A NOSA CAPACIDADE, A NOSA ENERXÍA

A NOSA CAPACIDADE, A NOSA ENERXÍA

Este ano que vai rematar puxo a proba a capacidade do nacionalismo galego para remontar circunstancias críticas. Algúns pensaron que as dificultades de orde interna acabarían por produciren fisuras irreversíbeis. Moitos que a convulsión interna incapacitaría para asumir a necesaria defensa dos intereses do país, tan claramente agredido desde dentro pola Xunta de Galiza e desde fóra polo Goberno central. Porén, de forma progresiva e clara, o BNG foise resituando como oposición contundente, nas institucións e na sociedade, á política antigalega do Partido Popular, en particular desde o Goberno de Galiza, e á deriva antisocial do PSOE desde o Goberno de Madrid. Unhas políticas ditadas por intereses ideolóxicos e económicos ao servizo de oligarquías, do capital transnacionalizado, empeñadas en aplicar un deseño de absoluto desprezo cos intereses das clases traballadoras e as maiorías sociais, e loxicamente hostil coa capacidade dos pobos a decidiren o futuro por si mesmos.

Temos que estar satisfeitos do amplo abano social que, entre todas as organizacións nacionalistas, galegas, fomos quen de mover contra a política lingüística da Xunta do PP, en defensa do galego como lingua propia do país, con dereitos para os seus utentes e deberes para as administracións públicas. Esta capacidade mobilizadora foi unha sorpresa mesmo para os que fundamentaron a súa agresión destrutiva na eficacia da súa intoxicación social xa na etapa do Goberno bipartito, co impúdico slogan "non á imposición do galego". Os seus obxectivos, após a contundente resposta social, tiveron que temperarse. O debate acabou por virarse en contra deles na medida que se puxo de manifesto a fobia antigalega que os movía. Certamente co PP no Goberno de Galiza o galego ten un futuro máis que problemático. Mais temos a convicción e a esperanza, alén da capacidade, para, a medio prazo, anular, tamén desde as institucións, a súa práctica de baleirar de todo contido real a cooficialidade da nosa lingua.

É o momento de subliñar, contra o estereotipo de que a sociedade galega é pouco combativa, o éxito da folga xeral do 29 de setembro na Galiza. Foi o lugar do Estado onde tivo máis incidencia. Non se explica sen a contribución esencial do sindicalismo nacionalista. Tamén as manifestacións convocadas pola CIG ese mesmo día foron máis concorridas que as dos sindicatos españois. Houbo coincidencia na convocatoria de folga, mais marcouse o espazo das reivindicacións das clases traballadoras galegas, en correspondencia cunha práctica sindical confrontada, en moitas ocasións, coa dos sindicatos estatais. A sinerxia entre o sindicalismo nacionalista da CIG e o nacionalismo político do BNG púxose de manifesto na colaboración, desde a autonomía de cada quen, en defensa da capacidade produtiva do país, dos dereitos sociais e laborais das súas clases traballadoras e das maiorías en xeral. Hoxe, máis que nunca, un sindicalismo sen referentes políticos está condenado á esterilidade e unha política nacionalista sen compenetración con organizacións sociais de base, especificamente as dos traballadores, no marco da nación, terá os pés de barro.

Non podemos esquecer o importante papel que o BNG xogou impedindo que as caixas galegas optasen por fusións externas. Así o tiñan decidido e deseñado internamente os poderes locais e externamente o Goberno de España, o Banco de España e o bipartidismo PP-PSOE. A fusión interna, claramente determinada pola táctica política seguida polo BNG, significou unha rectificación do deseño inicial. Cando menos tivo a virtude de a pseudoburguesía caciquil con base en Vigo e na Coruña vérense obrigadas a dialogar e acordar entre elas. A moi curto prazo poderemos valorar se esta forzada convivencia interna incide na redución do localismo que confunde e corroe algúns dos grandes concellos galegos. Desde logo obrigou á Xunta a exercer algunha competencia na materia. Ao cabo, o resultado foi que Galiza é -xunto con Cataluña- a única comunidade autónoma que aínda contará cun certo poder financeiro territorializado. O resultado final da fusión non foi, naturalmente, o desexado polo nacionalismo. Nin o PSOE nin o PP estiveron polo labor de democratizar a nova caixa resultante nin a prol de que cumpra un servizo á economía do país, co control público requerido. O BNG opúxose, frontalmente, a esta forma de consumar a fusión. É indubidábel que impediu a aplicación dunha estratexia xa, inicialmente, de costas aos intereses colectivos do país, como impediu a desterritorialización inminente e a bancarización, polo de agora. Unha forza política galega ten que ser valorada pola súa capacidade de reaxir cos medios que ten ao seu alcance para retrasar ou impedir procesos e deseños fondamente antigalegos e antidemocráticos...

Non queremos deixar de lembrar o impulso que, grazas ao nacionalismo organizado socialmente, tiveron actividades de promoción e espallamento dos nosos símbolos nacionais, dos nosos valores culturais e literarios. A carón do esquecemento e ocultación que practica o Goberno do PP, un importante sector social mobilizouse para conmemorar os 125 anos da morte de Rosalía ou os 100 anos do nacemento de Carvalho Calero...

O nacionalismo galego goza de vitalidade, de capacidade de iniciativa e de mobilización. Non se caracteriza pola inacción ou a queixa sen consecuencias. Temos aínda moito que mellorar. Non estamos alleos a tanta confusión inoculada nas conciencias desde unha esmagadora e poderosa mediática. Combatemos a resignación, o escepticismo e a pasividade, coa única medicina ao noso alcance: A iniciativa política e a mobilización social. Nestas circunstancias temos que actuar, as nosas propostas e as nosas alternativas están cheas de razón. Modestamente, este TERRA E TEMPO DIXITAL, foi a nosa contribución desde febreiro de 2010, para espallar o noso pensamento, as nosas análises, as nosas alternativas, na rede. Con maior ou menor acerto, intentan deitar luz e orientar a práctica colectiva dun amplo sector da sociedade galega, que as necesita e colabora a vertebralas. Estas páxinas expresan o que pensamos, o que somos e o que facemos unitariamente con outros nacionalistas no espazo social e político de Galiza. Intentamos comunicar o que é unha parte importante do nacionalismo galego sen pasar polas deformacións a mantenta, polas caricaturas ou as simples mentiras, ás que, con frecuencia se somete a imaxe e a práctica do nacionalismo, en particular da UPG.

O ano que se aveciña esixirá de nós máis capacidade, máis cohesión e máis unidade para combater con eficacia as medidas, ditadas polo FMI, a Comisión Europea e o Banco Central, a través do Goberno de España e do Goberno galego, que nos conducen a unha maior precarización social e marxinación como pobo. Tamén debemos enfrontar o proceso das eleccións municipais con esforzo dirixido a asentar e aumentar a nosa base popular. Como sempre, estaremos na cabeza da defensa dos nosos sectores económicos estratéxicos, da nosa lingua, e da nosa cultura. Máis que nunca, o noso lema tradicional "dereito a producir e a vivir na propia Terra" cobra vixencia e sentido.