A Mobilidade nas cidades de Galiza
Entre os obxectivos para facilitar a mobilidade están desvincular o crecemento económico dos efectos negativos do transporte, fomentar os modos con baixas emisións contaminantes, acadar o grao máximo de eficiencia enerxética e evitar as conxestións de tráfico. A resposta ven da man do apoio ao transporte público e non con medidas que disuadan penalizando, senón conseguindo que este sexa alternativa viable, barata e rápida.
Non son necesarios profundos estudos sobre a situación da conxestión viaria nas nosas cidades e as súas áreas metropolitanas para chegar a conclusión de que o transporte público evitaría a excesiva utilización dos vehículos privados que transportan en moitas ocasións unha ou dúas persoas, contaminando, desperdiciando enerxía e recursos económicos. Búscanse solucións baseadas na ampliación das vías que estes utilizan sendo este un camiño equivocado si se planea como única solución. Tampouco o é establecer medidas que penalicen economicamente e mesmo prohiban a súa circulación en determinadas zonas se antes non se establecen alternativas viables. En demasiadas ocasións a utilización do vehículo privado é a única alternativa posible se non se quere pasar media vida desprazándose en detrimento do necesario descanso e tempo de lecer.
Pode servir de exemplo a experiencia da área de Bilbao onde ata hai uns anos era un verdadeiro suplicio desprazarse desde as poboacións de ambos lados da ría ata a cidade. A solución veu de mans do tren de cercanías que enlaza co propio metro e o resto do transporte urbano. Agora mesmo resulta máis incómodo e caro desprazarse en vehículo privado cos engadidos problemas de aparcamento que utilizar un medio de transporte público cómodo, rápido e asequible.
E falando do tren de cercanías atopámonos cunha das maiores carencias estruturais do noso país que pola súa poboación e a súa dispersión característica clama a voces o establecemento desta estrutura nas nosas cidades. A desculpa de Renfe é o número de viaxeiros e que non "encaixa"(?) en Galiza. Obviamente un servizo deficiente non ten demanda e si eu, poñamos por exemplo, me teño que desprazar cada día a traballar a outra cidade distinta da que vivo e continuamente están a cambiar os horarios, en nada coincidentes cos demandados, e os desprazamentos casa-estación e estación-lugar de traballo son outro problema pois evidentemente non podo ter o tren como alternativa.
A transferencia deste servizo é a solución e xa o Parlamento de Galiza en xuño deste ano, tras unha proposición non de lei presentada polo BNG, tomou o acordo, por unanimidade dos tres grupos con representación, de demandar ao Executivo central a transferencia dos trens interrexionais de acordo co modelo catalán. O BNG argumentou que o transporte ferroviario constitúe un piar básico do aforro enerxético e que en Galiza existen graves déficits tanto na velocidade como no servizo de cercanías. Deféndese a creación dun ente ferroviario galego e a planificación dun servizo de proximidade que permita as galegas e os galegos aforrar nun momento de crise ao tempo que se evitan emisións de dióxido de carbono. Lamentase o BNG que en lugar dun tren de cercanías Galiza teña tan solo vías en desuso e estacións ferroviarias pechadas.
Precisamente o novo concepto de "optimodalidade", entendida como a optimización do rendemento técnico, económico e medioambiental das cadeas de transporte, establece o aproveitamento das estruturas existentes e o investimento en renovalas como punto de partida para facer máis cómoda e factíbel a mobilidade. O tren de cercanías é elemento fundamental de articulación da práctica totalidade das áreas metropolitanas existentes no Estado e en Europa e non solo das grandes como Madrid, Barcelona, Sevilla, Valencia ou o citado Bilbao, senón tamén, entre as próximas, das de Xixón-Oviedo-Avilés e Santander, áreas ambas inferiores en poboación as de A Coruña e Vigo que están preto do medio millón de habitantes cada unha.
Precísase un plan de mobilidade real e efectivo para cada unha das áreas galegas e un integral para todo o país que agrupe distintos servizos públicos de desprazamento e que comunique realmente incluíndo áreas comerciais, industriais, de negocios, centros de interese e de servizo público como hospitais, universidades e aeroportos (estas infraestruturas merecen capítulo aparte en Galiza). A situación actual complícase pola situación da autopista AP9, concibida como eixo vertebrador de Galiza e que está nunha situación penosa e absolutamente desbordada en tramos como Pontevedra-Vigo ou A Coruña-Bergondo cobrando prezos que non son asumíbeis para a maioría das persoas que necesitarían transitala a diario. Resumindo: cara, mala e deficientemente mantida.
As políticas nefastas que favoreceron a apertura de numerosos centros comerciais na periferia dos núcleos das áreas metropolitanas a parte de acabar co pequeno e mediano comercio, baleirando os centros urbanos, están a provocar desprazamentos innecesarios que conxestionan o tráfico, contaminan e aumentan o gasto enerxético que tan necesario é reducir. Unhas cidades amables nas que sexa cómodo e agradable o desprazamento a pé, complementado cun rápido, confortable e barato transporte público reduciran a necesidade de utilizar os vehículos privados.
E como remate non podemos esquecer o adaptar as cidades as bicicletas. Os carrís bici téñense que entender non solo como unha infraestrutura para a práctica deportiva ou de lecer, senón tamén para o transporte de persoas nas propias cidades e mesmo entre localidades dunha área metropolitana. Así, quen opte pola bicicleta debe poder desprazarse ao traballo, á universidade, a mercar no pequeno comercio ou a calquera outra actividade. Non valen as desculpas de que este medio de transporte non funciona en Galiza polo mal tempo, exemplos e moitos temos no norte de Europa, cunhas condicións climáticas máis adversas, nos que a utilización da bicicleta é masiva, alentadora e purificadora. Será preciso cambiar hábitos, si, pero primeiro hai que adaptar as cidades e vilas para a súa utilización. Non se entende, por exemplo, que un rango de idade tan propicio e receptivo ao pedaleo como pode ser o dos universitarios e universitarias non dispoña das necesarias vías adaptadas para desprazarse aos campus galegos respectivos.