A perversión dos eufemismos (e II)

A perversión dos eufemismos (e II)

É incomprensíbel a sincronía actual do galego sen termos en conta a súa diacronía, como lles repito adoito ás miñas alumnas e aos meus alumnos, ou, por outras palabras, pouco ou nada se entenderá do seu presente sen apelarmos á historia. Á historia remota e, nomeadamente, á historia recente. Tal afirmei na anterior entrega deste artigo, que terá neste un complemento orientado a tratar de iluminar algúns aspectos máis do debate lingüístico ou da cuestión lingüística. Desde a publicación dos datos do IGE (Instituto Galego de Estatística) atinentes ao uso do galego, que informan do que calquera con preocupación polo tema pode observar sobradamente: a quebra na mínima transmisión xeracional; o desuso xeneralizado na mocidade; a maquinaria desgaleguizadora que supón o ensino…, víronse obrigados a pronunciárense elementos varios representativos da oficialidade autonómica e académica. Realmente, os inquéritos do IGE, máis que información, supuñan confirmación de algo que aquelas autoridades deberan saber sobexamente, en tendo un seguimento mesmo superficial da vida social, da vida pública, da presenza en ambas da lingua nativa e nacional, do galego.

A burbulla do galego


E aquí topamos co primeiro elemento definidor: só facendo a vida en galego, ou queréndoa facer de forma xeral e constante, só así se captan e evidencian as dificultades de toda laia que tal uso comporta, ou sexa, só así nos decatamos de toda a cárrega de EXCLUSIÓNS e de AUSENCIAS da lingua galega na Galiza, o seu espazo natural e proprio. Concluímos, pois, que os que se sorprenden ou se doen de tan infaustos resultados demoscópicos, ou non practican o galego fóra dos (escasos) lugares habituais ou redundantes, ou ben viven comodamente instalados na súa burbulla particular, nunha endogamia pracenteira e sen as turbacións do mundo real ou, aínda, engánanse e -o que é pior- tencionan enganarnos aos demais. Mais botemos un ollo ás súas reaccións e ao que elas demostran.

¿De quen é a culpa?


Relemos ou relembramos afirmacións de responsábeis gobernamentais, desde o presidente da Xunta até o conselleiro de Educación, tanto o actual como o seu inmediato predecesor, que xa deixou, con vencello indestrutíbel, todo atado e ben atado, como no rexime que aínda nunca condenaron. Unha conclusión se impón, por sobre a vulgaridade das súas declaracións e da faramalla dos seus pretextos e pretensas coartadas: a principal política lingüística da Xunta e dos seus representantes consiste na crítica e denuncia constante de quen practica o galego por toda a parte, defende o seu uso co seu idem e tenciona modernizalo ampliando a súa utilización a toda a sociedade galega. A metonimia está servida: se se ataca ás e aos que usan de facto o galego, atácase o galego mesmo, e non -como perversamente se argúe- porque aqueles o patrimonialicen, senón por todo o contrario, por pretenderen popularizalo e prestixialo fóra dos seus inmediatos círculos de relación. A lóxica se impón. Se o BNG, por concretármolo na sigla política máis amentada e descualificada, tivese interese en manter o galego como “marca da casa”, como sinal identificador exclusivo, ¿a que molestarse en reclamar o cumprimento do exiguo arsenal legal favorábel ao seu uso; por que levar o tema da lingua a unha conciencia e a unha mobilización social que o eleve a asunto público; para que exteriorizar todo o catálogo de usos que define unha lingua normal, isto é, para que lembrar que, se o galego é unha lingua, merece dotarse (dotala) de todo o que lle falta para que tal aserto se cumpra cabalmente? ¿Acaso o galego foi algunha vez para o nacionalismo galego un argot, unha xiria, unha linguaxe secreta como o barallete para os canteiros ou certa simboloxía masónica de uso privativo?

Unha lingua, señoras e señores da Xunta e acompañantes varios, non pode humanamente viver (divinamente, tampouco) dun uso voluntario e voluntarista. Todo uso individual, para o seu mantemento e sentido, precisa unha retribución, unha devolución social, escollamos a interacción que escollermos, calquera: médica / paciente; profesora / alumna; crego / penitente ou fregués; xuíz ou policía / encausado ou interrogado; leitor de xornais ou televidente ou radio-ouvinte / prensa escrita, canles de televisión ou emisoras de radio (declinen os-as que isto leren en feminino ou en masculino complementar todo o enunciado). Todo dereito formalmente concedido ao uso dunha lingua conleva, para ter algún sentido, o compromido dun deber por parte das institucións, dos poderes públicos, da superestrutura xurídico-política responsábel de garantir aquel dereito e o seu exercicio. Mais nada disto interesa coñecer ou pór en práctica, claro está. O que interesa é desacreditar quen usa o galego e, con el, o galego mesmo, identificándoo cun sinal de seita, cunhas credenciais politicamente nocivas para o mantemento do sistema e do seu rexime.

