A privatización dos servizos públicos: unha estratexia con graves consecuencias sociais

A privatización dos servizos públicos: unha estratexia con graves consecuencias sociais

É obvio que o 99% da poboación non sabemos absolutamente nada de macroeconomía. Escoitamos falar de miles, de millóns de euros todos os días e nin nos inmutamos. E, pola contra, ollamos pola mañá o xornal e atopámonos coa impactante noticia dos nenos do comedor dun colexio público do noso paÍs comendo bocadillos e é como si nos prendesen lume. Iso sí que o entendemos perfectamente, aínda que é unha mágoa que sexamos ás veces tan básicos e non busquemos o fondo, o por qué de que esté pasando isto en pleno século XXI.

A errática e lesiva política que está a levar a cabo a Consellaría de Educación, e o goberno do PP de Feixóo no seu conxunto, agocha unha ideoloxía absolutamente reaccionaria, que se encadra dentro dunha clara estratexia neoliberal e que ten como obxectivo a progresiva mercantilización do sector público. Tal estratexia susténtase sobre un proceso de manipulación ideolóxica da opinión pública, da man dun discurso tendencioso e perverso que se foi repetindo sistematicamente e que calou fondo na sociedade: A empresa privada é máis eficiente fronte á ineficiencia e desbaratamento do público porque xestiona moito mellor, porque resposta con maior rapidez á cidadanía e porque -por obra e graza da libre competencia- os prezos baixan e a calidade sobe.

O contexto de crise no que estamos e o famoso e falso pretexto da austeridade do PP fan o demais: Menos investimento nos servizos públicos, deterioro premeditado e desprestixio dos mesmos, desvío dos usuarios á privada,... O ataque do goberno Feixóo é implacábel e consúmase progresivamente.

Os que abominamos do neoliberalismo e tememos -porque xa as estamos padecendo- as súas consecuencias non podemos desmaiar na defensa dos servizos públicos, universais e de calidade, en explicar que a súa existencia é a que garante que as necesidades máis básicas da poboación non se vexan sometidas aos imperativos do mercado. É, precisamente, a mercantilización de cada vez máis espazos nas nosas vidas o que profunda na colosal fenda económica e social negando a posibilidade de levar unha vida digna a unha parte da poboación que, coa que está caendo, xa non pode ser considerada minoritaria.

A ofensiva do PP contra os servizos públicos está a provocar que dereitos cidadáns de crucial importancia, e que tardaron séculos en conseguirse, pasen a ser unha mercadoría só ao alcance daqueles que poidan pagar por ela. Deter o avance dese ataque correspóndenos precisamente aos que cremos que a sanidade, o ensino, as infraestruturas, a cultura, os servizos sociais non están para respostar á máxima de que a obtención do maior beneficio posíbel é o que debe primar sobre calquera outra consideración.

E esa resistencia só pode ser forte si xorde da organización desde a base, da mobilización nos concellos e comarcas de usuarios e traballadores. Trátase de avanzar cara a formación dun amplo movemento social concienciado que identifique e denuncie aos responsábeis das privatizacións en todas as súas modalidades (externalizacións, concesións, concertos, etc.) e da escalada de precariedade laboral, que sexa capaz de evitar que continúe a privatización dos servizos públicos, que reclame a recuperación daqueles que xa nos foron expropiados e que reivindique que estos resposten non ao interés económico duns poucos, senón ás necesidades sociais da maioría.

O adoutrinamento ideolóxico do neoliberalismo nesta cuestión, como en tantas outras, pódese desmontar. Contra a falsa opinión dominante hai que declarar contundentemente que a realidade resultante dos procesos de privatizacións ten como consecuencia, cando menos,

- O aumento da desigualdade: A involución das políticas sociais e a desregulación provocan un efecto redistributivo negativo que sofren especialmente os máis desprotexidos.
- A perda de control democrático dos servizos públicos: Substitúense as garantías legais propias da xestión sometida ao Dereito público pola xestión empresarial privada, supeditada exclusivamente á maximización do beneficio económico para a empresa.
- A diminución de postos de traballo, salarios baixos, desregulación laboral e precarización do emprego. A contratación do persoal á marxe dos principios de igualdade, mérito e capacidade.
- A contratación de obras, suministros de bens e xestión de servizos lévase a cabo á marxe da lexislación pública en materia de contratos.
- Evítase a fiscalización pública.

A realidade do proceso de privatización progresiva dos servizos públicos na Galiza, a coartada ideolóxica coa que se defende e a mentira sistemática sobre a que se apoia non serve á cidadanía, está a disposición da voracidade do capital. Polo tanto, non é difícil saber a qué intereses se deben os que promoven, por acción ou omisión, a privatización dos servizos públicos.