A necesaria rebelión das mulleres

A necesaria rebelión das mulleres

Empezo dicindo que sinto ben ter que escribir de novo sobre a anunciada reforma da Lei de interrupción voluntaria do embarazo. Síntoo ben porque en anteriores artigos xa manifestei a miña preocupación polo que vai pasar nos vindeiros meses, e como nos vai afectar as mulleres.

As últimas declaracións do Sr. Gallardón, Ministro de Xustiza, realmente meten medo. Meten medo porque nos retrotraen a un pasado non tan distante, un pasado que moitas mulleres lembramos perfectamente, un pasado no que o aborto libre e dentro da rede pública de sanidade, non estaba garantido. Pero isto era algo que xa esperabamos desde que o PP gañou as eleccións. O que seguramente moitas mulleres, e tamén moitos homes, non esperaban-esperabamos era que pretendesen eliminar un suposto como o da malformación do feto. Levamos unha semana escoitando verdadeiras barbaridades por parte de colectivos variados sobre este suposto e a súa incidencia. Non vou entrar xa a rebater tanta moralidade machista, tanta actuación desapiadada contra as mulleres que deciden, pola razón que sexa, non levar a termo o seu embarazo. Voume centrar nas implicacións sociais e no retroceso que isto significa. Porque todo está perfectamente dirixido.

Había quen pensaba que Gallardón era o PP moderno, a cara amábel da dereita. Había quen dicía que era moito máis progresista ca Esperanza Aguirre. Eu sempre o tiven claro. Son as dúas caras da mesma moeda, con aparentes diferencias de estilo, pero a mesma moeda. A mesma ideoloxía negadora de dereitos das persoas e dos pobos, aniquiladora de todo o que sexa diferente ao que a Santa Madre Igrexa promulga.

A ofensiva do capital é tamén unha ofensiva contra as mulleres, pero non só contra nós aínda que nos vexamos dobre, triplamente,… afectadas. É unha ofensiva contra as clases traballadoras, contra os pobos, contra os dereitos colectivos e tamén contra algúns individuais. As súas actuacións están perfectamente definidas e teñen un rumbo ben claro. Levo semanas discutindo con todos aqueles que me din que o goberno está sen rumbo. Mentira. Teñen un rumbo claramente marcado, perfectamente definido, e non se desprazan del nin un milímetro. A dereita (a eclesial, a política, a empresarial, a social) non quere sociedades máis xustas e igualitarias, porque iso prívaos a eles/as dos seus privilexios. Quere sociedades submisas, escravas, obedientes e manipulables. Iso é o que queren e o que nos están impoñendo.

A reforma do aborto, os recortes en materia sanitaria e social, en educación, en materia laboral,… empobrécennos e fannos máis dependentes. A ausencia de recursos básicos átanos ao que hai, sexa bon ou malo, sexa ou non o que queremos para as nosas vidas. Baixan os divorcios, diminúen as denuncias por malos tratos, retírase aos cativos das escolas infantís e aos vellos dos centros de día e residencias… e todos/as volven para as casas a ser maioritariamente atendidos por mulleres que non teñen outras expectativas de futuro. E hai quen sigue dicindo que este goberno anda sen rumbo!!! O rumbo é ben claro, volver atrás na historia e obrigarnos as mulleres a quedar de novo nas casas asumindo o que nos veña.

Temos que revelarnos, e facelo dobremente. Temos que revelarnos contra todo isto porque destrúe a sociedade que construímos. E como mulleres porque nos relega de novo e nos nega dereitos básicos. Cada paso adiante que dá este goberno, é un paso atrás que damos as mulleres, e non podemos seguir así. A crise non podemos pagala as clases traballadoras, non podemos pagala as mulleres. Temos que defendernos e falar alto e claro do que todas estas medidas significan para nós. Porque non podemos permitir que nos asoballen e que nos convertan de novo en persoas de segunda. Rebelémonos como mulleres.