A organización territorial de Galiza

Paradigma da actual situación son as deputacións, monstros creados en 1833, comedores incansábeis de recursos dirixidos aos concellos, e establecidos cunha clara intención política centralista dirixida á división das nacionalidades históricas en anacos (provincias) de dependencia directa de Madrid. Así o entenderon os sublevados encabezados polo Coronel Solís en 1846 que pretendían que Galiza fora provincia única, revertendo claramente a intención centralista, e que curiosamente foron chamados provincialistas. Elo levou a que o propio coronel e doce dos seus oficiais foran fusilados en Carral, despois de ter sido derrotados tres días antes na batalla de Cacheiras. Esta intencionalidade centralista contra a que xa loitaron os mártires de Carral é claramente utilizada polo actual goberno do Estado que, lonxe de acabar de vez con estes organismos decimonónicos, na súa pretendida Lei de Reforma Local, poténciaos, socavando claramente as competencias en administración local da Xunta quitándolles competencias aos concellos para entregalas ás deputacións en aras a unha maior eficiencia a todas luces falsa.
Concellos como, por poñer un exemplo no quilómetro cero de Galiza, os da comarca do Deza son artificialmente relacionados co resto da provincia de Pontevedra maioritariamente marítima e con outros condicionantes sociais e económicos cando o seu habitat relacional lóxico sería cós concellos limítrofes da provincia de Lugo cuns procesos produtivos, económicos e sociais semellantes, ao tempo que de maior proximidade no terreo.
Queda claro que despois da administración nacional o pertinente sería a división administrativa en comarcas, feitas e delimitadas con sentidiño, formadas por concellos fortemente vencellados entre sí e que compartan servizos que pola economía de mercado sexan máis eficientes, económicos e mesmo posibles por non poder ser afrontados por algúns concellos individualmente. Estas comarcas serían urbanas, o que agora se chaman e non se conseguen concretar Áreas Metropolitanas, e rurais, estas formadas polos concellos que non formaran parte da área de influencia das grandes urbes galegas.
Os concellos teñen que ser a base para a construción nacional, estes entes tan próximos ao pobo deben proporcionar a todas e todos estes servizos que, ou ben precisan de coñecemento da realidade concreta do municipio e dos seus habitantes e entorno familiar, ou ben deben ser prestados en proximidade. Tense pois que fuxir do localismo no que incorren tanto PP como PSOE en aras dunha suposta autonomía local que o único que fai é servir de atranco para o verdadeiro desenvolvemento de Galiza. O noso país ten que ser construído desde os concellos cunha visión nacional, de integración nacional, dentro da propia diversidade que se da na nosa terra. Solo así poderemos vertebrar Galiza.
Tamén hai que fuxir de operacións propagandísticas do PP que son moi fáciles de vender nos medios, como son as fusións de concellos. As vantaxes de compartir servizos as dan as comarcas e as fusións que non son malas ou boas de principio habería que estudalas polo miúdo. Poden ser boas nalgúns casos e malas noutros, depende de distribución do territorio e das particularidades sociais e económicas dos mesmos. O caso de Oza e Cesuras non trouxo ningún beneficio sendo probable que produza todo o contrario, xa que co tempo se falará da duplicidade de determinados servizos, como os sanitarios por exemplo, para eliminar algúns deles provocando tremendos problemas de desprazamentos nunha poboación altamente avellentada que tamén é a máis necesitada dos mesmos.
A perspectiva nacional é fundamental para eliminar os nefastos localismos, inútiles e altamente prexudiciais para os concellos, que pasan a competir na vez de compartir, e acadar a planificación integral no conxunto do territorio galego. Para Galiza unha concepción territorial imposta do Estado é altamente nociva e precisamos de soberanía para definírmonos o noso propio modelo territorial, que, por outra banda, xa temos absolutamente claro.