A perversión dos eufemismos (I)

A perversión dos eufemismos (I)

Foi a multitudinaria manifestación do pasado día 8, convocada pola plataforma ‘Queremos galego’ e apoiada por moitas entidades máis, na defensa de que a lingua galega sexa tal, quer dicer, sexa unha lingua enteira no territorio e na sociedade a que pertence, foi esta mobilización a que provocou unha resposta por parte da Xunta e das institucións e persoeiros que a apoian. Foi, nun tan distante 1987, a creación da Mesa pola Normalización Lingüística, na primavera do ano anterior, en acto público clausurado por magnífico discurso de Carvalho Calero, a que determinou a Orde en que por primeira vez se falaba de dar os “pasos progresivos” para a normalización do galego. Da novidade galeguizadora, ao menos no papel, que esta Orde contiña dá idea a fulminante reacción do goberno español da altura quen, en Novembro dese ano, requer a Xunta recén constituída (após a moción de censura que descabalgou da mesma a Alianza Popular e dá paso ao novo Executivo, nucleado polo PSOE e con Coalición Galega e Partido Nacionalista Galego de socios minoritarios) para que modifique a tal Orde, cousa que axiña sucede (Marzo de 1988): nova Orde convenientemente retocada e suavizada para non ofender as esencias constitucionais e os seus custodios. Foron a reclamación perseverante da Mesa, a mobilización social e o labor constante do BNG no Parlamento Galego durante todos os anos de goberno presidido por Fraga Iribarne decisivas para o decreto de 1995 e para pór un dique de contención a canta perversión de diñeiro público se produciu sob o pretexto da “normalización”. Foi o BNG quen elaborou e defendeu senllas leis de reforma da Lei 3/1983, de Normalización Lingüística, en dous aniversarios sinalados, cando se cumpriron os dez e os vinte anos da súa promulgación (1993 e 2003, respectivamente). Foi unha Proposición de Lei de BNG que instaba a elaboración dunha lei de usos públicos da lingua galega o antecedente directo da programación dun Plano Xeral de Normalización Lingüística que nos últimos anos do fraguismo apadriñou un profesor ben intencionado (Xesús Pablo González Moreiras) na altura director de Política Lingüística e sucesor no cargo de Regueiro Tenreiro, defensor ferreño do PP en materia lingüística.

Todo o apontado até aquí é comprobábel para quen quixer escreber ou falar con coñecemento de causa e non de memoria (ou falsificando, á mantenta, a historia). O galego, como asunto público, existe porque como tal foi tratado e defendido. Vén a conto todo isto das (novas?) supersticións que no presente se están a propalar, verbo do pasado e das súas arcádicas maravillas, que algúns, non por casualidade, teiman en fabricar, para xustificación anacrónica das súas mesmas biografías.

Admira ler con que naturalidade se expiden e distribúen auténticas falsías e, aínda, o doadamente con que son admitidas de forma xeral. Vaiamos cunha delas, abondo repetida: o consenso. Pregóase a necesidade de voltar ao consenso en materia lingüística, debuxando unha arcádica época fraguiana, rompida polo seu sucesor á frente do PP e da Xunta, o actual presidente da idem. O consenso que se invoca é nen máis nen menos eufemismo do silencio. Que o galego deixe de existir como problema, isto é, que deixe de existir sen máis, como acontece cando se cala ou se acala a mención de calquer elemento social en situación inferior.

“Morra o conto”: tal foi a expresiva frase do noso vocabulario que usou no seu día Anxo Quintana, en funcións de vicepresidente da Xunta, para xustificar o nomeamento da directora de Política Lingüística, persoa afín á esquerda española e que foi obxecto de polémica na súa nova función. Morra o conto: é o que desexan hoxe todos aqueles e aquelas, persoas e institucións, para quen é unha incomodidade ter que ver alterado o seu plácido benestar ao teren que se pronunciar sobre o estado de saúde da lingua galega. Meden cuidadosamente as súas declaracións, para non ofenderen o pagador. Reclaman sacar o galego do “debate partidista”, ao tempo que demandan a volta ao tal consenso, para que aos seus gabinetes non chegue o balbordo da rúa, sempre tan turbador e molesto. Mais ¿que consenso (entendendo por tal un acordo favorábel ao uso público do galego, á súa promoción social, ao cumprimento da lexislación na dirección normalizadora…) existiu acaso historicamente? Lembremos algúns exemplos do tal consenso na época fraguiana. Un decreto que eximía a alumnado con hipoacusia da obriga de cursar a materia de lingua galega, como se esta deficiencia auditiva só obrase nas aulas de galego e non en todas as demais. Unha utilización continuada e prevaricadora de diñeiros destinados a normalización da lingua para usos que nada tiñan a ver con ela, clientelismo político incluído. Somas inxentes de diñeiro público dados a meios de comunicación privados a cambio dunha exigua ou nula utilización do galego. Millenta actividades subvencionadas en que brillaba pola súa ausencia a lingua galega. Axudas á Igrexa Católica sen esixencia de uso nas rotulacións do patrimonio, como mínimo, da mesma. Nula avaliación no ensino do cumprimento das porcentaxes estabelecidas na mesma lexislación. Discriminación pura e dura nas axudas a editoras, con sanción directa a aquelas non afectas ao rexime. Inexistencia total de política propria ante o goberno do Estado. Indiferenza na aplicación de normas mínimas como a que salvagarda (artigo 10 da Lei de Normalización Lingüística) a toponimia correcta da nosa nación.

No mes de Agosto de 2001, o rei-Xefe do Estado asina a asunción por parte do mesmo da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, dando así o máximo rango legal a este texto. No fin da 4ª lexislatura de presidente Fraga, en concreto no 21 de Setembro de 2004, o Parlamento Galego aproba por unanimidade o Plano Xeral mencionado arriba, que contiña un pormenorizado diagnóstico da situación, acompañado de obxectivos e medidas concretas en diferentes dominios ou ámbitos de actuación. Aquela nunca foi avaliada nen cumprida nas súas previsións. Este ficou sempre en papel inaplicado. Cando, no goberno PSOE-BNG se elabora un decreto para o ensino que respondía fielmente ao aprobado no Plano…, o PP, vulnerando ou desprezando a súa votación de 2004, retírase da súa aprobación e, ao que pode, de novo no goberno, decreta o golpismo, isto é, impón un decreto de laminación escolar do galego (o eufemismo nesta ocasión é o plurilingüísmo) absolutamente contrario a calquer lexislación previa. Aquí deixamos a historia por hoxe. Axiña continuaremos, nunha outra entrega, co resto do filme, porque aínda falta a parte máis interesante, aquela que converte os defensores do galego en corresponsábeis da súa perda, a vítima que pelexa por dereitos mínimos en culpábel da situación crítica. Incríbel, mais certo. A tal se chega para seguir a viver do galego cousificado.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.