A outra epidemía oculta que dilacera o País
Seica non hai mal que non veña por ben... mais cata para quen. Así, por exemplo, dentro das trebas que trouxo consigo a epidemía da COVID-19, cuxos tentáculos agarrotaron cada aspecto das nosas vidas, a expansión do coronavirus tamén serviu en parte para destapar e denunciar a execrábel crise que desde hai tempo arrastra o sector da saúde mental e que as restricións motivadas pola COVID non fixeron máis que agudizar.
Para ter unha idea da escala da falta de medios, basta con saber que, segundo se gaba a propria Xunta, houbo que agardar até 2021 para asistir á criación na Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza dun hospital de día de saúde mental infanto-xuvenil sito na capital. Mellor tarde que nunca! Trátase apenas do segundo que se pon en marcha en toda a Galiza despois do de Vigo, que debe atender os preto de 50 000 pacientes das áreas de Vigo, Pontevedra e Ourense. Infelizmente, o sitio da Xunta non fornece moitos máis datos nen sobre a dotación en medios humanos, nen sobre a súa capacidade. Porén, non se ruboriza ao proclamar que o tan publicitado Plan de Saúde Mental, que supón un incremento orzamentario de 1,7 millóns, prevé “unha suba de 23% (1,5 millóns máis) para a partida destinada a servizos concertados de saúde mental”. Igual fican unhas migalliñas para os centros públicos…
Por fin, desde ese mesmo ano 2021, a nova Unidade de Saúde Mental ambulatoria no Centro de Saúde de Ordes conta con 1 psicólogo, 2 psiquiatras, 1 enfermeira e 1 traballador social para dar resposta às necesidades de Ordes, Frades, Mesía, Tordoia e Trazo, às cais tamén se quer xuntar Oroso. Cabe preguntarse cal será a distancia media de viaxe precisa para ser atendid@.
E todo isto nun País onde o envellecemento da populación inexorabelmente vai orixinar cada vez máis problemas relacionados coa demencia senil, sen falar do isolamento, a depresión, o abuso de somníferos, os antidepresivos e o álcool... Persoas condenadas a ficaren desatendidas e privadas dos coidados que merecen, a maioría delas –dito sexa de paso– mulleres.
Esta terríbel situación encobre outra epidemía que está a desolar o noso País en particular. Unha epidemía insidiosa cuxa propria existencia fica calada pola mesma razón que rodea todo o que ten a ver coa saúde mental, nomeadamente o estigma social.
Estamos a falar do suicidio. Trátase dun tabú que entraña vergoña e mutismo, causados indubidabelmente pola esmagadora lousa da doutrina cristiá que ensina que o suicidio é pecado e “signo da ausencia da fe ou da esperanza cristiá” (Pío XII). Por este motivo, a Igrexa viña negando o dereito de sepultura en solo santo, unha especie de exclusión post mortem que tamén se estendía às persoas non baptizadas, incluídas no seu día as persoas escravas. Así, as familias que ficaban atrás non só tiñan que lidar co loito, mais tamén coa idea aterradora de que o seu ser querido ía incorrer os tormentos do purgatorio.
No entanto, por difícil e espiñenta que poida resultar abordar este tema, de nada serve enterrar a cabeza na area. Evitar falar deste drama individual e colectivo non vai facer que desapareza, nen moito menos vai axudar a reflectir sobre as causas e os remedios posíbeis. Así, resulta necesario e urxente encetar unha conversa social franca e sen complexos ao respeito.
Trátase dunha auténtica epidemía sixilosa que roe e corroe o noso País por dentro. Segundo os dados oficiais do INE, Galiza era en 2019 a segunda Comunidade con maior taxa de suicidios. Ese mesmo ano, Lugo ostentaba a taxa máis alta de todo o Estado: segundo o Imelga, unha persoa por semana nesta cidade, onde o flaxelo afecta sobretodo as persoas de máis de 60 anos. No conxunto da Galiza, en 2020 desaparecía por suicidio case unha persoa ao día. Todas estas cifras datan do período pre-COVID, antes de que a pandemía fixese disparar o número de casos.
E non esquezamos que detrás destas arrepiantes cifras hai persoas de carne e óso, persoas con familias e amig@s.
Hai quen afirma que as mozas e os mozos actuais –coñecid@s como millennials (Xeración Y) e zoomers (Xeración Z)– son moito menos resilientes do que antes e que se comportan como ‘flocos de neve’ que se derreten face à máis mínima adversidade. Pode ser ou pode que non. Porén, unha cousa é certa: se as novas xeracións son así, non é por gusto nen por predisposición, mais polas condicións sociais do mundo en que lles tocou viver.
Como mostra sobranceira do flagrante fracaso do sistema capitalista e neoliberal, cabe lembrar que estas novas xeracións van ser as primeiras que se vexan previsibelmente condenadas a viveren en peores condicións económicas e materiais do que as súas nais e os seus pais: traballador@s empobrecid@s azoutad@s polos baixos salarios e a precariedade laboral, o desemprego, o endebedamento, a imposibilidade de acceder a unha vivenda digna... A todo isto hai que somar, obviamente, os efeitos deleterios das restricións orixinadas pola pandemía, que transformaron radicalmente e mesmo truncaron a adolescencia –etapa formativa vivencial esencial– destas xeracións no momento en que máis vulnerábeis se poden achar.
Non é que sexan menos resistentes por natureza: é que foron fraxilizad@s, case quebrad@s, frustrad@s en canto às súas posíbeis aspiracións sen grandes esperanzas de futuro. Até tal ponto que, para moit@s, máis unha vez, a única opción é marchar en busca xa non de algo mellor, senón, en moitos casos, de algo que lles permita subsistir sen máis.
Non é de estrañar, pois, que estas novas xeracións pasen a engrosar as filas das persoas que non ven máis saída do que quitarse a vida. Agora ben, fechar os ollos e ficar calad@s nada fará para frear a hemorraxía desta epidemía silandeira que está a desangrar o noso País. Pola contra, cumpre falar e deixar falar con franqueza, alén de educar para desterrar os mitos e os preconceitos que rodean este tema e colocar ao dispor do conxunto da cidadanía un sistema de saúde universal público, gratuíto e integral que englobe tanto a saúde física como a psíquica.
Polo ben de tod@s, non teñamos medo! Hai esperanza… sempre e cando nos decidamos dunha vez a falar do suicidio.