A outra (e permanente) campañal eleitoral

Chamo a atención, en primeiro lugar, sobre un fenómeno de continuidade, anterior e posterior a calquer campaña eleitoral, adoito inadvertido, e que, porén, constitúe, no meu xuízo, un formidábel elemento de determinación do voto e de reforzo do statu quo. Refírome ao omnipresente uso do español no espazo mediático, social e político, en xeral. A mensaxe que se envía é clara: o galego é válido en canto residual ou convenientemente acadarmado e controlado. Reparen no seu uso nos xornais de difusión masiva: non se trata só dunha exclusión clamorosa senón dunha exigua inclusión hiperselectiva, como elemento estilístico (“trapallada”, “desfeita”… como palabras expresivas na prosa española), como esporádica información cultural, igualmente sempre controlada, ou ben como “reflexo” do mundo rural moribundo, tanto por localización como por idade dos utentes do galego, como por clase social, fóra de “homologación” moderna.
Nada disto é inocente, claro está. O siloxismo é transparente. Quen usa o galego e só o galego, en calquer lugar e ocasión, para calquer mensaxe, en toda a nación, está a proclamar coa súa práctica a posibilidade certa dunha outra Galiza onde o galego non forme parte da sempiterna política de retallamentos senón que sexa elemento unitivo, interclasista, interlocal, e con todos os atributos dunha lingua normal. Por contra, a mensaxe diaria que xornais, suplementos, radios, televisións… están lanzando é algo así como: “¡A ver si os morís de una vez! Sobráis en el mundo moderno! Solo os admitiremos si toleráis vuestra inferioridad y vocación residual!”.
Xa estou ouvindo quen diga: sempre foi así, e sempre o nacionalismo galego tivo de batallar nunha travesía co vento de proa. Nego a primeira. Non sempre foi así. A “oferta” de galego baixou escandalosamente en todos os meios oficiais e en todos os seus portavoces e auxiliares. Non existe, por parte dos que foron máximos representantes do goberno (¿?) galego, o mínimo respeito por un elemento central do que xuraron ou prometeron para accederen ao seu cargo, o idioma. ¿Que respeito para o galego ou que ánimo de usalo pode causar que os expresidentes vivos da Comunidade Autónoma Galega exclúan o galego do seu uso público, en alocucións, entrevistas, artigos…? Quen, a partir deste feito, vai sentir estima ou afecto polo galego? O mesmo diriamos de exconselleiras-os, exdeputadas-os… Sempre hai un bon pretexto para que o galego non apareza. Aliás, os espazos radio-televisivos públicos onde o galego debera reinar e funcionar como unha magnífica oportunidade de corrección e de bon modelo de léxico, de sintaxe e de semántica, de contidos serios e variados, serven hoxe a todo o contrario. Non hai unha soa emisión, un só programa, onde, por unha ou outra vía, non apareza a lingua oficial do Estado, sexa a través de “expertos” españois sobre calquer tema, sexa porque aos nativos ninguén lles recorda que están a falar nunha radio ou nunha televisión galega, sexa por declaracións directas dos gobernantes galegos. ¿Que impresión pode causar ouvir no mesmo informativo a Núñez Feixoo en español e a Alicia Camacho (PP Cataluña) en catalán, traducida ao galego?
A reespañolización de que falamos nunca foi máis certa. Hai uns días, pedíronme facer unha consulta a “El Corte Inglés”. Fíxena telefonicamente a un dos centros da Coruña e a voz feminina que me respondeu contestou á miña pergunta. Nunha segunda intervención ouzo: “Hábleme en castellano, que no la entiendo” “¡Que fale en que…?!” berrei. Non preciso dar conta do resto da miña alocución; é facilmente imaxinábel. O caso é que reclamei falar coa ou co responsábel da dirección do centro. Esta persoa, tamén unha muller, xa me falou en galego de primeiras e, ante a miña indignada protesta e anuncio doutras accións non telefónicas, infórmame de que, desde hai un tempo, todos os centros desta multinacional receben as chamadas en Madrid e, desde aquí, desvíanas ao estabelecemento correspondente. Aseguroume, ante a miña pergunta, que tamén as de Cataluña. Pediu desculpas, dixo comprender a miña posición, mais utilizou varias veces o adxectivo “pobres” con valor conmiserativo para se referir non a nós, os “pobres” galego-utentes, senón ás rapazas de Madrid, que, “pobres”, pasan os apuros de non entenderen os seus comunicantes e de teren que aturar vivas protestas. Típico galego, nonsí? Sempre a nos daren pena os demais, non os connacionais. Aclareille, por se algo valer, que o inveterado e enrabechado espírito de imposición do español tamén se transluciu no imperativo usado pola traballadora de Madrid, por se non fose suficiente a impostura: é imposíbel responder unha pergunta con coherencia se non se “entende”. Unha cousa é non entender e unha outra é non querer entender, como outra cousa é saber galego e non o querer falar, e apelar a millenta pretextos para non o facer.
O catálogo de inxeccións españolizadoras (na cultura, na economía, no pensamento) é ben cumprido. Mais o terríbel é que conte con tan colonizados e fieis servidores desde dentro das proprias institucións autonómicas: non habendo pior cuña que a da propria madeira, o exemplo é demoledor, porque, a diferenza de cando non había nada intitucional galego, agora funciona un aparente aparato de poder galego ao servizo directo da vella servidume, arestora renovada con argumentos da globalización inclemente. ¿Cómo puido pasar desapercebida, na campaña eleitoral, a ENORMIDADE proferida polo sr. Núñez Feixoo, en entrevista en V Televisión, cando anunciou que o “único” favor gobernamental que ser permitira co seu lugar natal, Os Peares, fora prever a creación dun poboado inglés, só en inglés, todo en inglés, para acudiren a el estudantes de calquer lugar de Galiza a practicaren tal idioma, como se estivesen entre nativos anglófonos?
Eu sigo afirmando, e sigo defendendo -até que alguén me demostre o contrario- que a práctica, exhibición, uso non redundante, defensa razoada, interese pola súa mellora interna e corrección… da lingua galega é o mellor pasaporte para caisquer outras formas de conciencia sobre a Galiza. Tamén o mellor teste para medirmos até que ponto as nosas mensaxes e alternativas poden furar esa costra profunda de autoodio (en millenta modalidades e versións) e reavivar un afecto, estima e orgullo polo que nos define e nos pertence. Todas e cada unha das defeccións, todas e cada unha das indiferenzas, todos e cada un dos xustificantes para dar por natural a exclusión do galego van ser vías de apoio indirecto á dependencia da Galiza, á noción, longamente inoculada, de que sós “non” podemos, de que somos “pequenos” e precisados eternamente de amparo-dominio exterior. Claro está que todo isto non rende nada na venda dun produto. Fai parte da defensa dunha alternativa política que precisa moita maior e mellor explicación, mellora e exposición ben razoada. De novo, xoga aquí o idioma un papel central, nas formas que se utilizan, na identificación do público a que se quer chegar, na dignificación de toda a historia que acumula.
Hai xornais que oferecen a compradores e subscritores a venda de xogos de coitelos, de variados tamaños e funcións. Non podían atopar mellor símbolo do papel que representan. Coitelos para cortar, mutilar, retallar, formatar informacións, ou, simplesmente, para eliminar as que non convén difundir ou para ir matando pouco e pouco, paseniñamente e con dor, os elementos indesexados-sobrantes da Galiza: o nacionalismo galego e todo o que supoña contributo a formar a noción de que somos un povo específico, con economía, lingua, cultura, pensamento… diferenciados; por tanto, nación, razón pola cal o nacionalismo galego existe.