A “movida madrileña”

A “movida madrileña”

Canta fachenda debemos de ter pola nosa nacionalidade todos os galegos e galegas ben nacidos. É que, compatriotas, supoño que escoitaríades falar algunha que outra vez da tan gabada "movida madrileña"

Toda esa progresía cutre "ávida de liberdade de expresión" segundo os seus defensores, plaxio malogrado, superficial e desfasado de movementos socioculturais pasados de moda xa daquela, aínda que moito máis dignos, atinados e creativos, procedentes da tan admirada e envexada Europa, agochaba debaixo dun suposto cosmopolitismo un complexo de inferioridade que facía que todos estes apátridas preferiran ser cidadáns do mundo antes que recoñecerse a si mesmos.

Aquela suposta explosión de creatividade non era máis que unhas ganas irrefreables de esmorga que despois de tantos anos de privacións, que viñan a xustificar calquera desmán en aras de recuperar a liberdade e o tempo perdido, fixo que o que debía desenvolverse como un proceso evolutivo máis ou menos natural, trocase nun esperpento de artificiosidade forzada, inútil e efémero.

Tantos novos artistas xurdidos da nada, arlequíns dun europeísmo mal entendido, fixeron que se considerase a este movemento como un símbolo da modernidade de España.

É certo que entre tanta merda brotou algún que outro narciso, máis fóronche ben escasos. Artistoides máis ou menos benintencionados utilizaron a coxuntura para darlle pulo e popularidade a propostas de certa calidade. E digo certa porque non dou atopado nada daquel tempo que me mereza unha mención especial. A avidez de novidades e a procura de novas sensacións engulíao todo. Do absolutamente ruín pasábase a algunhas cousas, escasas iso si, que tiñan un certo aquel. No medio de tanto desatino conseguiron destacar poderosamente.

Algúns mesmo foron elevados á categoría de heroes da transición, cualificación esta que tanto serve para un roto como para un descosido, pois pódeselle aplicar a políticos, curas, militares, músicos de rock e, se me apurades, seguro que a algún toureiro que andara por alí.

Véñenseme á cabeza as imaxes dun "concerto" dunha especie de grupo pop no que un xoven Almodóvar cantaba... qué digo... berraba mentres se abaneaba polo escenario colocado "polas ansias de liberdade". Era un adiantado, todo un precursor. De feito non acerto a comprender como hoxe non andamos todos e todas con chaquetas plateadas, ombreiras e o pelo cardado desafiando á lei da gravidade. Sen dúbida estaba a loitar polo asentamento da democracia e contribuíndo tamén á modernización da súa España. Entrementres, máis ou menos pola mesma época, milleiros de traballadores galegos, atrasados e ataviados con roupa mercada polas súas donas no economato, manifestábanse para defender os seus postos de traballo no noso sector naval. A cambio recibían, día si, día tamén, democráticos toletazos de mans daqueles que pasaran de ser grises, cor triste e demodé, a ser marróns, moito máis elegantes e acorde coas novas tendencias.

A loita destes obreiros, iniciada xa anos atrás en plena ditadura, xunto coa de moitos compañeiros do Estado Español, non debeu de ter trascendencia ningunha no asunto ese da transición. Foron o Borbón, o Suárez e Alaska quen fixeron de España o que é hoxe en día.

Cantas máis voltas lle dou...uf, menos mal que son galego!