Nunha reviravolta igualmente asombrosa, cúlpase ou pédenselle responsabilidades ao BNG, á Mesa, a todos cantos fan do galego bandeira, polo seu desuso, polo comprobado descenso de falantes ou por non teren sabido usar das tácticas oportunas para seducir a povoación galega e, así, conducila a un progresivo uso do idioma oficial do Estado. De modo e maneira que descobrimos, abraiadamente, que as vítimas dunha discriminación son elevadas a (co)responsábeis da mesma; quen rompeu, coa súa actuación, a corda da subordinación, quen evidenciou toda a proscrición reinante sobre o galego, vese agora convertido no executor da súa decadencia, da súa depresión. A tanto pode chegar a torsión argumental. ¿A quen cómpre interpelar polo fracaso absoluto das súas supostas tácticas de persuasión na expansión do idioma? ¿Onde, e con quen, practicaron esta suposta persuasión, que nen sequer conseguiu persuadilos a eles mesmos? ¿Que prédica persuasiva van ter co próximo se non a aplican ás súas proprias persoas?

A culpa é da sociedade e das familias (?)


Levo anos advertindo do uso ideolóxico e rancio do termo “familia”, tanto no rótulo de departamentos de goberno (Consellarías…) como do ponto de vista fiscal (hai persoas físicas e idem xurídicas; ¿acaso existe a “familia” como declarante-cotizante ou laboral: ¿existe un desemprego familiar?; ¿teñen acaso as mesmas obrigas e os mesmos dereitos adultos, adolescentes e vellos da “familia”?). Como era de esperar, tamén a “familia” se fai entrar en danza por parte de portavoces oficiais á hora de responsabilizar-culpabilizar do desuso-declive cantado do galego. Elas, as familias, e mais a “sociedade”, así, en xeral e en abstracto. De modo e maneira que chegamos á conclusión de que a Xunta non é “sociedade” e os seus membros non a representan. Mais ¿non se nos repite que vivemos nunha seráfica democracia representativa? ¿En que quedamos?

Os adultos están condicionados no seu comportamento lingüístico por profundas e moi marcantes normas sociais dominantes (impostas desde e por un Estado, o español), que afincan a súa orixe en tempos moi distantes do noso e que foron, persistente e inclementemente, erosionando a base social galegofalante, nun proceso de asimilación continuada e, hoxe, multiplicada exponencialmente mercé a emisores da lingua oficial do Estado a cada paso máis potentes e arrasadores.

Primeiro decretouse, de facto e de iure, a expulsión do galego do templo, ou sexa, de todos os templos, de todo uso social relevante, de todo uso público. Isto é que se nos aprendeu: a naturalidade da exclusión. O seguinte paso é o esperábel e previsíbel: se o galego é un resto inútil para falar cos vellos e mais na aldea, ¿a que conservalo e con quen?, ¿para que?; se eu, adulto-a, quero para os meus fillos o mellor, aforrareilles a represión que eu mesmo-a padecín, a censura social, a hilaridade ou a discriminación; irei polo atallo: español a esgalla! Revélase así a posesión aparente da lingua dominante (aparente, porque a fala é delatora ao máximo e denúncianos como galegos aínda que pensemos o contrario) como pasaporte supersticioso para unha identidade falsa. Neste cuadro sociolóxico, cuase determinista, ¿cabe responsabilizar a vítima adaptada, ou acomodaticia ou servil do seu acomodo ás regras do xogo que outros ditan? Hai que ter valor, abofé, para soster tal aserto.

As institucións académicas


¿E as altas e ilustres institucións académicas galegas? ¿Que é delas? ¿A quen aman? ¿A que dedican o seu tempo libre? ¿Como están? Ben, grazas. Todo ben. No medio e medio da treboada, na proximidade da que foi multitudinaria manifestación convocada pola plataforma ‘Queremos galego’ no 8 de Febreiro pasado, houbo que abrir a boca. Tamén… ter que falar da lingua galega fóra do 17 de Maio, vaia por Deus e polos santos todos! Grande aportación intelectual, achega sen par!: cómpre retirar o galego do debate político, do confronto partidario. O galego, logo, fóra do Parlamento, fóra da actuación e da reclamación sindical e asociativa, fóra da mobilización da rúa. Por tanto, o galego, ulo? Pois mesmamente no seo das súas institucións, das súas directivas, dos seus organigramas, ou sexa, patrimonializado, xusto o que denuncian nos que o usan partout. Este uso ten grandes avantaxes, iso non se dubida. É un uso tranquilo e plácido; esperado e esperábel; redundante e, por isto, admitido e desprovisto de toda turbulencia; dotado, aliás, da fachendosa ou da modesta aura de altura intelectual con que, narcisistamente, se contempla o gremio, de igual a igual, por favor, non tendo que lle explicar ao camareiro que se quer un café con leite e non con “leche” ou non tendo que se negar, en dependencias policiais ou xudiciais, a asinar unha declaración escrita en español cando se depuxo en galego, ou non tendo que pedichar un impreso de Facenda en galego ou un historial médico ou… tantas e tantas situacións da vida onde, como se dá a casualidade, inxenuos de nós, de que acreditamos en que o galego é unha lingua, queremos que se note e, xa que logo, facela existir en todos os lugares onde a outra lingua -esta si, de verdade- está sen ter nunca que pedir permiso.

