A nova modificación do LEADER
Polo meu traballo paréceme imposíbel non facer unha breve mención o que pasa en AGADER, xa que sería estúpido pensar que a ineficacia da axencia débese a causas misteriosas que ninguén coñece. AGADER actúa segundo o ditado do que significa o desenvolvemento rural para a consellaría do PP: cartos para as zonas que controlan politicamente.
Que é o Leader?
Comecemos explicando brevemente que é o LEADER. Son fondos que a Unión Europea adica á financiación de proxectos que teñan por obxectivo mellorar o desenvolvemento ecolóxico, económico e social das zonas rurais. O elemento esencial da metodoloxía LEADER é que se trata de "procesos de abaixo cara a arriba". A estratexia ou programa de desenvolvemento defínese no ámbito local ou comarcal e as decisións, liñas que se propoñen, proxectos que se financian..., son tomadas nese mesmo ámbito por unións (partenariados) de axentes públicos e privados, os chamados Grupos de Desenvolvemento Rural que están conformados polas asociacións do territorio e polos propios concellos, pero sempre cunha presenza maioritaria das asociacións. Isto último froito dunha decisión do anterior goberno. (fonte: http://agader.xunta.es )
Ademais deste cambio o anterior goberno deixa feitas unhas bases reguladoras do programa que respaldan a visión que o BNG ten do desenvolvemento rural como un dos eixos centrais da súa proposta programática para o país. As bases introducían cambios importantes con respecto a etapas anteriores. Entre os máis importantes recollo a posibilidade de financiar proxectos agrogandeiros e forestais e o cambio na xestión do propio programa. Antes os grupos tiñan que pedir pólizas de crédito non soamente para financiarse (como agora ), senón porque eran os que pagaban os proxectos dos promotores. Esta situación produciu problemas financeiros graves nalgúns grupos que acabaron totalmente endebedados. Agora é AGADER quen paga aos promotores evitando este lea de xestión para os grupos (por certo nalgúns sectores isto foi cualificado como intervencionismo)
Os cambios
Nos meses de verán os técnicos do programa fomos convocados a unha reunión na que se nos informou dalgúns cambios que se querían facer nas bases. Comentarei os que resultan máis significativos dende o punto de vista político.
1. COMPOSICIÓN E FUNCIONAMENTO
Entrada nos grupos de empresas e asociacións de menos dun ano de antiguidade:
As empresas xa están representadas a través das asociacións de empresarios e comerciantes e na maioría de grupos contan con mesa sectorial propia. Trátase por tanto, de dar un enfoque mercantilista á xestión dos fondos.
2. ÁMBETO TERRITORIAL
Permiten a situación en TODOS os polígonos empresariais.
Ao meu xeito de velo a modificación máis grave, xa que, antes restrinxíase a localización de proxectos, en función do plan de reequilibrio territorial, quedando excluídos os polígonos cercanos ás grandes cidades. O obxectivo era claro equilibrar o reparto de fondos en función das necesidades reais e do contexto específico de cada comarca. É dicir, si se permite financiar proxectos no polígono do Campiño en Pontevedra, os cartos do grupo estarían concentrados en zonas que xa están desenvolvidas. O problema aparecería no que chamamos "reserva de eficacia". En teoría ao final de ano faise un balance do nivel de execución do programa que permite repartir os fondos dos grupos que non tiveron execución entre os que tiveron un ritmo maior de financiamento. Pero esta visión de quen máis executa máis cartos leva deixa de lado a propia problemática do desenvolvemento rural na Galiza porque todos estaremos de acordo en que non é o mesmo un polígono en Pontevedra que en Forcarei. Esta forma de xestión acrecenta as desigualdades territoriais.
Permiten que os GDR´s sexan titulares dos proxectos agás dos agrogandeiros
A exclusión semella máis un chiste que outra cousa pero deixando iso a un lado, non ten demasiado sentido por que xeraría unha dinámica un pouco curiosa (un grupo pide un proxecto, o grupo concede, o grupo beneficiase ?) Hai experiencias de xerentes do anterior proceso que financiaron os seus propios libros.
3. PROXECTOS ELEXÍBEIS
Supresión dos proxectos silvopastorís no monte e supresión da liña cooperación para investigación de novos produtos agrarios e forestais. Isto é unha auténtica declaracións de intencións do PP.
Proxectos NON PRODUTIVOS (son aqueles proxectos de interese xeral e sen lucro económico individual ou particular)
Outra das medidas máis polémicas. O anterior goberno estableceu un sistema de clasificación de proxectos en función da prioridade. Este novo AGADER elimina da prioridade alta a posibilidade de financiar transporte adaptado e da prioridade media o equipamento e construción de locais sociais. É máis, prohibe financiar estes conceptos, feito significativo do peso da dimensión social que debe ter o desenvolvemento no rural para o PP. Máis ala, supeditan a concesión dos proxectos en función dos informes das diferentes consellarías sen ter (por agora) ningún criterio obxectivo de admisión.
O feito de pedir informes sectoriais ás consellarías é importante en dous sentidos. Porque por unha banda, a decisión sobre subvencionalidade recae nas consellarías que son as que deciden con total discrecionalidade que vai para adiante e que non, e por outra banda, o feito de que sexan as demais consellarías as que tomen as decisións sobre desenvolvemento rural é claramente ilustrativo do lugar que ocupa AGADER na Xunta
4. OUTRAS MODIFICACIÓNS
Supresión dos prazos: antes AGADER tiña 2 meses para contestar aos proxectos que enviaba o grupo, agora xa non ten prazo (9 meses como máximo pola LOPAC). O Director Xeral tamén tiña prazo para asinar as resolucións definitivas da axuda antes 15 días agora non ten prazo.
Perda de autonomía da xunta directiva dos grupos: os desacordos entre o GDR e AGADER serán resoltos polo director xeral.
A análise dos cambios que comentei a modo de síntese foron analizados nunha reunión convocada pola FRUGA na que participou xente do BNG directamente implicada que fixo posíbel este resumo que eu presento. A clave para parar ao PP sempre pasa polo traballo e pola información e nós como militantes debemos aclarar e analizar o que se propoñen. Detrás de cada cambio que permite (segundo eles) axilizar e arranxar o que outros fixeron mal está unha declaración de intereses co único obxectivo de beneficiar a quen eles queiran.