A Participación cidadá e as ordenanzas de Administración electrónica

A Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos recoñece o dereito destes a se relacionar coas administracións públicas por medios electrónicos, entre elas, por suposto, a Administración Local. Esta Lei establecía como prazo de implantación o 31 de decembro de 2009, claramente incumprido, aínda que para as comunidades autónomas e administración local deixábase unha porta aberta ao establecer “sempre que as súas dispoñibilidades orzamentarias non impediran a adaptación”. Porén o orzamentario era unha limitación non unha exención da obriga de prestar o servizo.
Segundo un recente informe do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galiza (OSIMGA) “o 77,2% dos concellos galegos permite iniciar a tramitación telemática dos procedementos e en preto dun 6% os trámites poden realizarse totalmente de xeito electrónico”. Asemade, o 32,7% dos mesmos dispoñen de sitio web que conta con sede electrónica, “valor que chega ao 60% para os de máis de 50.000 habitantes”. Coméntase no estudo que os servizos máis implantados da sede electrónica son o rexistro de documentos (60,7%), o rexistro de queixas e suxestións ( 64%) e a solicitude de autorizacións e permisos (50,6%). Como se pode ver, nin rastro no estudo de referencias á democracia participativa que a tecnoloxía pode facilitar.
Deixemos a un lado os aspectos técnicos que, por outra banda están máis ou menos definidos e acoutados, e centrémonos no aspecto político, e para elo, ímonos servir da recentemente aprobada ordenanza do Concello da Coruña como paradigma de cómo o Partido Popular impregna da súa ideoloxía todo o que toca, deixando de lado os dereitos da cidadanía cara ao seu propio interese.
Un concello que presume de transparencia ten gastado vinte mil euros dos contribuíntes na confección, por parte dunha empresa privada, dun estudo que servira de base para a elaboración dunha ordenanza de transparencia que agora retrasa sen prazos despois de varios meses. Porén o mesmo concello, que fachendea de ser modelo, foi condenado por vulneración de dereitos fundamentais por impedirlles aos membros dos grupos da oposición o acceso a documentación, en concreto á solicitude da subvención ao transporte colectivo urbano e as auditorías de Nostián.
Se comparamos a ordenanza con ordenanzas referentes como as de Bilbo, Barcelona (pioneira) e Irún (destacada pola Fundación Europea para a Sociedade da Información), referentes tamén por pertencer a nacións sen Estado como Galiza, chama poderosamente a atención a falta de referencias no concello coruñés á participación veciñal e a utilización do galego
Nos principios xerais da administración electrónica coruñesa non están o principio de gratuidade, definido como que non se poderá esixir contrapestación económica adicional derivada do emprego de medios electrónicos informáticos e telemáticos na súa relación coa cidadanía.
Non está tampouco o fundamental principio de participación, que se pode establecer como que a administración municipal promoverá o uso dos medios electrónicos no exercicio dos dereitos de participación, en especial co dereito de petición, os dereitos de audiencia e información pública, a iniciativa cidadán, as consultas e a presentación de avisos, queixas, reclamacións e suxestións. Podemos consultar a web do goberno vasco (www.irekia.euskadi.net) exemplo de democracia participativa en contraste coa democracia representativa (son votado cada catro anos e fago o que me pete se salgo elixido, mesmo en contra do propio programa electoral). Cabe subliñar que a Deputación de Lugo acaba de por en marcha uns moi interesantes "Orzamentos Participativos" (www.orzamentosparticipativos.org). En definitiva, a participación de veciñas e veciños é ignorada neste que é un instrumento importantísimo para favorecer e fomentar a participación cidadá.
E, por suposto, no texto do partido popular non hai nin rastro do principio de garantía do exercicio dos dereitos lingüísticos. O galego é totalmente ignorado como principio de comunicación. Poderíase engadir ademais do dereito de comunicarse e informarse en galego como principio, o uso da ferramenta para a súa promoción. Importante ler o texto da Lei 11/2007, na súa disposición adicional sexta (Uso de linguas oficiais).
Moi rechamante é o contraste no texto entre dereitos e deberes da cidadanía. Un único paragrafo adicado a dereitos comparado coa grande extensión do artigo dos deberes. Nas ordenanzas referente consultadas ocorre exactamente o contrario, abondosos dereitos e cativos deberes e incluso nalgún caso nin se definen. Así mesmo bótase a faltar unha declaración de principios en canto ao fomento de medios electrónicos e a eliminación da fenda dixital, e máxime cando a Lei de Reforma da Administración Local o define como nova competencia para os concellos (a única nova).
Importante comentar que este medio de participación non substitúe aos tradicionais senón que os potencia, axuda e complementa. Tamén dicir que hai que estar ao carón das persoas que por motivos económicos e/ou de formación non teñen acceso ás novas tecnoloxías, establecendo os medios precisos para paliar esta eiva.
En definitiva carencias fundamentais, a ausencia de todo indicio de participación cidadá, que é toda unha declaración de intencións do PP mesmo incumprindo a Lei e por suposto a nula referencia ao idioma de Galiza, aspectos que todos os concellos teñen que ter moi en conta cando afronten a redacción desta ordenanza.