“Sacar” o galego do debate político é unha tese atraente, abofé. Tanto, que se pode ampliar a moitas máis esferas. Verbigracia, imos sacar do debate político se a Real Academia Galega debe contar con máis diñeiros públicos. Igualmente, o Consello da Cultura Galega, cuxos orzamentos se presentan e aproban todos os anos no Parlamento galego. Están politizados, logo, ab initio. Mágoa. Retiremos, ergo, estas institucións do debate público, do debate político, e que busquen a vida por onde podan: financiamento privado, cotización dos seus membros, ao xeito sindical ou organizativo nacionalista, peta nas portas do Estado, apelo ás multinacionais operantes na Galiza… Por exemplo. Todo fóra da “política”, todos fóra da “política”!

Os meus recordos, porén, non van por esta amnesia despolitizadora. O que lembro e observo é unha inequívoca tendencia a non desgostar a quen manda e, así mesmo, a que pode valer calquera que goberne con tal de manter o statu quo e o modus operandi dos seus membros e beneficiados. ¿Que toca un dos elementos do dúo dominante, PP ou PSOE? Resposta: somos xente de orde, de toda a vida, lonxe e fóra de extremismos, nada de veleidades nacionalistas, aquí paz e despois gloria. Que toca un chisco de BNG? Galegos acendrados, nacionalistas da primeira fornada! Ouh, aqueles tempos heroicos dos anos setenta! Cantas cousas fundamos e que incomprendidos eramos!

Este filme paródico que acabo de compor é, na actualidade, moito menos simpático, pois os tempos apuran, o diñeiro público cada vez rende menos ou é máis escaso, a competencia maior e a precisión de adhesión máis patente se fai. Así, non abonda con se desmarcar: cómpre, tal o Presidente da Real Academia Galega, colaborar activamente co goberno autonómico: é o BNG, malia ser quen “máis” usa o galego, quen o “abafa” (isto é, falecemento por agobio e asfixia, ou ben: “hai cariños que matan”). Recompensa tena inmediata e elocuente: é o referente de autoridade que cita o sr. Feixoo, como inaprezábel axuda na súa denuncia e caricatura (política lingüística verdadeira, como xa dixemos: deostar o BNG) do nacionalismo galego. Máis outras voces secundarias (de momento; cómpre ser pacientes na carreira de relevos) se sumaron á pontifical: é preciso pagar o tributo ao césar e, se hai que o facer, faise. Até se resucita o fantasma da “imposición” como factor negativo na propaganda do galego, como se ela, a IMPOSICIÓN real non tivese nome e apelidos ben claros: a unilateral do español, por millenta vías, con millenta reforzos, con mil xustificacións e coartadas.

E falándomos de coartadas: a de verdade que todos estes portavoces -gobernamentais e académicos- poderían aducir -e non o fan, porque non poden nen queren, claro está-, para teren algo de credibilidade, sería esta: usamos o galego de forma regular e constante, facemos propaganda activa do seu uso, impedimos co noso alto cometido e prestixio toda a represión da súa utilización, instamos ao goberno español a que respeite e asuma os dereitos do galego na Galiza, recoñecemos todos aqueles e todas aquelas persoas e organizacións galegas que levan anos practicando o galego, levantamos as barreiras legais que limitan ou exclúen o seu uso no ensino, por exemplo, ou na función pública, ouvirase a nosa voz cando un xusticiábel non poda exercer o dereito humano básico de se producir no seu idioma en sede xudicial, garantiremos que o ensino infantil teña oferta de galego mínima ou que as universidades non sexan oceanicamente transmisoras de máis españolización do coñecemento e da investigación.

En fin, o acordo é plausíbel e perseguíbel, sempre que se diga a que se orienta, con que fins, que se procura, e se identifiquen responsabilidades e funcións. Do contrario: pax romana, silencio mudo (Rosalía de Castro dixit), morte lenta, até que o corpo aguante.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.