A polémica sobre a AP-9

Ao longo do último ano foron constantes os ataques do Partido Popular ao BNG, polo feito de que o goberno do estado non tiña executado ningún dos puntos do acordo de investidura, e agora que se cumpre en parte o punto referido á rebaixa das peaxes da AP-9 os ataques ao BNG intensifícanse.
O PP e Núñez Feijóo pasan dun día para outro de cualificar durante meses ao BNG de tonto útil do PSOE a criticar o acordo por insuficiente. Trátase do mesmo PP que gobernou o estado por dúas veces e, en vez de aplicar medidas que a Feijóo lle puideran parecer suficientes, decidiu privatizar Audasa e ampliar a concesión até 2046; facendo que a explotación de unha das autoestradas do estado español que dá maiores beneficios estea en mans de unha empresa controlada por fondos de pensións de Canada, Holanda e Reino Unido. Trátase do mesmo Núñez Feijóo que non abriu a boca para pedir rebaixas mentres gobernaban os seus, pero acaba de anunciar que nas autoestradas de titularidade autonómica vanse aplicar de inmediato as mesmas rebaixas que o BNG consigue para a AP-9.
A sucursal galega do PSOE dá golpes de peito e paga espazos en diversos medios de comunicación dicindo que foron eles e o seu goberno quen o conseguiron; certo que é o seu goberno o que aplica as bonificacións, sería de idiotas negalo. Pero é certo tamén que de non precisar o apoio do BNG na investidura non o terían feito; e igual de certo é que a sucursal galega do PSOE tampouco abriu a boca cando o goberno de Felipe González renovou a concesión, e nun goberno posterior José Blanco sendo ministro de transportes autorizou a suba do 1% na peaxe durante 20 anos.
A verdade é que en vez de facer o parvo, Gonzalo Caballero podía aforrar os cartos gastados na publicidade, dado que o propio Pedro Sánchez desminte as súas palabras ao recoñecer, no documento “Cumpliendo. Informe de Rendición de Cuentas del Gobierno de España” que presentou hai uns días, que as bonificacións na AP-9 aplícanse como parte do acordo de investidura asinado co BNG.
E por se non chegaban os dous representantes do bipartidismo consagrado no réxime do 78, temos tamén arreando a Unidas Podemos recén saídos da ofrenda ao Apóstolo e a outros sectores que non hai moito ían asaltar os ceos enganchados á coleta de Pablo Iglesias e agora se din defraudados polo podemismo; sendo ademais uns e outros quen mostran maior agresividade. Os primeiros coa ladaíña de que o BNG votou contra os orzamentos do estado para 2021 e os segundos acusándoo de encher co acordo as contas de beneficios da empresa concesionaria da autoestrada.
Diante de semellante panorama, penso que o BNG está obrigado a pedir desculpas polo acordo e esixir ao PSOE que non o cumpra, ademais Néstor Rego debería autocriticarse por ser incapaz de conseguir coas súas negociacións a chegada inmediata da independencia e o socialismo, e Ana Pontón debería retirarse da vida política por asinar un acordo que segundo din supón un engano ao pobo galego.
Nunca considerei que a función do BNG no Parlamento Español deba ser a de conseguidor, a presenza do BNG é a decisión dunha parte da sociedade galega de construír un futuro en liberdade, partindo do que somos, galegos e galegas; permite visualizar que hai tres realidades nacionais no estado que desmontan o discurso da transición, cada unha coas súas peculiaridades e cos seus propios ritmos. A presenza do BNG é a voz dunha esquerda consecuente e solidaria. A presenza do BNG é valorada por moita xente que habitualmente non vota nacionalismo pero que se sinte orgullosa de que haxa unha voz que poña enriba da mesa a realidade de Galiza.
,
Para facer política ademais de ter uns principios firmes hai que ser conscientes de en que mundo vivimos e actuar nel, por iso non nos contentamos con criticar mentres agardamos sentados nun sofá a que a xente nos dea a razón. No BNG sabemos que en política hai que pelexar, reivindicar, negociar e conseguir acordos cando iso sexa posíbel.
Nun momento social como o actual semella que a realidade se nos escapa cada día entre os dedos das mans, dando impresión de que o onte aconteceu hai un século, e nesta situación é básico non perder a perspectiva, cultivar a memoria histórica e aproveitar as oportunidades.
En Galiza elíxense 23 deputados e deputadas para o Congreso, o BNG ten 1 de 350 que conforman o hemiciclo, o PP ten 10, o PSOE outros 10 e Unidas Podemos 2; é dicir, Galiza conta no Congreso con 1 deputado nacionalista e 22 de forzas políticas de dependencia estatal.
O BNG nun momento no que o seu voto era fundamental para garantir a investidura actuou con responsabilidade e fíxoo en dous sentidos, por unha banda sumou para impedir un goberno no estado conformado polas diversas extremas dereitas, e por outra fixo valer a súa posición esixindo que se asinara un acordo de investidura que supuxera un avance en reivindicacións históricas de Galiza.
Desde o pasado xoves un dos puntos dese acordo estase aplicando, e sen tempo non era; os galegos e galegas que nos vemos obrigados a circular pola AP-9 contamos con unha serie de bonificacións que poucos crían que se puideran conseguir. E as bonificacións non fan que deixemos de reivindicar a recuperación da concesión da AP-9 e a súa transferencia a Galiza, nin que deixemos de considerar que a súa construción supuxo unha navallada de graves consecuencias na estrutura poboacional do conxunto de Galiza.
Somos conscientes de que a empresa non perde, pero non fomos nós quen no seu momento estableceron as normas, foron o PP e o PSOE, e con 1 deputado non se nos pode pedir que consigamos cousas imposíbeis. Outros contaron con 6 representantes no Congreso entre 2006 e 2009, e tiñan as mans tan atadas polos seus xefes de Madrid que nada conseguiron.
Hai xa tempo que se levantaron ou reduciron as peaxes de algúns tramos de autoestrada en Euskadi, Andalucía, Valencia ou Cataluña; nuns casos por remate de concesión e noutros por asunción das bonificacións polo estado; cando se adoptaron esas decisións non oín queixas pese a que esas bonificacións tamén as pagamos nós. As queixas curiosamente chegan cando o BNG consigue que os galegos e galegas teñamos un beneficio do que hai tempo desfrutan noutras partes do estado.
Ao PSOE coñecémolo ben, é un raposo que adoita pintarse de vermello pero aplica medidas propias da dereita, e somos conscientes de que vai facer todo o posíbel por non cumprir o resto do acordo. Pero aí todo vai depender da nosa capacidade de presión, e poderemos exercer unha maior presión se temos maior apoio popular.
Duarte Correa Piñeiro