A moralidade hipócrita e o dereito a decidirmos sobre os nosos corpos

Recentemente saltou ás noticias na rede o caso dunha estadounidense de 18 anos, de nome artístico Belle Knox, que se meteu no mundo da pornografía en liña para poder seguir pagando os seus estudos na Duke University, onde as taxas ascenden a $60.000 por ano.
A propria protagonista asegura que se trata dunha decisión libre pola súa parte e mesmo chega a afirmar que “gozaba” do traballo ben feito e que a facía sentir “empoderada”. Cada un/ha pode ter as súas dúbidas e opinar o que queira ao respecto, mais –sen querer facer unha apoloxía da pornografía e da industria do sexo– o certo é que dificilmente se podería alegar que a decisión de Belle, unha persoa maior de idade que mesmo cursa estudos de xénero e socioloxía, aspira a labrarse unha carreira como avogada en defensa dos dereitos das mulleres e que se describe como unha feminista sexo-positiva, fose froito dunha escolla irreflexiva. Para alén das consideracións económicas que condicionan necesariamente calquera actividade laboral, a todas luces parece tratarse dunha decisión tomada libremente en función das súas necesidades e da contrapartida económica correspondente. Que non sexa así noutros casos, ou mesmo na maioría dos casos, é xa unha cuestión diferente.
Para min hai varios aspectos deste caso que resultan moito máis escandalosos do que a saída que esta moza atopou para resolver os seus problemas económicos. Por un lado está, sen dúbida, o primeiro condicionante, nomeadamente o facto de que a educación non sexa universal e gratuíta a todos os niveis, con axudas económicas para aquelas persoas con menos recursos, mais que sexa un luxo a que poden aspirar só aquelas persoas máis adiñeiradas ou aquelas dispostas a empeñaren o seu futuro a medio prazo en devolver un importante crédito cos correspondentes xuros.
Aínda non chegamos a tal extremo na Galiza (aínda!), mais á vista da velocidade nas reformas educativas, as subas nas taxas e a redución nas bolsas, a situación podería mudar de xeito moi rápido. O exemplo claro témolo no país onde eu estudei aló polos anos 80. No Reino Unido non se pagaban taxas daquela, o que, xunto coa concesión sistemática de bolsas en función da renda e patrimonio familiares, significaba que o acceso á universidade se vía limitado exclusivamente polo mérito académico de cada un/ha. Hoxe por hoxe, no entanto, as taxas medias oscilan entre ₤6.000 e ₤9.000 por ano, con créditos bancarios específicos que se teñen que devolver unha vez que se comece a traballar cun determinado salario; unha corda no pescozo case de por vida para moit@s estudantes e as súas familias.
A consecuencia disto é que persoas procedentes de familias incapaces de asumir este custo non emprenden estudos universitarios ou os abandonan. Unha outra posibilidade consiste en procurar outras vías para sufragar esta despesa. Cada vez resulta máis difícil, debido á altísima taxa de desemprego que sofre o noso país, atopar traballo (nin digamos decente), polo que unha alternativa podería ser a prostitución. De facto, segundo o Sindicato Nacional de Estudantes (NUS) do Reino Unido, son cada vez máis as estudantes de familias con menos recursos que exercen a prostitución para pagaren os seus estudos. Outras saídas inclúen a experimentación médica... Abofé que non sei cal é peor!
Porén, por outra banda, escandalízame aínda máis a descarada hipocrisía da moralidade retorcida que levou a que se destapase este caso e que saltase aos medios. Tras contarllo a un colega, este non dubidou en tornar público en todo o campus a actividade desta súa amiga que confiara nel, afirmando, asemade, que a recoñecera nun vídeo pornográfico que mirara. A raíz desta revelación, a Belle foi vítima de insultos, intimidación e ameazas de forma continuada na rede, desde “Merece ser violada” até “Deberías cortarte as veas e morrer, puta estúpida!” e “Que te fodan! Se te vexo polo campus, pártoche a cara!”.
Como ben recalca a propia Belle, eis un perfeito exemplo da dicotomía que define o papel da muller en función do binomio ‘puta ou virxe’, ou ‘Todas las mujeres son putas, menos mi madre y mi hermana’, segundo o consabido refrán español. Cada un/ha é libre de facer do seu corpo o que queira, ou, mais precisamente, a ninguén se lle debería culpar polas decisións que toma segundo a vontade e necesidades de cada quen. A isto chámaselle ‘dereito a decidir’. Ou é que son eses rapaces que miran pornografía os que, desde a súa moralidade hipócrita, deberían poder definir e decidir o que fan ou deixan de facer cos seus corpos as súas compañeiras?
Se deixamos a un lado a obsesión xudeocristiá que mancha todo o que ten relación co sexo, o corpo e a sexualidade, non vexo por que sería máis criticábel ou máis denigrante gañar diñeiro facendo pornografía do que vendendo a forza de traballo do seu corpo noutros sectores, como por exemplo traballando nun antro até altas horas da madrugada por catro perras e sen seguridade social. De feito, a propria Knox compara o seu traballo como actriz pornográfica con outro de camareira onde o seu xefe a tratara mal e no que levaba para a casa menos de $400 ao mes cuns horarios que interferían cos seus estudos, fronte aos $1.200 que gañaba por cada escena de porno cun horario máis flexíbel.
Sen entrar a valorar até que punto as persoas (maioritariamente mulleres) que acaban traballando na industria do sexo o fan realmente motu proprio, para min o verdadeiro quid da cuestión consiste en recoñecer que este traballo existe e que, desde o punto de vista dunha análise de clase, cumpre garantir que se respeiten os dereitos laborais. Isto é, desde o momento en que alguén exerza unha profesión –sexa cal for, gostemos ou non dela e con todos os reparos que puider entrañar– o primeiro deben ser os dereitos básicos: controis médicos, seguranza, condicións de traballo dignas, salario digno, dereito a se afiliar a un sindicato, dereito á folga, etc.
Hai quen acha máis reprensíbel cando xa non se fai por obriga, mais por ‘vicio’, como se fose máis aceitábel ver persoas compelidas a se prostituíren por necesidade nunha sociedade inxusta, do que para viviren do xeito que elas queiran.
O certo é que non creo que ninguén soñe con traballar na industria do sexo e eu, xa que logo, non o querería tampouco para a miña filla. Mais en todo isto, para analizar máis claramente a situación, resulta preciso –como sempre– eliminarmos todas as valoracións subxectivas derivadas de (pre)xuízos moralistas hipócritas, como xa vimos. Para darmos un outro exemplo, para min é, de lonxe, infinitamente moito máis criticábel o caso do instituto que expulsou un dos seus alumnos por “alterar a normalidade do centro”, impedindo que puidese terminar os estudos, debido ao acoso que sufriu cando se chegou a saber que actuara en filmes pornográficos gays (o pecado é duplo!)... para axudar economicamente a súa familia.
Sei que a situación é complexa e non ten unha resposta fácil. Mais, como sempre, a resposta máis razoábel sempre se acha prescindindo das chatas dunha falsa moralidade que converte en culpábeis as proprias vítimas.