A portentosa intelixencia da Igrexa Católica

A portentosa intelixencia da Igrexa Católica

Non ten nada o título, meus amigos e miñas amigas, de irónico ou de paródico. Moi polo contrario, é absolutamente afirmativo e denotativo. Explicareime. Tiven ocasión, hai uns poucos días, de asistir a unha cerimonia nunha parroquia de Bergantiños que celebraba neles as súas festas patronais. A amiga que me convidou dispuxera (e pagara) ser a "funcionista" deste ano, isto é, a persoa que ten dereito, xunto cos familiares e/ou amizades que prever, a portar o palio que, co crego e a custodia, dá a volta á igrexa, nun percurso en que nenas e rapazas van alfombrando o chan de pétalas de frores. Ao igual que en enterros e funerais, sempre reparo na fasquía do templo, nas imaxes que contén e, por suposto, no idioma en que os curas teñen a ben desenvolveren a súa liturxia. Nesta ocasión, toda a misa e os cánticos acompañantes foron en español, mais, oh milagre!, a homilía foi integramente en galego e, no momento solemne da consagración, dúas gaiteiras, situadas na entrada da igrexa, interpretaron a Marcha do Antigo Reino de Galiza e non, como eu recordaba da miña infancia, o himno español. As enérxicas animadoras da orquestra que animou a sesión-vermout, por certo, tamén fixeron uso do galego, mentres lle dabamos ao pé con cumbias e pasodobres. Logo veu a celebración principal: a inauguración dunha casa nunha leira ben rodeada de árbores e con magnífica vista a Sofán, si, o mesmo Sofán que evocaba Castelao en estampa de Nós: "¡Un padrenuestriño pol-os que morreron en Oseira, Nebra e Sofán!".

No mes pasado, nesta ocasión por terras de Lugo, asistín tamén como convidada a un casamento. Todo el, oral e escrito, intervencións, menú..., todo se realizou en galego. Natural, por suposto, se estivésemos a falar de persoal nacionalista que desenvolva toda a súa vida en lingua galega, mais non é este o caso, nen na vida laboral nen na familiar, de modo e maneira que o galego foi unha eleición moi consciente por parte dos contraentes e familiares.

Volto ao asunto primeiro. Quizabes haxa algún leitor malicioso a pensar quen me manda a min asistir a cerimonias desta caste, non sendo confisional da relixión que as ampara, mais teño por costume non me ausentar delas, por moito que non secunde a liturxia correspondente, aínda que gardo a circunspección precisa, como faría noutras semellantes, moi distantes das miñas crenzas ou ideas. Mais non é este o tema que quería comentar. O que quero pór de relevo é a prodixiosa capacidade da Igrexa Católica para ser unha auténtica organización interclasista, para servir a Deus e ao Demo simultaneamente, imbricarse e involucrarse nas características culturais de cada comunidade, sincretizar ritos e absorber crenzas e prácticas ancentrais, pagás, e, no caso que nos ocupa, inclusive para dosificar e regular a conveniente "galeguización", isto é, a ración afectivo-sentimental que se pode admitir na celebración canónica. Dou por certo que, con todos os matices que se quixer, as e os asistentes, independentemente da súa idade, sentiron a celebración como súa: é a súa parroquia, son os seus santos, é a súa coral, é a súa festa, é, en definitiva, o seu día, o seu dominio. De vello xa, música, incenso, imaxes, ritos... conspiran para crearen o ambiente necesario de emoción. Nós podemos xulgar como "divinas palabras" valleinclanianas toda a carga de español que segue a deitar a inmensa maior parte das celebracións católicas, mais dubido de que este sexa o sentido que os seareiros lle atribúan.

,Mudemos de nación e de espazo. O Papa Bieito XVI acode a Madrid para a magna "Jornada Mundial de la Juventud" e, aproveitando que o Miño pasa por Lugo, contribúe directamente á inminente campaña eleitoral que debe dar a vitoria ao PP. As altas finanzas do Vaticano son inversamente proporcionais ao minúsculo tamaño do Estado de que proceden e gobernan intereses bancarios e capitalistas en todo o mundo. Non falemos xa do control impúdico que a xerarquía segue a manter ou a querer manter nos asuntos temporais, na política do día, na facenda pública, nos diñeiros de todos. Tamén non recordaremos o degrau de (in)cumprimento da institución a respeito do cuidado e preservación do patrimonio histórico-artístico. Ao lado disto -ben que convenientemente separado e escalonado- millenta obras de caridade de fieis que queren ser idem á mensaxe evanxélica en estado puro e que, gratis et amore, cuidan doentes, deficientes ou idosos. ¿Hai concilio entre unha e outra estampa? É mestra, en fin, esta institución nunha extrema adaptación e adaptabilidade ao habitat, ao meio correspondente, á comunidade concreta. ¿Como se chamaba isto en bioloxía? ¿Oportunismo?

A risco de escandalizar puritanos ou puristas, direi que non deberiamos desprezar sen máis (refírome ás-aos nacionalistas galegos) semellante despregamento de tácticas de creación comunitaria. Como mínimo, deberiamos -coido- perguntarnos polo bon suceso, polo éxito de certas prácticas, onde reinan a música, a asemblea "igualitaria" ou o cultivo da emoción. Que moitas delas teñan, na nosa nación, unha orixe antiquísima, fortemente vinculada á natureza e a ritos plenamente funcionais na súa xenética, que se rastrexen aínda hoxe pegadas priscilianistas tan penalizadas pola ortodoxia oficial... non só non devalúa a aprezación anterior senón que a reforza. Coido que os nosos devanceiros, mulleres e homes de grande cultura, entendéndomos por tal un afectivo e efectivo coñecemento empírico do noso país e da psicoloxía das súas xentes, estiveron máis atentos do que nós estamos a asuntos como os aquí recollidos. ¿Será ben detérmonos unha miga neles?