A nosa vinganza
Unha das máis fermosas frases de Bobby Sands, patriota irlandés morto en folga de fame no 1981, sendo deputado electo polo Sinn Féin, bota abaixo a caricatura tendenciosamente construída sobre os nacionalistas nos medios de comunicación ingleses, como supostos amigos da violencia, do rancor ou do fanatismo. Nunha situación extrema como a que se estaba a vivir no norte de Irlanda naquela altura, cunha represión armada brutal e xenocídía exercida sen piedade polas tropas británicas baixo mandato de Margaret Thatcher, Bobby Sands, preso político irlandés, falou de vinganza. E falou de vinganza, con inusitada fermosura, nos seguintes termos:
"A nosa vinganza será o riso das nosas crianzas".
Hoxe temos na Galiza un goberno autónomo empeñado na aniquilación material de Galiza e do pobo galego como comunidade social diferenciada. A súa obsesión españolizadora prohibe o uso do galego en determinadas áreas do sistema educativo público e expúlsao dos procesos selectivos para o acceso á administración, defende a imposición das touradas e do flamenco, ou cercea a capacidade produtiva do país e a súa riqueza en beneficio de intereses alleos. Promove a miseria, a inxustiza e a exclusión social. E fan todo isto no nome, seica, do "galeguismo" e da "liberdade".
Centran agora a súa furibunda carraxe antigalega nos medios de comunicación. Non lles vale nin a súa actual e lamentábel funcionalidade, excluinte co idioma de noso e desprezativa co país que lles dá de comer. Cumpre ir alén. Cumpre eliminar calquera vestixio de espazos galegos de información de cativo monolingüísmo no imenso cosmos de medios en español e con visión informativa igualmente españolizante. Aínda non lles é suficiente. Recentemente, a Xunta de Galiza ven de formalizar a tradicional convocatoria de axudas económicas a medios de comunicación integramente en galego cun ridículo montante total de 63.566 euros, que contrastan cos 2'53 millóns de euros dirixidos a "axudar" convenientemente aos medios que utilizan abrumadoramente o español, ou cos convenios (outros 2'4 millóns de euros) asinados de xeito arbitrario con eses mesmos medios. Cálculo rápido, e conclusión en números fríos: O Goberno do PP, facendo papel mollado do cativiño Estatuto Galego e da legalidade vixente, destina o 1'26% a apoiar economicamente os medios que utilizan o galego. Ou o que é o mesmo: O bilingüísmo harmónico ou a "liberdade" consiste en insuflar o 98'74% dos fondos económicos destinados aos medios, a aqueles que utilizan o español de xeito habitual e masivo. Nalgún caso, como o ABC (que recibiu máis cartos que "A Nosa Terra", "Vieiros" ou "A Peneira") que nin respecta a toponimia oficial, humilla o país e realiza aberta apoloxía parafascista. E todo isto co correspondente subsidio público.
Mais é precisamente nos xornais de maior tiraxe (e máis subsidiados) onde máis se practica unha política empresarial, perfectamente definida, de exclusión da lingua galega, que leva a que o idioma propio do país se sitúe entre o 4% e o 5% nesas publicacións. A política de imposición do español que practican eses mesmos medios leva en moitas ocasións até a tradución ao español de comunicados, entrevistas ou declaracións inicialmente realizadas en galego. Mesmo hai xornais (que resultaron subsidiados por estas axudas e convenios!) que non están dispostos, e así o comunican, a publicaren declaracións en galego nin a solicitude do correspondente entrevistado ou entrevistada. Nestes casos, o veto é absolutamente antidemocrático: ou as declaracións figuran en español, ou non hai información. Algúns preferimos, directamente, que non haxa información antes de contribuír a unha cerimonia da confusión de tal calibre.
E son estes, precisamente, os medios de comunicación garantes da democracia e do pluralismo, os mesmos que veñen recibindo desde hai anos cuantiosas axudas económicas da administración pública galega, dos cartos de galegas e galegos que non teñen dereito a que o seu idioma exista. Só esporádicamente, e nas páxinas de "local" ou "cultura", mais vetado nas seccións convencionalmente consideradas como principais: "Internacional", "España", "Galicia" ou "Deportes".
A consecuencia práctica desta política mediática devastadora é contrastábel. Asfixia económica ou peche dos modestos proxectos galegos de comunicación, e minoración da dose de galego no resto de medios: hai xornais (incluído o de maior tiraxe, que ven sendo o máis favorecido polos subsidios) que utilizaban máis o galego antes do sistema autonómico que a día de hoxe. E hai tamén algunha emisora de radio (pertecente a ese mesmo influinte e perigoso grupo empresarial) que utiliza a lingua galega no 2% das súas emisións radiofónicas. O outro 98% en español. Velaí outra proba de bilingüísmo amábel e ben subsidiado.
Mais facemos parte dun pobo fachendoso, que está a reclamar e ten sede de xustiza. Cando menos nunha parte non desdeñábel nin cualitativa nin cuantitativamente. Un pobo divorciado deses mesmos medios que o ignoran. Comprobámolo nas mobilizacións en defensa da lingua, e nas que están por vir, que virán. Sexamos conscientes do que temos e ao que nos enfrontamos. A capacidade de manipular a realidade (fanno diariamente), de ocultar e censurar o nacionalismo, ou de caricaturizalo cando fai falta, de inculcar na sociedade o individualismo máis feroz, a carencia de principios éticos, o españolismo, o autoodio, son razón de ser deses medios de comunicación. Tamén aí temos que combater. No día a día. E permítome retomar, modestamente, a frase inicial que dá pé ao título deste artigo. Chegará algún día, na Galiza, a nosa vinganza. A mellor, a máis preciosa e refinada, será esta:
"A nosa vinganza será a lingua galega falada polas nosas crianzas".
Que así sexa.