A participación dos concellos galegos nos ingresos do Estado (PIE)
“Mandar caladiños a Madrid”, como dicia Castelao, é o que ten, e trae as consecuencias que trae, entre elas o inxusto reparto da participación dos ingresos do Estado que fai Madrid. Si xa os concellos son os parentes pobres da administración e reciben moito menos do que lles correspondería atendendo aos servizos que prestan, incluídas as competencias impropias que ninguén prestaría si non foran eles, os concellos galegos reciben dos que menos debido a uns criterios de reparto totalmente inxustos que non atenden as particularidades da nosa terra e priman esaxeradamente outros como a poboación.
Euskadi recada directamente os impostos e os reparte atendendo aos criterios que considera máis axeitados para o seu territorio, posteriormente paga a cota correspondente ao Estado. Resultado: os concellos vascos reciben máis do dobre polo equivalente deste concepto, e iso considerando que a poboación de ambos territorios é similar. Imaxinen o impulso social que una alcaldesa ou alcalde galegos poderían darlle ao seu municipio se recibiran máis do dobre do que teñen no orzamento nesta partida.
E non pensemos que os cataláns están menos favorecidos: nas entregas a conta de 2015 recibiron de media 319,97 € por habitante cando aquí foron 212,06 €. Pensemos que os seis concellos de máis de 500.000 habitantes (Madrid, Barcelona, Sevilla, Málaga, Valencia e Zaragoza, lembremos que Euskadi vai a parte) reciben un terzo do PIE con soamente o 18 % da poboación. Os madrileños, o que parte e reparte sempre leva a mellor parte, se levan a palma (de ouro neste caso) con 354,50 €. Galiza está na cola de percepción dentro dunha media do estado español de 263,16 € por habitante.
Outro dato esclarecedor, o concello de Málaga (566.913 habitantes) recibe tanto como as 6 cidades galegas máis poboadas xuntas, tendo estas case o dobre da poboación (924.018 habitantes). Temos que engadir a isto que o custe galego de dispersión do territorio á hora de proporcionar servizos non o teñen os malagueños.
E todo o exposto é debido aos criterios de reparto que atenden a dous réximes: o xeral e o de cesión (no que están incluídos os 6 maiores concellos galegos). No réxime de cesión (concellos maiores de 75.000 habitantes e capitais de provincia e autonómicas) non existen criterios en si mesmos máis pártese de garantir como participación mínima a cantidade percibida por cada concello no ano 2003, cando dentro do criterio de poboación (75% da cantidade a percibir) aplicábase aos concellos maiores de 500.000 habitantes un coeficiente do 2,85 fronte a coeficientes entre 1 e 1,60 para o resto. Esta inxustiza consolidada, que favorece descaradamente á poboación, mantense ao día de hoxe e leva a estes repartos inxustos.
Dentro do réxime xeral (concellos menores de 75.000 habitantes) os criterios son os comentados do 75% pola poboación (aplicando logo uns coeficientes por tramos que van do 1 ao 1,40), o esforzo fiscal (12,5% que ten en conta o IBI, IAE e IVTM), o inverso da capacidade tributaria (12,5 % para o seu cálculo tense en conta a relación existente entre as bases impoñibles medidas do Imposto de Bens Inmobles urbanos por habitante de cada concello e do estrato no que este se encadre). Por último hai unha compensación polas minoracións de ingresos derivadas da reforma do IAE.
Galiza ten unhas características territoriais e poboacionais que a fan diferente e teñen gran influenza nos servizos a prestar. As máis salientábeis son a dispersión poboacional (tantas entidades de poboación como o resto do estado xunto) e o avellentamento da poboación. Isto provoca maiores custos para prestar servizos a unha poboación dispersa e para atender as maiores necesidades dunha poboación de maior idade. Teríanse pois que incorporar estes criterios para ter un reparto máis xusto e así o entenden, na súa práctica totalidade, as comunidades autónomas incorporándoas ao seu reparto do Fondo de Cooperación Local.
Por outra banda o perverso do criterio inverso da capacidade tributaria trae como consecuencia a inexplicable flutuación que se produce nos concellos ao longo dos anos, así como no índice aplicado para o reparto da entrega a conta con respecto ao calculado para establecer a participación definitiva. Iso está poñendo en serio risco o equilibrio orzamentario dalgúns concellos que reciben determinadas cantidades a conta e logo teñen que devolver na liquidación cantidades esaxeradas.
Este ano liquidase (tradicionalmente a finais de xullo) o PIE do ano 2013, e conforme ás previsións iniciais do Estado pódese derivar que os concellos galegos terán que devolver máis de trinta millóns de euros do recibido na entrega a conta, tendo sempre en conta que uns terán que devolver e outros recibiran. E todo elo por un mal cálculo estatal o polo perverso dalgúns criterios como o comentado antes (que se poñan a tremer os concellos que tiveran unha revisión catastral).
Así pois unha primeira reclamación sería a de incorporación dos criterios comentados ao reparto, máis temos que ir un pouco máis alá. Hai que pular porque Galiza reciba o que é de xustiza directamente e que logo sexa a Xunta a que faga un reparto máis equitativo e adaptado ao territorio, tal e como se fai co Fondo de Cooperación Local. Indo un pouco máis alá, e como verdadeiro obxectivo, Galiza ten que ter unha Axencia Tributaria propia real que recade os impostos tal e como fan os vascos. A Soberanía ten, entre outras cousas, esas agradables consecuencias.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.