A perspectiva española do problema catalán e a necesaria reacción galega
O Instituto de Estudios Económicos (IEE), o think tank da patronal COEO, encargou e editou un libro, La cuestión catalana II. Balanzas fiscales y tratamiento fiscal de Cataluña, que foi presentado no Círculo Ecuestre de Barcelona o día 3 de abril de 2014. Nun dos seus artigos, co título “Panorámica del argumentario economicista a favor de la independencia de Cataluña: mitos y realidad”, asinado polo catedrático da Universidade Autónoma de Barcelona de Análise Económica, Clemente Polo, fanse as seguintes propostas de actuación: a) intervención militar, se o Parlament declarar de forma unilateral a secesión; b) fechar o Parlament; c) arrestar o dirixentes políticos independentistas e ilegalizar as forzas políticas autodeterministas; d) facer todo en nome da legalidade constitucional; e) tomar como modelo a actuación contra a Generalitat de 1934 por parte do Goberno radical-cedista, que suspendeu o seu funcionamento, por ter declarado o Estado catalán dentro da República federal española. Apóiase na Constitución española para defender o que chama dereito á integridade territorial do Estado español, a partir do artigo 2, que “consagra a indisolúbel unidade da nación española”, e do artigo 8, que determina que “as Forzas Armadas teñen como misión garantir a soberanía e independencia de España”. A secesión de Cataluña non cabe na Constitución española, segundo Clemente Polo. Se o Govern e o Parlament non cumpren a Constitución, o Goberno de España ten o deber de actuar, coa suspensión do Estatuto, a disolución da Generalitat e o cerre do Parlament, a restrición de dereitos constitucionais, como é normal nestes contextos, di sen o menor rubor.. Se hai insurrección armada, tería que reprimila como xa ocorreu na Segunda República, argumenta tamén.
O capítulo sobre relacións fiscais e financeiras neste libro do Instituto de Estudios Económicos (IEE) asínao Ángel de la Fuente. Feito, presidente do IEE, Polo, catedrático da UAB, e de La Fuente, tamén catedrático universitario de renome, estiveron na cea con coloquio posterior o día da presentación en Barcelona. Ángel de la Fuente é o catedrático que dirixe a elaboración das Balanzas Fiscais encargadas polo Ministerio de Facenda. Para de la Fuente Catalunya non está maltratada fiscalmente. En todo caso, considera protexidas e beneficiadas Euskadi e Navarra por gozaren dun sistema de financiamento, o concerto e o cupo, inasumíbeis, segundo el, por contrarios á igualdade. A desigualdade estaría, pois, entre as comunidades forais e as de réxime común. Tamén sinalou que se incumpre, co actual modelo de financiamento, o criterio de ordinalidade, isto é, que as Comunidades Autónomas ocupen a mesma posición antes e despois de aportaren ao sistema.
Do ambiente que reina en Cataluña, pode dar unha boa idea o feito de que, mesmo nun contexto hostil á causa independentista, o contido do libro da CEOE e as intervencións dos seus autores foron debidamente contestadas. Un empresario xubilado do sector auxiliar da automoción aclarou, perante tanta ameaza para inocular medo, que non cría que os bancos españois deixasen Catalunya, nin as grandes superficies, nin que as multinacionais permitisen os aranceis, nin que os bancos europeos se arriscasen a perder as súas débedas. Criticou o método elixido polo Ministerio de Facenda para elaborar as Balanzas Fiscais, o de carga-beneficio , porque “se imputa a todas las comunidades lo que se gasta en Madrid”. Con bo criterio, indicou que, en todo caso, Madrid, polo efecto capital dun Estado unitario e centralizado, en moi boa maneira, vive a conta de todos, non só de Catalunya. As Balanzas Fiscais oficialistas intentan, recorrendo a todo tipo de subterfuxios, obviar ou enmascarar esta realidade, engadiríamos nós. De la Fuente defendeu naturalmente o método fronte ao que privilexia a Generalitat, o de fluxo monetario, porque, segundo el, o importante non é onde se realiza o gasto, senón onde se produce (poden ser produtos fabricados en Cataluña os que se compren na inversión en Madrid, engadiu con desenvoltura!!!!). Outro empresario, de orixe granadina, disposto a defender Catalunya con uñas e dentes, preguntou: “Por que España non nos rouba?” A excitación chegou ao paroxismo. Feito, presidente do Instituto de Estudios Económicos (IEE), cualificou de loucura montar un movemento independentista sobre a crenza no roubo.
