A música non só amansa as feras
A música como sonoridade organizada; perceptíbel, coherente e significativa. A música galega como sinal de identidade, de manifestación artística, de comunicación de información, de xogo, de oficio, de memoria, de estética, de ética. O eterno equilibrio entre a beleza e a ética "o belo moral e o belo formal".
"He creado todas las fiestas, todos los triunfos, todos los dramas". Rimbaud
De xuño a setembro están recollidas 600 festas populares. A representación artística destes festexos está monopolizada por unha soa empresa: espectáculos Lito. O oficio do artista implica un compromiso estético e ético no espazo que crea e presenta a súa obra, a súa festa. O compromiso do público coa arte non so é contemplación senón comprensión e valoración. O artista forma públicos; sensibilidades e coñecementos. O artista ten micrófono e púlpito.
O goberno galego patrocina e apoia os micrófonos de orquestras que se dirixen ao seu publico para manipulalo, ridiculizalo e insultalo. A última foi a orquestra Olimpus, berrando maricón a todo o que non bote e ameazando con agredir as persoas que protestaron. O goberno galego non só os apoia economicamente senón que inviste máis de 100.000 euros nun macrofestival de orquestras en Cee. Un festival de imitadores/as onde se parodia o oficio do artista; a beleza e a ética carecen de espazo. Son substituídas pola triste estética da estupidez."Imbéciles a carón do exemplo", como di Carlos Santiago no seu poemario.
"A arte é un avance laborioso a través da propia estupidez". Na Galiza avanzamos, sen apoio, sen varandas, na clandestinidade dos medios de comunicación pero avanzamos. Avanzamos pola porta de atrás, con proxectos artísticos como o que nos presentan na praza de abastos de Vilaxoán os " Saberes e Sabores".
Na praza de abastos de Vilaxoán desenvolverase un plan de dinamización local a través da música, durante todo o mes de setembro. Vilaxoán é un pobo mariñeiro con tecido empresarial, asociativo, veciñal, creativo pero Vilaxoán fundamentalmente é sabe, é arte, é tradición, é patrimonio e éo porque Vilaxoán canta.
Vilaxoán canta, cantou sempre dende a guerra civil, onde as mulleres que traballaban na conserva eran obrigadas a cantar para non comer, até as cancións que cos anos foron entrando no porto e formando parte da taberna e da festa. Cantar é para este pobo a marca de rexistro, a marca que o identifica e diferencia. O sector empresarial, e asociativo únense nunha praza de abastos para presentarse ao mercado a través do propio, da música, para que o patrimonio material e inmaterial dunha zona se converta en axente dinamizador e marca identificativa social e empresarial.
Un programa único que integra a todos os axentes locais e abre unha nova etapa na que o desenvolvemento social e empresarial dunha zona se fundamente nun plan de integración, pensamento e consenso. Un proceso de reflexión colectivo no que a cultura é o motor de rehabilitación e desenvolvemento do pobo. Onde a argumentación do compromiso ético da arte se nutre do patrimonio cultural galego e se enriquece.
A música, non só tranquiliza ás feras.
Enamais