A patoloxización da política

A patoloxización da política

Descúlpome pola palabra paquidérmica do título, mais non se me ocorre outra para cualificar a conversión dun proceso político en enfermidade doentía, en trastorno psicolóxico, en hipérbole tumoral. Asistimos a tal operación nomeadamente verbo de Cataluña e do obxectivo político central que no presente se está a desenvolver. Saco a pasear algúns destes cualificativos ou atribucións. “Descerebrados”, “badocos”, “mafiosos”, “iluminados”, “nacionalistas profesionales”, “payasos”, “disparatados”, “alucinación colectiva”… O alto comisionado da “Marca España”, Espinosa de los Monteros, opina que quen non quer ser español “tiene que hacérselo ver”… É tal a perversión dos opinadores galegos que tencionan ser máis papistas que o Papa (¡que papel, meu Deus!: superar o colonizado ao colonizador en celo imperial) que converten en moderadas voces as de intervinientes no debate como Fernando Ónega, Meilán Gil ou ¡aínda! Alejo Vidal-Quadras, “ambos tres” -como diría alguén no Parlamento- recoñecedores de que o que se coce é un problema claramente político e política ha de ser a súa solución.

Claro que tal profusión de aldraxes casa moito ben coa penalización vocabular ou coa ignorancia fachendosa. Que eu lembre agora, asistimos a como se solicitou no seu momento da deputada do BNG Montse Prado a retirada do termo “depredadora” aplicado á política da Xunta e do PP. Un outro cargo público do mesmo partido pediu perdón por utilizar o adxectivo “enconado”, supóndoo -digo eu- derivado de “cona” e non de “encono”, palabra que usa o grande Eduardo Pondal na letra do poema que dá lugar ao noso Himno nacional. Tamén o “bo bergantiñán” foi penalizado cando se considerou ofensivo o uso da palabra “imbéciles” que aparece naquel ou, aínda!, da palabra “clan”. Tal cal. Así se chegou a afirmar cando tentamos, hai xa ben anos, a reforma da Lei de Símbolos para restaurar na súa textualidade verdadeira a letra do Himno de noso, mais xa nos resignamos a que nesta nosa amada nación as mudanzas levan décadas e, algunhas, séculos. No remate dun discurso parlamentar ouvín o Presidente da Xunta proclamar que cumpría “traballar cobado con cobado”, así, con acento grave, unindo o disparate á expresión castelanizada. Seica aí non andaron aleutos os que aínda se seguen chamando “tradutores” na Cámara galega. Certo é que a cultura xeral do personaxe deixa moito que desexar: tamén por el nos enteiramos do estraño nome dun conxunto musical irlandés (The Chieftains) que na súa pronuncia pasou a ser unha complicada acumulación inintelixíbel de chetsche… Algo así. Recentemente, para xustificar a súa descualificación raibosa do BNG (“tonto útil”) converteu a Karl Marx nun refresco ou nuns animais: “Kas” Marx ou “Cas”, como se prefira.

Asusta, abofé, a histeria desatada. A manipulación, por suposto, xa vén de lonxe. ¿Por que “desafío soberanista”? Se se quixer informar neutral, obxectivamente, será “proceso”, coa explicación ponderada das razóns que asisten a todo un povo a reclamar o seu dereito a exerceren o voto e a defenderen a eventual independencia. Citan unha e outra vez Ortega y Gasset (sesión de Cortes, 1932, que modernidade!), como podían citar, se non fosen hipócritas, José Antonio Primo de Rivera ou os “Principios Fundamentales del Movimiento”. Apelan grandilocuentemente á Lei, así, maiúscula, inmutábel e sacralizada, como se a lei -con maiúscula ou con minúscula- non fose mesmamente un produto humano e político contixente, mudábel e reformábel pola súa propria natureza histórica. O imparábel movemento social catalán a prol do exercicio da soberanía atribúeno a un monumental proceso de manipulación ideolóxica, como se esta non se producise adoito desde as cavernas político-policiais-mediáticas do máis feroz españolismo. Converten a discrepancia política, o dereito de diverxencia, crítica e superación do modelo actual nunha resposta fanática e inquisitorial que augura males sen conto para quen defender unha reorganización do Estado ou a conversión en Estado proprio da nación correspondente. Chaman “louco” a Artur Mas e cousas piores a Oriol Junqueras. Caricaturizan o que levan adoito ao rocho do “sentimento”, como se a nación galega, ou a catalá ou a basca fosen un depósito irracional de resentimentos. O grau de alporizamento anti-catalán é inversamente proporcional á súa mención da Galiza. Ela, a terra, a nación onde viven e da que comen, non existe. Son, claro está, españois e europeus, faltaría máis. Mal saben que está máis que diagnosticada a síndrome: colonizados ilustrados na fase profunda de alienación: aquela en que non só se imita o colonizador senón que se procura a identificación total. Claro é que, se cadra, a teor do sinalado arriba, tamén consideran estas palabras insultos e non definicións.

Asisten embobados e idolátricos á rapidísima sucesión ordenada en emporios bancarios ou multinacionais, sen se lembraren de criticaren o veloz relevo dinástico, sen primarias nen nada semellante. Madia leva coa democracia corporativa! Os tiburóns non andan con miramentos. Quente aínda o cadáver do xefe finado, o novo rosto do poder ha de aparecer axiña, non vaia ser que se baixe na Bolsa ou que se desaten movementos internos de recolocaduría dos mandos. Isto si que é monarquía! Se fósemos, en xeral, algo coñecedores da nosa historia e dos vultos principais dela, nós, galegas e galegos, debiamos estar xa máis que vacinados contra semellante cárrega brutal de deformación e de ocultación. O exemplo de Rosalía de Castro é máximo. Diante dos nosos fociños perpetrouse a descomunal operación de ortopedia violenta, da cirurxía máis destrutora que caiba imaxinar, para a converter non en algo diferente do que foi, senón no seu contrario absoluto. Só unha inoculación persistente de españolización, alimentada de ignorancia e desprezo para todo o noso, pode explicar semellantes comportamentos. Triste destino que se nos utilice os galegos como ariete da España que nos afogou, que nos expulsou en centos de miles a través da emigración, que mata directamente posibilidades de desenvolvemento industrial, pesqueiro, agrícola, gandeiro, cultural ou comercial.

¿Que sería de nós, colectivamente falando, se non existise a voz digna, clara e valente do nacionalismo galego? Vouno dicer: caricaturas dignas de lástima ou de gargallada cruel. Isto é o que irrita e enche de carraxe violenta a tantos corifeos e botafumeiros do españolismo máis recalcitrante: que se lles coloque diante un espello do que somos e do papel que queren que cumpramos na orde estatal, europea e mundial actual. Medo dá a súa feroz intransixencia. Lembra “la santa intransigencia” de Monseñor Escrivá de Balaguer. Meigas fóra