A Organización territorial de Galiza: Comarcas urbanas e Comarcas rurais

O Estatuto en vigor, no seu artigo 40, posibilita o recoñecemento da Comarca como entidade local con personalidade xurídica e demarcación propia, indicando que isto pódese facer por Lei galega. A Lei 7/96 de desenvolvemento comarcal de Fraga, errada na súa propia concepción, limitábase a crear a Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal como órgano técnico de apoio ao desenvolvemento integral do territorio rural. Creáronse os Centros Comarcais, onde residían, ademais, as Fundacións Comarcais, entes que pretendían canalizar a cooperación entre os sectores públicos e privados. O resultado desta política foi a aparición duns organismos baleiros de competencias, sen capacidade de actuación, e consumidores de recursos públicos que xa a anterior administración pretendía eliminar. Resumindo, pretendeuse organizar Galiza en Comarcas, pero sen prescindir das Deputacións, ás que non se lles quixo quitar competencias, traendo como consecuencia uns organismos superpostos sen posibilidade algunha de ser verdadeiramente eficientes.
O novo Estatuto ten pois que definir, e por si mesmo, a organización territorial de Galiza fundamentada nas Comarcas, substitutas das Deputacións, dotándolles da capacidade xurídica e competencias precisas para o seu funcionamento. Despois terá que ser redactada unha Lei galega de Comarcas onde estas queden perfectamente definidas e delimitadas. Xa se discutiu que isto non entra en conflicto coa Constitución e que tería que ser complementado cunha nova Lei Galega de Administración Local no marco da modificación prevista da Lei de Bases de Réxime Local.
Enténdase que a creación das Comarcas ten como obxectivo o establecemento de servizos supramunicipais que polas súas características ou por falta de recursos é moi difícil, ineficaz ou caro que asuma un solo concello. Estes servizos serán moito máis eficientes e baratos, e mesmo posibles nos sitios que non dispoñen deles. Fálase moito ultimamente da fusión de concellos cando unhas eficaces Comarcas, diluirán os nefastos localismos que a impiden, creando o caldo de cultivo da cooperación que levará a racionalidade á actual división municipal.
A Xunta de Fraga definiu 53 comarcas atendendo a criterios nada actuais e máis ben suxeitos a presións localistas, dividindo territorios en varias Comarcas que se comportan como únicas na súa actividade económica diaria, a Mariña lucense por exemplo. O xermolo das Comarcas do futuro han de ser as 43 Mancomunidades que xuntan 217 concellos e os 22 Consorcios de servizos que agrupan a 128 municipios. A súa racionalización e a experiencia cooperativa teñen que servir para a creación dunhas Comarcas verdadeiramente operativas e reducidas en número.
O principal problema galego no rural é a dispersión da poboación, ademais do seu envellecemento, problemas que dificultan enormemente a prestación de servizos e que para colmo non son considerados como baremos de reparto na participación dos ingresos do Estado. Verdadeiros Plans de reequilibrio territorial aplicados axeitadamente aos distintos tipos de comarcas de interior ou costeiras as teñen que volver a facer produtivas coa conseguinte recuperación da poboación migrada ás cidades. As tecnoloxías da información e comunicación, así mesmo, han de xogar un papel importante que evite desprazamentos e axilice e simplifique os procedementos, ao tempo que sirva de pulo para toda a economía produtiva comarcal.
En canto as Áreas Metropolitanas son xa unha realidade motivada pola dependencia económica, laboral e social dos concellos que as conforman. Falta pois a súa definición como ente local de seu, recoñecido legalmente e con recursos e competencias propias, competencias das que hai que baleirar, como no caso das comarcas rurais, as Deputacións. O curso dos acontecementos vai facer que se creen en primeiro lugar estas áreas metropolitanas, discutíndose nos últimos anos a creación por Lei das de A Coruña e Vigo. Esta última leva vantaxe polo acordo xa adoptado entre os concellos que a integran na chamada "Declaración de Soutomaior" (novembro 1999), mentres A Coruña aínda non ten integrada no Consorcio das Mariñas á propia cidade.
Máis que urxente é a posta en marcha duns servizos públicos de transporte metropolitanos que fagan ilóxica a utilización do transporte privado, ademais diso outros servizos metropolitanos serían o de recollida selectiva de residuos, a coordinación en protección civil, a prevención e extinción de incendios e salvamento, os servizos sociais, a coordinación dos planeamentos urbanísticos, a xestión do ciclo a auga, a promoción e o desenvolvemento turístico conxunto, o abastecemento e saneamento de auga, a promoción económica e emprego e a planificación de infraestruturas viarias entre outras.
Resumindo, Galiza necesita unha organización territorial propia e para iso, como para outras moitas cousas, faise irrenunciable e urxente a redacción dun novo Estatuto que faga xustiza aos galegos, ao seu territorio e a súa cultura, e dicir a todo o que conforma esta nación.