A política non é o problema, a política é a solución

A política non é o problema, a política é a solución

Na páxina 25 dun xornal nada crítico co sistema (La Voz de Galicia) do día 12 deste mes atopamos a seguinte noticia de Miguel A. Murado: "Amina a blogueira lesbiana siria detida en Damasco, e que o seu nome deu a volta ao mundo, non existe. Quizabes sexa lesbiana, pero non se chama Amina, nin vive en Damasco, nin foi detida. A fotografía que circula na campaña global para lograr a súa liberación resultou ser a dunha muller inglesa que non sabía nada do asunto... Todo indica que é un bulo de internet, o enésimo, aproveitando a credulidade que, sorprendentemente, segue inspirando a moitos a Rede. Tamén a dimisión da embaixadora siria en París resultou ser unha fraude."

Un dos grandes enganos aos que están sendo sometidos os cidadáns é a falsificación total de todo o que teña que ver coa política, facéndolle ver a xente que é a causa de tódolos males; como quen lle fai ver a un enfermo que a medicina é a causante das enfermidades. Estannos expropiando a única arma que temos para defender os nosos intereses. Ninguén debe estrañarse de que as mensaxes da dereita trunfen en tódolos eidos. O que se chamaba esquerda decidiu entregar a mellor das súas armas, a loita política, e agora atópase "corpo a terra", repetindo até a saciedade aquilo de: "¡señor, si señor!".

Fai agora un ano nestas mesmas páxinas escribín dous artigos referidos ao dano que para os dereitos democráticos representaba a "demonización" da actividade e organización política. Un titulábase "malditos políticos, bendita corrupción" e o outro "a por eles que son poucos e covardes".

Os fenómenos de máis transcendencia política indican que a cousa vai por ese camiño. A ideoloxía liberal-fascista vai enchendo Europa de cadáveres políticos estrados por agros e urbes. Os sindicatos en estado de letargo burocrático ou pelexando, como en Grecia ou Portugal, sen dar traducido a conciencia social en transformacións políticas. Os desacougos de moitos cidadáns transformados en apatía política e odio aos partidos e representantes públicos; a pouca xente nova que percibe a imposibilidade total de ter un futuro digno manifesta a súa protesta nas prazas públicas tomando tamén como bandeira o desprezo pola organización en opcións políticas, dando por sentado, quizabes sen decatarse, que non hai cousa que máis lle agrade ao monstro do capitalismo que ver a xente enrabiada contra a política e os políticos. Con esa obsesión nos miolos nunca farán esforzos en estruturar aquilo que en realidade lle preocupa ao capital -e por iso trata de asimilalo ou evitalo- ORGANIZACIÓNS POLÍTICAS DE MASAS PARA LIBERAR AO POBO E AOS POBOS E ARREBATARLLES AQUILO QUE SAMIR AMIN DI QUE SON OS VERDADEIROS PODERES: O PODER FINANCEIRO, O MILITAR, O TECNOLÓXICO, O MEDIÁTICO E AS MATERIAS PRIMAS.

Curiosamente ao gran capital non lle chega con ter para si tódolos poderes (a banca, as materias primas, a tecnoloxía, as comunicacións; precisa ademais, de potentes partidos, organizacións culturais, relixiosas, sindicatos amarelos, organizacións clandestinas, mafiosas...) E como diría aquel relembrado Papa, esmagador de comunistas, que van facer santo: "TOTUS TUUS". O monstro, agora que pode, quere telo todo, e até xa non lle é útil algunha das súas grandes ferramentas da posguerra fría, a Socialdemocracia.

O que pretende e está logrando o "gran irmán imperialista" é converter en demo todo aquilo que lle poda facer algo de contra, e converter en deus (temeroso deus) aquilo que lle sirva para comer o mundo a anacos: O mercado.

A asunción por parte dos cidadáns das mensaxes da corrupción e demonización da política representan a derrota ideolóxica máis forte que sufriu a chamada esquerda europea nos últimos tempos. Vaise na dirección contraria a que se debería coller para afrontar esta crise de acumulación e terror que o capitalismo, na súa opción de Imperio Occidental, está executando.

É PRECISO TER PARTIDO OU TOMAR PARTIDO, É PRECISO TER PATRIA OU ADOPTAR PATRIA, É PRECISO TER CLASE SOCIAL E TER CONSCIENCIA DISO. É preciso ter todo o que nos están quitando, comezando polo sentido común, a dignidade e a relación cos nosos semellantes antes que co consumo individual e louco de mercadorías.

Os nacionalistas galegos somos os primeiros en estar con tódolos que queiran cambiar o mundo, comezando polo noso "nicho biolóxico" se non se lle quer chamar patria ou país, pero, por favor! Non sexamos inxenuos/as, non tiremos a Historia pola borda, comezando tamén pola nosa propia Historia. As revolucións nunca se crearon da nada; e as protestas, do cal tamén sabemos algo no nacionalismo, para que podan producir cambios substanciais na sociedade teñen que remover as estruturas de poder e as relacións entre países e clases sociais, e iso sábeno moi ben neste intre moitos países de Latinoamérica, e sábeo tan ben como eles o "Gran Irmán" por iso os persegue e desprestixia. E estes cambios e outros moitos so se logran mediante as organizacións políticas.

Nos tempos de Franco dicíasenos que a política era perigosa, agora dinnos que é porca. Pero o que non nos din e semella que non queremos ver é que facer a política dos grandes caciques, do gran capital ou dos grandes usurpadores non era perigosa nos tempos de Franco, nin se emporcalla hoxe quen a practique, pregúntenlle se non ao PP.

Posiblemente no nacionalismo galego teñamos que retomar aquilo que se dicía fai mais de trinta anos de que a revolución debe ser alegre e combativa, e pode que teñamos que combinar vellos métodos como os das charlas, con outros vellos métodos como os das excursións e as acampadas, e outros vellos métodos como os dos foros de debate, cine, música, teatro, etc. con tódolos novos métodos que se queira, para convencer a xente de que a política é útil e necesaria e que si non a facemos nos fana os de sempre a favor deles e en contra nosa. A miña dúbida é -e perdoade o atrevemento- se para estas tarefas están mais preparados os novos ou os vellos... Levamos moito tempo sentenciando que o máis importante é ter votos, e despois, ao traveso deles, crear conciencia política. Case sería mellor ir poñendo os bois por diante do carro... Primeiro a conciencia política, e despois virá todo o demais.