A nova Lei de Procedemento Administrativo

A nova Lei de Procedemento Administrativo

Xa non haberá a desculpa de “mentres o permitan as capacidades orzamentarias”. Desta volta será si ou si, a Administración terá que ser dixital pero, coma sempre, os cartos precisos para esa adaptación non aparecen por ningures. A Administración Local está constrinxida por unha lexislación, Lei 27/2013 de racionalización e sostibilidade (LRSAL) e a Lei 2/2012 de Estabilidade Orzamentaria entre outras, pensada para camuflar o déficit do Estado diante de Europa, botándolle ademais as culpas á Local perfectamente saneada salvo excepcións, como a paradigmática do concello de Madrid coa metade do déficit do resto das capitais de provincia xuntas.

Grazas aos concellos, aos que se lles impide investir o seu remanente de Tesourería para mellorar as condicións de vida dos nosos pobos, Montoro pode maquillar o tremendo déficit do Estado e presentar a Europa contas menos traumáticas. Así, concellos como Carballo con máis de 7 millóns de euros de caixa e subindo, non os poden tocar, nunha situación cualificada como surrealista. A nova administración dixital esixe profesionais formados para afrontala, ademais de medios técnicos, e estes non se poden contratar por culpa da lexislación. Unha organización administrativa que data de 1979, sendo xenerosos xa que administrativamente pouco cambiou desde Franco, non é compatible coas necesidades do dixital, radicalmente diferentes. Nin persoal formado, nin equipamentos, nin organización, nin reparto de responsabilidades. Todo elo leva a pensar que a mellor solución sería pechar os chiringuitos e montar os concellos dende cero.

A nova Lei 39/2015 de Procedemento Administrativo, xunto coa 40/2015 de Réxime Xurídico do Sector Público, entrarán en vigor en outubro deste ano e obrigarán a unha administración dixital. Para máis complicación a LRSAL establece que nos concellos pequenos serán as Deputacións as encargadas de solucionar o asunto, máis todos sabemos da descoordinación e desigualdade existente entre as catro provincias provocada por estes entes caducos adicados até o de agora a políticas clientelares. Grazas que en tres das catro desta volta a situación mudou, máis o fin das mesmas é desaparecer, xestionando, mentres tanto, do xeito máis xusto posible os cartos recibidos. Por outra banda a LRSAL está recorrida e xa fallada como inconstitucional en algúns dos temas. Esta Lei feita como todas as da última lexislatura (ensino, xustiza...) sen ter en conta aos axentes implicados, ten recorrido breve até a formación dun novo goberno. Qué pasará entón?

Que non se entenda que non estamos a favor da dixitalización da Administración, máis ben somos ferventes partidarios e pensamos que xa tiña que estar feita e rematada ao tempo que os bancos a fixeron. Pensamos, iso si, que as cousas hai que afrontalas de raíz, con orzamentos precisos e sen remendos que a definen como chapuza.

Mentres toda unha xeración de profesionais formados cos nosos orzamentos educativos saíu de Galiza e todo o seu coñecemento está sendo aproveitado por outros países. Nin oportunidades profesionais, nin cartos para liñas de investigación ilusionantes, nin I+D+i. Nun pais situado na periferia xeográfica a oportunidade ten que vir das TIC, do coñecemento que minimiza a man de obra barata de outros países. A apertura de novos mercados nos que operar que pode proporcionar a sociedade dixital e os novos nichos de negocio por descubrir teñen que dotar de oportunidades ás nosas empresas. As Startup, empresas tecnolóxicas pequenas que explotan novas e orixinais ideas que poden resultar explosivas, teñen que ser fomentadas, protexidas e fortalecidas.

Volvendo á nova lexislación resulta fundamental a formación nas novas ferramentas ás que obriga a Lei e a incorporación de novos profesionais, ao tempo que se reestrutura todo o entramado administrativo. É vital a concienciación da clase política e dos habilitados nacionais, xa que o dixital non ten retroceso, tarde o cedo será e dependerá de como se faga un resultado chapucero e con remendos ou unha conversión real, total e satisfactoria que estender a todos os eidos, económico, social, cultural, educativo, sanitario...

A Lei non establece sancións en principio por incumprimento, aínda que determinados especialistas xurídicos ven posible o establecemento de quitas na Participación dos Ingresos do Estado (PIE) a conta de non realizar determinados procedementos dixitalmente. Pero o máis grave é que dende outubro as notificacións teñen que poder realizarse electrónicamente por quen o pida e ao tempo telas implementadas na Sede Electrónica para que os destinatarios as podan consultar alí si é o seu desexo. O incumprimento significará a invalidez do comunicado coas consecuencias económicas derivadas para os concellos deste feito. Loxicamente non se trata dunha minoría de notificacións pois unha vez descuberto o asunto o resto da xente tentaría aproveitarse da lagoa.

Estamos pois ante un asunto que ten que ser tomado en serio pola nosa clase política, moi en serio, e tomalo ademais como unha oportunidade para unha vez dotados de estrutura e coñecemento poder aplicalo en todo o tecido económico local. Non se trata de “xa se fará” ou “que o fagan os que veñan despois”, hai que afrontalo de contado.

Para rematar non se pode deixar de mencionar as oportunidades que brindan as Smart Cities e a súa tecnoloxía paralela na que poderíamos chamar Smart Rural. Resumindo se trata dun conxunto de sensores que toman información de moitas e variadas fontes, tanto físicas como sociais, para aproveitala no propio beneficio dos concellos. Na época do Big Data a explotación da información si se volve moi relevante e moi lonxe do perigo de que as árbores non deixen ver o bosque.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.