A política, o dedo e a lúa

A política, o dedo e a lúa

Dende que o Partido Popular retornou ao goberno da Xunta de Galiza (2008), iniciou a estratexia de desmantelar toda a lexislación promulgada polo goberno bipartito. Sobre todo as promulgadas polas consellarías dirixidas politicamente polo nacionalismo. Evidentemente, o Partido Popular non as está derogando porque toca. Estaas derogando porque significaban un avance na soberanía de Galiza, un desenvolvemento harmónico do territorio galego e a defensa dos intereses das maiorías sociais da nosa nación. Dá a impresión, mellor dito, a certeza, de que o obxectivo do Partido Popular e borrar todos os vestixios do paso do nacionalismo polo goberno da Xunta de Galiza. Como se na historia da Galiza, non tivese acontecido tal feito.

Este desmantelamento, esta destrución do País polo Partido Popular está programado. Mesmo tivo e sigue tendo fases. Comezou con derogacións de decretos e leis promulgadas polas consellarías dirixidas politicamente polo nacionalismo (aproveitamento da enerxía eólica, normalización lingüística, unidades de xestión forestal, dependencia...) .Seguiu coas modificacións de outras, para desvirtualas totalmente (banco de terras, lei de prevención e loita contra os lumes forestais, lei do solo...). Continuou coa promulgación de novas leis e decretos (lei de montes, creación das sociedades de fomento forestal, revisión do plano forestal de Galiza....).

Este desmantelamento, esta destrución aínda non parou. O último alvo polo de agora, atopámolo na Lei de Acompañamentos para os orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2017. Esta lei contempla derogación do Decreto polo que se regulamentaba o procedemento de autorización das instalacións de enerxía eléctrica a partir da biomasa forestal primaria (restos de talas de madeira, restos de traballos de silvicultura).

A derogación e este decreto (promulgado pola consellaría de Industria e Innovación dirixida politicamente polo nacionalismo), significa que o aproveitamento da biomasa forestal queda regulada polo decreto estatal. Isto significa que todas as cuestións positivas que recollía o decreto galego (biomasa forestal primaria, potencia non superior aos 10 MW, zonificación de centrais a instalar, necesidade de acordo cos titulares dos montes), deixa de estar en vigor. O que ao mesmo tempo significa que as empresas terán o monte libre para enchelos de cultivos enerxéticos (plantación de especies invasoras para cortar en quendas de 5/6 anos para queimar). O ramo de esta potenciación de este aproveitamento agresivo nos montes, virá cando dentro de uns meses a actual consellaría do Medio Rural, promulgue o decreto polo que regulamentarán os cultivos enerxéticos. Decreto, que por outra banda, xa o ten elaborado... Mais que non tiña sentido sacalo a luz, xa que sería imposíbel de aplicar, se antes non se derogaba o decreto da consellaría de Industria e Innovación do goberno bipartito.

Diante de este desmantelamento e destrución do País e difícil comprender a postura de certos sectores que no seu dia andaron no campo do nacionalismo, mais que aportaron o seu grao de area para que o nacionalismo non recuncara no goberno da Xunta de Galiza e mesmo para que o nacionalismo desaparecera como opción política na nosa nación (se ben e certo que na segunda intención fracasaron). Estes sectores critican as novas lexislacións do Partido Popular; mais non explican que o que esta a facer o Partido Popular e derogar lexislacións promulgadas polas consellarías do goberno bipartito dirixidas politicamente polo nacionalismo. Polo tanto, non debían ser leis tan malas. Escoitando a estes sectores, semella que o Partido Popular deroga contra a nada (o que e unha contradición en si mesmo). Custa tanto recoñecer os erros? E tan difícil facer unha autocrítica? Non vale a pena dicir a verdade?

E certo que o paso do nacionalismo polo goberno da Xunta de Galiza tivo as súas sombras e as súas luces. Mais, tamén e certo que tivo mais luces que sombras. E sobre todo que as sombras o foron en cuestións secundarias e as luces en cuestións fundamentais para o futuro da nosa nación. Se non fose así, o Partido Popular non perdería o tempo en derogalas, nin recibiría entusiásticos parabéns das multinacionais e dos sectores empresariais (lease a aperta do xefe de Iberdrola a Feixóo na súa primeira toma de posesión, e a valoración que fixeron as empresas de produción enerxética da derogaciónn do decreto do aproveitamento da biomasa forestal na lei de Acompañamentos)

Ao reflexionar sobre de estas actitudes políticas, venme a mente o conto aquel da persoa que sinala co dedo a posición da lúa, e quen o mira, en vez de mirar a lúa, mira para o dedo. Ou tamén podíame vir a mente aquel refrán que di “tarde piachedes”...

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.