Mesmo tendo en conta o precedente do cardeal Rouco Varela insinuando, de forma críptica, a posibilidade represiva para salvar a unidade de España, e algunhas manifestacións militares de segundo rango filtradas, esta publicación coas súas propostas, a súa presentación en Barcelona, e a proximidade ao Goberno dos seus autores, representa a manifestación máis descarada a prol dunha saída con recurso á violencia, a represión e a violación de principios básicos da lexitimidade democrática, para enfrontar o problema catalán. Faríamos mal en crer que o Goberno non a manexa, en última instancia. Que outras pode estar manexando ou con que intencións está actuando? Temos claro que nin este nin outro goberno español posíbel van aceitar, por propia convicción e disposición, o dereito a decidir de ningunha nación ou pobo do Estado e a súa concreción nunha consulta ou referendo sobre o seu futuro. Sería negar a súa propia existencia, a súa razón de ser, a súa esencia xerárquica e imperialista, de dominio, a que sustenta a idea de España. Perante a magnitude do problema e canta maior é a evidencia de que hai que facer algo positivo no terreo político, é posíbel que se estea abrindo paso, con moita dificultade, algunha oferta concreta de reforma constitucional coa esperanza de dividir o movemento autodeterminista catalán, orientada a recoñecer a especificidade política de Catalunya: aproximarse a un sistema de concerto, recoñecer que é unha nación e a aceptación do carácter preferente da lingua catalá no interior a todos os efectos, sería a tríbade en que se sustentaría. Desde logo, esta opción chega tarde, após moitas experiencias e sucesos que invalidan a súa fiabilidade, e aparece como unha concesión, sen garantir a libre decisión. De seguro tampouco vai ser ofertada publicamente antes da consulta contemplada para o día 9 de novembro de este ano pola Generalitat. Xogará na sombra.
O Goberno espera que, perante a declaración como ilegais e anticonstitucionais de todas as vías que se exploren pola Generalitat para intentar celebrar a consulta, ao cabo opte por convocar unhas eleccións plebiscitarias. O Goberno, e os poderes fácticos, están a deixarse levar por análises que argumentan coa fraxilidade das conciencias en materia política. Acreditan no feito, vivido como esperanza, de que, nos procesos electorais regrados, se dá un comportamento que non ten por que ser igual ao dun referendo autodeterminista. Hai persoas que, podendo optar pola independencia nun referendo, nunhas eleccións autonómicas, xerais ou locais non voten un partido independentista. Xogar con esta maleabilidade non conta co dado certo de que o proceso independentista excede con moito os límites da política convencional para terse convertido nun obxectivo social. Foren cais foren os resultados dunhas eleccións plebiscitarias, vai resultar moi difícil reducir ou minguar o impacto social independentista, pois este obxectivo é a conclusión dunha experiencia socio-política con varios anos de acumulación, polo que ten extensión e intensidade. O problema catalán seguirá existindo. De ser o resultado claramente favorábel ao autodeterminismo, estarase de novo nun escenario aínda máis conflitivo, onde as posibilidades dun pacto que non sexa para posibilitar a independencia serán moi cativas. A pretensión, expresada por Rosell, o presidente da CEOE, catalán el, enunciada o 4 de abril en TV-3, distanciándose do Informe devandito, “retroceder un paso cada un para ir despois cara adiante”, sería moito máis difícil. Todo apunta a que o Goberno de España deseñou unha estratexia que pivota exclusivamente en acabar conseguindo, co recurso ao medo, á inviabilidade legal, e en último extremo, á intervención abertamente represiva, a división da fronte autodeterminista, recorrendo, de forma lenta, desganada e forzada, ás ofertas de maior recoñecemento da especificidade catalá, como alternativa política á capacidade de decidir. Nunha palabra, prefire que se podreza o problema, mesmo a costa de grave conflitividade e violencia, que resolvelo democraticamente.
