroboradas, tantas campañas políticas da dereita contribuíron para subvencionar.

No entanto, todo iso parece que vai mudar. Vén a redención. Neste ano de 2017 parece haber indicios de a ilusión voltar a esa parte da cidade, grazas ás actuais autoridades de María Pita. Hai unhas semanas, dous anos despois da chegada de Podemos-Marea Atlántica ás casas consistoriais herculinas, o goberno local decidiu ir de visita a Cances. Non sabían, os máis dos seus membros, onde estaba. Os irredutíbeis galos e galas recibiron o Alcalde-Presidente do Concello da Coruña, Xulio Ferreiro Baamonde. E este, acompañado dalgunhas das persoas da corporación e de varios asesores (que parecían chegar “directamente do campamento do Festival do Mundo Celta de Ortigueira”, conforme comentaba unha veciña), percorreu diversas partes do malogrado bairro mercé aos encontros organizados á volta do “Dillo ti”, unha fórmula, como se puido comprobar para outras áreas da cidade, tan custosa e incómoda canto inútil a fin de canalizar as opinións e as queixas da populación en política municipal. Tan particular procesión foi tamén secundada por habitantes do lugar –que non daban secado os seus lenzos máis íntimos de bágoas producidas pola emoción do momento– e chegou, conforme as crónicas locais, á nada deprecíbel cifra duns quince ou vinte individuos. Os esconxuros foron debidamente recitados e os novos mesías, orcos, mouchos e coruxas, foron invocados para acompasaren a marcha procesional.

Mais mentiriamos se dixésemos que esa actividade non foi útil dalgunha maneira e non seriamos totalmente xustos con ela. Por iso, achamos, en primeiro lugar, que o encontro serviu para as autoridades locais coñeceren, dous anos despois, onde estaba o antecitado bairro. En segundo lugar, tamén valeu para representar a farsa de que algo se está a traballar desde María Pita de modo a mellorar as condicións de vida das cidadás e dos cidadáns, inclusive para estes afastados sitios da Silva e de Cances. E en terceiro lugar, serviu para as voces críticas das xentes que moran alí, coa esperanza de seren non só ouvidas mais tamén escoitadas, faceren partícipes das súas inquietacións os membros asistentes e asesores do goberno local; curiosamente, no día seguinte e por unha feliz e inocente coincidencia, unha máquina cortaba a herba no espazo verde onde foi deslocada a segunda das fontes a que antes se fixo referencia, o que sen dúbida é capaz de verificar a grande eficacia e rapidez na xestión da demanda-resposta por parte de quen rexe os destinos da urbe...

Deixando de parte as brincadeiras, oxalá estea nun erro, mais, a meu ver, pouco ou nada se pode esperar dese encontro, parecido a outros que tamén montaron con idénticos resultados diversos rexedores municipais anteriores. O dito acto foi similar na forma, igualmente, a varios eventos organizados pola actual forza política no poder local. Repárese: para que se desenvolveron hai uns meses aquelas reunións cos veciños e veciñas dos bairros da cidade para estes poderen ser xeograficamente delimitados, cando todo iso foi elaborado por un gabinete de arquitectura privado? E, doutra parte, que habitante da cidade, por poucas neuronas que tiver, non sabe en que bairro vive? Acaso serviría todo aquilo para manteren entretida a populación ociosa? Sería pensado talvez para lavaren a imaxe de Podemos cando as decisións son tomadas dixitalmente, a pesar do teatro dos seus “círculos” e das súas “asembleas”? Se lles levou tanto tempo aprobaren os orzamentos municipais na Coruña, van ser capaces, no que fica de mandato, de daren conta das queixas e peticións da xente de Cances (algunhas delas, todo hai que o dicir, tan inxenuas como imposíbeis)? Que inocentes e que ben pensadas son as persoas que moran alí!

A recuperación integral do lugar, a mellora das condicións de vida de quen o habita, o adecentamento e debido arranxo dos camiños e rúas, a preservación do interesante patrimonio histórico da zona (cos hórreos do século XVIII e as fontes e lavadoiros de Cances, A Fontenova e As Regas, dos cales escaso ou nulo coñecemento ten/tiña a actual corporación municipal), a recuperación dos fermosos microtopónimos case esquecidos (cal As Eiriñas, Eira de Canzobre, Fonte das Regas, O Hortelo, O Penedo da Rula, O Regueiro...) etc. son actuacións tan urxentes como improbábeis de se desenvolveren polo goberno de Xulio Ferreiro antes da convocatoria das seguintes eleccións. E esas necesidades son ben máis importantes que os membros do goberno local andaren de procesión mesiánica dous anos despois dos comicios, contemplando as casas e os antigos valos de pedra dun lugar tan descoñecido e denegrido hoxe en día para Podemos-Marea Atlántica como o foi no seu momento para o PP ou o PSOE.