A oligarquía española presenta os seus plans ao Rei
A nova daba conta dunha audiencia privada con El Rei, na que representantes da sociedade civil española facíanlle entrega dun documento de título rimbombante: "Transforma España: Un momento clave de oportunidad para construir entre todos la España admirada del futuro."
Decidín seguir o rastro: "Cansados de sufrir los desmanes de la clase política, han entregado un informe al Rey en el que reclaman un nuevo sistema electoral y un modelo de Estado que garantice la democracia".
A cousa prometía: a súa proposta aportaba "una visión optimista pero contundente de la Sociedad Civil española". En palabras do coordenador da proposta tratábase de apelar ao "papel vital do cidadán para transformar o modelo vixente de España que está esgotado. Require un cambio sistémico de grande urxencia."
En tempos de tanto individualismo, de tanta acomodación, de tanta morneza, era de agradecer que desde a base da sociedade, aínda que fose desde unha óptica española, xurdiran iniciativas de rexeneración e revitalización da democracia, iniciativas que incluso apelaban á necesidade dun cambio sistémico.
A miña primeira sorpresa produciuse ao coñecer a identidade dos portadores de tan exemplar compromiso cívico: os Presidentes de Telefónica, Repsol, Iberdrola, Acciona..., os conselleiros delegados do Banco de Santander, do BBVA...
A segunda chegou ao coñecer os contidos do documento: "el denomindado golpe de estado de los mercados es sencillamente que los mercados se han cansado de gente cortoplacista tomando decisiones para el largo plazo".
Ignorante de min!, que atribuía a orixe da crise non tanto "aos políticos" como á dinámica cortopracista e insaciábel dos mercados na procura de lucro fácil e imediato, que desembocou no crack das hipotecas subprime e no estourido da burbulla inmobiliaria.
O conto tería gracia, se non estivesemos a falar de cousas moi serias:
Entre as máis de cen páxinas cargadas de linguaxe pedante, cheas de tópicos de confesionalidade neoliberal e entre multitude de eufemismos e adornos para dotar de presentabilidade ás súas propostas, estes señores pretenden:
1.- Limitar o desenvolvemento do Estado autonómico baixo o eufemismo de "clarificar o seu alcance". Segundo estes señores, "el modelo territorial se ha convertido en la excusa fácil de muchos para evitar hablar de las cosas importantes". (Lease: "España lo único importante" ou se o prefiren "nuestros negocios lo único importante").
2.- Recurtar o Estado do Benestar, iso si, "para asegurar á súa sostebilidade".
3.- Desprover aos sindicatos de calquer connotación de clase; "algunos planteamientos del tipo factor capital buscando explotar al factor trabajo o clase rica contra clase pobre deben ser erradicados del debate por estar ya fuera de contexto y por ser perversos y estériles en el nuevo marco de progreso y sociedad de bienestar que ha logrado España".
4.- Desideoloxizar a política, sob o pretexto de favorecer os pactos de estado e a "gobernanza de consenso": "Hay que desideologizar la política.Todos somos ecologistas, pacifistas y demócratas" -sic-.
5.- Modificar o sistema eleitoral para implantar un sistema dun deputado por distrito, sei que para achegar os representantes aos cidadáns e acabar coa "partitocracia".
Noutras palabras, aspiran a que a imposición dun pensamento único no económico teña o seu correlato no político decretando o fin das ideoloxías. O documento parte dunha concepción da política como a simple xestión profesional dun modelo que se nos apresenta como o único posíbel. En consecuencia pretenden acabar co pluralismo, implantando un sistema maioritario que limite o xogo político ao PP e ao PSOE, onde os deputados non estean vencellados a un ideario de partido, senón que dependan dos lobbys económicos que custeen a campaña nos seus respectivos distritos.
Pero sobre todo, aspiran á recentralización do Estado. A concentración de poder económico precisa de concentración de poder político. É consustancial ao seu modelo de acumulación.
En definitiva, a oligarquía española explicita sen nengun rubor as súas propostas para a reforma do modelo de Estado.
E para rematar dúas perguntas inxenuas:
Que fai o Xefe de Estado sendo receptor destas propostas?
Que fai José María Fidalgo, ex- secretario xeral de Comisiones Obreras, subscribindo estas propostas cos señores antes nomeados?