Na Galiza existe unha opinión escéptica, que ve o problema catalán como algo sen saída, pois grande é o poder de España e da UE, parecen pensar. Hai unha minoría que se aliña, de forma rabiosa e agresiva, coa tese de que compre actuar con dilixencia represiva. E estamos os que constatamos como Galiza fica á marxe do debate, máis indefensa para soportar a maquinaria da asimilación, o dominio e a opresión do Estado español. Nunca tivemos unha correlación de forzas políticas máis negativa e contraria aos intereses do pobo galego. Nesta conxuntura haberá que saltar por enriba dela, para colocar como obxectivo social a necesidade do noso país loitar para saír da súa prostración económica, cultural, lingüística e política. Necesitamos espallar, con máis incidencia, unha mínima información consoante coa nosa realidade e os nosos intereses en relación con temas aquí tabús: o sistema de financiamento da Comunidade Autónoma e a necesidade doutro alternativo, cómo se fan as balanzas fiscais (e como se poden elaborar outras, as enerxéticas, as financeiras ou as comerciais) e por que Galiza dá moito máis do que recibe, fronte ao tópico español, de que vivimos grazas a España, a necesidade de contarmos cun sistema produtivo para poder vivir no propio país, por que somos nación e debemos expresar opinión e vontade política como pobo, por que é vital non renunciar á nosa lingua. Chamemos con urxencia á responsabilidade do pobo, das clases traballadoras, para non ficarmos atrás nin sancionar co noso silencio o actual estado de cousas que padecemos, desde a nosa óptica e os nosos intereses. A capacidade de decidir dos pobos forma parte esencial de calquera proceso de democratización do Estado. Somos distintos pobos ou nacións quen o sustentamos e o alimentamos, non el a nós. España non é unha única nación, senón varias, con realidades diferenciadas e vontades política que só, desde a total soberanía de cada unha, poden procurar a harmonía e a convivencia. Unha mudanza de réxime, de monarquía a república, que non parta deste axioma constituirá unha nova fraude. A Constitución española pode ser reformada, por unha cuestión táctica ou de oportunidade, pero se se ataca a súa esencia, a forma de réxime, a estrutura do poder, a idea de nación única, da patria común, optando pola verdade e pola necesidade e non pola mitomanía do dominio, é irreformábel. Hai que desfacerse dela. Mesmo só desde o recoñecemento e aceptación de a soberanía residir nos pobos pode construírse un Estado confederal, en igualdade de condicións, politicamente plurinacional. Temos que mellorar na clarificación e a axitación sociais sobre todas estas cuestións, de forma apropiada ao noso estado de conciencia como pobo. Incitemos sempre a saber, a estar informados, a ter opinión fundada sobre a nosa realidade, sobre nós mesmos.
Estamos ausentes de debates cruciais neste intre, polo control da información e a hexemonía absoluta de forzas políticas empeñadas, mesmo co recurso á demagoxia e á confusión máis falsarias, en manter a salvo a idea de España, a costa de non clarificar para nada as causas dos problemas de Galiza, reducidos, no mellor dos casos, a unha sinxela e maniquea dualidade esquerda/dereita, ás veces en nome tamén da nosa suposta incapacidade como pobo, destinado a esperar que calquera paliativo ao seu favor ou calquera salvación virán de fóra. Nada debe dicirnos o conflito catalán, nada a proclividade do españolismo de esquerdas e de dereitas a, por necesidade, comezar a pensar nalgunha concesión cualitativa, diferenciada, para Catalunya, que a manteña atada ao carro do Estado español. Moito menos debemos saber se a capacidade de decidir ten sentido, é unha necesidade para un pobo como o galego, e mesmo se existe ou non Galiza como nación ou pobo diferenciado. Vivir no limbo da ignorancia, do non querer saber, da eliminación da propia realidade en función de outras que se teñen por máis amplas e inclusivas, é, no mellor dos casos, unha actitude resignada, que non pode conducir máis que a maiores males e opresións, a sermos a última carta da baralla, en calquera escenario que se contemple. Se se fai algunha concesión limitada, non se nos concederá o que a outros, necesitándoo tanto ou máis que eles; ficaremos ancorados na nosa situación actual, afondada pola dependencia máis forte do marco opresivo, do deseño uniformizador, predisposto a non tolerar con medidas preventivas, coercitivas, que outra presa máis pretenda liberarse; se se apostar pola irracionalidade represiva aberta, o uso da violencia, veremos como se nos usa para xustificala en nome dunha legalidade supostamente protectora dos nosos intereses, mesmo co recurso a palabras como igualdade e solidariedade. Xustamente a igualdade e a solidariedade reais van por un camiño diferente aos que nos indica a dereita e a esquerda española, coa súa continua eliminación da nosa realidade.