A Pérgola do Parque de Rosalía de Castro en Lugo

A Pérgola do Parque de Rosalía de Castro en Lugo

A Pérgola de parque de Rosalía de Castro de Lugo foi restaurada no ano 2007, pola arquitecta Luísa Serrano García e o arquitecto técnico da empresa RESCONSA Xosé López Fernández. Foi unha intervención que en principio non entendida o público por que se pintaba de cor azul añil. O mérito desta arquitectura está en que é unha das primeiras estruturas que se fan con formigón armado, e ademais no estilo Art Déco, influenciada polo cubismo.

O proxecto aprobouse o 26 de novembro de 1921. O alcalde, Ángel López Pérez, dicía que o parque se ía facer no Garañón, desde onde se divisaba un dos panoramas máis fermosos e encantadores "non só do termo deste municipio senón que a caso desta rexión".

En efecto, o mellor do parque era a vista panorámica que se gozaba desde diversos puntos, dunha beleza incomparable por iso antes de que se lle dese o nome de Parque de Afonso XIII, o público chamáballe Parque das Belas Vistas, e esta foi a razón pola que se deseñou a Pérgola no ángulo suroeste. Pero aínda que pareza incomprensible, a neglixencia de varios grupos de goberno municipal, permitiu construír varias torres que a anulan e que obrigou á mobilización dos veciños da zona para impedir esta falta de respecto coas decisións do pasado e coa paisaxe.

O emprazamento

En 1923 márchase de Lugo o arquitecto municipal Ramiro Sainz, que proxectara o parque, e ven Eloy Maquieira, ao que encargan a terminación das obras en 1927. Aproveitando o ángulo da terraza que limitaba coa prolongación da Avenida de Rodríguez Mourelo (actual avenida do Doutor García Portela), dispuña unha pérgola transformándose aquela parte nun espléndido miradoiro, desde o cal gozaría, a cuberto do sol, "a admirable paisaxe que ofrece o Miño e as súas pintorescas marxes".

Aprobada a súa construción o 23 de xullo de 1927, o arquitecto propón a adquisición dunha leira duns 9.000 metros cadrados que había no límite oeste do parque, para evitar futuras construcións e a perda de vistas, unha cuestión que hoxe está de actualidade pola aberración urbanística que se está desenvolvendo.

Coa compra queríase evitar que os propietarios, usando do seu dereito, "puedan edificar o hacer las plantaciones que estimen convenientes, impidiendo desde la mitad aproximadamente de la balconada en construcción, contemplar el espléndido paisaje que desde allí se domina, restándole por tanto uno de los mayores atractivos que presenta el parque debido a su magnífico emplazamiento,... con esas posibles construcciones se reduciría excesivamente el amplio y grandioso horizonte que por todos los medios creo que debe conservarse, y por razones técnicas y de estética relacionadas con la composición de la parte baja, de su unión con la alta y de la indispensable unidad que dentro de la variedad del Parque deberá existir".

O alcalde entrevistouse coa dona que lle prometeu a venda por 8.000 pesetas e no pleno do 3 de agosto acordou a adquisición. Aquelas corporacións de fai 83 anos, nun acto de sentido común, daban un exemplo ás de hoxe, demasiado compracentes coa especulación urbanística, e totalmente irrespetuosas coa historia e cos intereses da cidadanía aos que en teoría se deben. A práctica dinos o contrario.

A arquitectura

En máis dunha ocasión manifestei que o valor da arquitectura non está nin nos materiais nin nos adornos. A arquitectura do parque, e por iso da Pérgola, ten importancia porque foron as primeiras experiencias que se fixeron en España con formigón armado.

O cemento significaba a modernidade, de maneira que o alcalde Anxo López Pérez non dubidou en levantar lastras de granito dalgunhas rúas para substituílas por pavimento de cemento. O cemento preferido polo arquitecto Ramiro Sainz era o Asland, Cangrejo ou Tudela de Veguin.

Algunhas deficiencias aparecidas nas viguetas ao saltar o cemento por efecto do aumento de volume das varillas de ferro que conforma a alma das pezas, fixo pensar en retiralas e substituílas por pezas de granito, o que sería unha boa solución práctica e máis barata, pero unha malísima intervención. Convencidos os políticos de que o mellor era a súa restauración, logo de feitas as análises correspondentes para valorar o seu estado e determinar o modo de actuación, procedeuse á intervención.

A pérgola do parque de Rosalía de Castro en Lugo, é unha estrutura prefabricada, similar ás que se puxeron de moda na segunda metade do século XIX. Neste caso substitúense as pezas de ferro fundido, que para este tipo de estrutura serían de madeira, polo formigón armado.

O chan fíxose con baldosín catalán recibido e asentado sobre cemento. Levaba tamén unha cinta de baldosín de cor azul cobalto. Moitas persoas sorprendéronse por ver pintadas de cor azul añil as viguetas que sosteñen a glicinia. Na restauración comprobouse a existencia de restos desta cor e no orzamento para a súa construción especificábase que había que darlle "cuatro manos de color y una de ácido". A cor azul está ben escollida xa que fai xogo co violáceo das flores da glicinia na primavera.

A pérgola fíxose con pezas de formigón armado, columnas, ménsulas e vigas da armadura, viguetas transversais normais e radiais, unidas por un brochal, para o encontro dos dous tramos rectos. A balaustrada é como a do resto do parque, e as xardiñeiras en forma de floreiro destinadas ás plantas, foron fundidas en cemento, rematando con azulexos.