A mentira só ten presente, a verdade só ten futuro

A mentira só ten presente, a verdade só ten futuro

Nos poucos espazos de claridade e reflexión onde se procura ollar a realidade social con rigor, como é o caso do discurso da nosa deputada e portavoz nacionalista Ana Pontón no debate do Estado da Autonomía, podemos ollar as verdades retidas. Podemos ollar como en menos de tres anos se comprobou que o Presidente da Xunta de Galicia é imposíbel pillalo nunha verdade...

É preciso e de lei felicitar a Ana por falar de algo prohibido na "relixión política" e democrática vixente. FALAR DAS PERSOAS. E algo a maiores: FALAR DOS SENTIMENTOS DAS PERSOAS TRABALLADORAS. Xa era hora, despois de tanto consumidor, habitante, suxeito, parado, ocupado, cotizante... de que atoparamos algo con carne, oso, sexo e sentimentos do que se poida falar: OS GALEGOS E AS GALEGAS.

Seguindo coa teoloxía da exculpación do noso Presidente, a culpa de todos os males de Galiza tíñana os anteriores gobernantes da Xunta. Esta mentira foi útil pero xa caducou.

Mudando uns delegados das consellerías por uns "super-delegados/as" íanse aforrar moitos fundos para que funcionara a Administración. A estas alturas os ditos delegados e gabinetes só os coñecen para cobrar as nóminas.

Fai algún tempo eliminaron consellerías. Ninguén lles viu ningunha vantaxe. A xente xa sabe que na Xunta nada está preparado para que te atendan. Como moito dependes da boa fe do funcionario ou funcionaria. Case sempre che queda só o recurso dun telefone con contestador. Se non está avariado ou de vacacións.

Fai uns anos inzaron os xornais e as pantallas coas imaxes duns autos que dis que arruinaban a Xunta. Malvendéronos para quincalla e a mentira de que o auto do Presidente da Xunta arruinaba a Galiza desapareceu porque deixou de ser útil.

Fai anos déranlle xa cartos dos de todos nós á Banca para superar as crises e poñer en marcha préstamos e cretos para as empresas. Despois de catro ou cinco entregas millonarias feitas dende "esas ruinosas cousas" que se chaman administracións públicas, a Banca sigue recibindo fondos e agora non aparecen nin os préstamos, nin os fondos nin can que lle ladre.

¿Esta mentira de que a Banca arranxa a economía poderá derivar no futuro na verdade de que a Banca é quen a desarregla?

¿Poderá ser que o único que amañe a economía dos cidadáns -non a duns poucos ladróns- sexa a Administración pública?

¿Descubrirase que é mentira aquilo de que os grandes empresarios e os banqueiros son os únicos que crean riqueza e decataranse de que tanto a riqueza como os servizos ou fondos públicos saen dos traballadores e traballadoras cando se vexa que é o único peto ao que están indo por cartos?

¿Serán moitos votantes do PP capaces de descubrir que votando aos representantes dos máis ricos en vez de mover o capital aproveitan o despiste e roubannos a carteira e a casa enteira?

¿Descubrirá a xente algún día que se en vez de darlle o diñeiro de todos a uns poucos llelo repartiran ás familias o perigo de evasión e mal gasto atolado sería impedido?

A verdade tan obsesiva de Rajoy e de Feijoo de que a crise se amaña recortando gasto e investimento nos servizos públicos non se converterá nunha gran mentira como xa está pasando en moitos países de Asia e América, e que xusto por iso están mudando de política a marchas forzadas intervindo dende as administracións públicas e converténdose en países emerxentes namentres xa pasamos a Grecia ao terceiro mundo e nos explican que aos demais nos aplicarán a mesma menciña?

Sigue a estar vixente, como non, o vello dito de que "neste mundo traidor nada é verdade nin mentira, todo depende da cor do vidro co que se mira". E mira ti por onde, a verdade e a mentira tamén dependen das crases e dos grupos sociais. Os que atracaron os aforros dos galegos (con luva branca, non falo dos das pistolas), ou o Sr. Rico que vai de quinto na clasificación mundial, ou os que inflan globos de valores en Andorra ou na Suíza teñen a súa verdade: O único valioso son uns papeis ou figuras que chaman valores, produtos financeiros, accións, etc. e para que o mundo sexa xusto e democrático deben eles (uns poucos) ter moitos deses valores. Todo o resto do que hai no mundo, incluídas vidas e persoas, debe estar ao servizo deses valores. E se non estou no certo que llelo pregunten ao recen nomeado xefe de Grecia. Se alguén ten aínda dúbidas que pregunte aló pola Praza de S. Pedro en Roma que entenden por perda de valores... Pola contra os e as que imos ir a folga o día 29 temos outra verdade moito máis prosaica e menos espiritual que se chama ter para comer, para durmir, para quitar as dores da testa ou da barriga, ter unha casa cuberta ou medios para pagar o combustíbel e non morrer de frío.

Levan xa días varios portavoces dos Gobernos contándonos a súa verdade sobre as grandísimas perdas que vai ter a economía do Estado por mor da folga. Fixémonos que verdade mais consistente:

1º O propio día da folga, tal como fixeron noutras ocasións dirán "a folga tivo moi pouca incidencia"
2º ¿Que lle impide as empresas facerlle recuperar aos traballadores as poucas horas que perderon nun día?
3º Parouse alguén en calcular tódalas horas de traballo perdidas nas múltiples empresas pechadas, arruinadas, deslocalizadas? Pedíuselle conta a alguén de todo eso?
4º Deulle a algún deses doutores en ciencias exactas por calcular as horas que están a perder cinco millóns de parados/as?

E ademais, temos que soportar todos os días a terríbel verdade de que o Presidente da Xunta e do Goberno de Madrid nos insulten e humillen tratando de convencernos de que se nos aplican máis recortes, máis baixos salarios e peores servizos públicos virá un día un anxo bo e sentiremos unha felicidade orgásmica. Ademais, se os que xa son moi ricos e moi ladróns poden perfeccionar a súa carreira, entón a nosa felicidade será multiorgásmica.

Agardamos moitos que dentro duns meses os que se humillan aceptando estes insultos tomen coñecemento de que nunca viviron por enriba das súas posibilidades, de que a chamada "crise" é unha estafa debido a que uns poucos acaparan a maioría do que se produce e aproveitan que nos teñen embobados coa potencia dos medios de comunicación para converternos en algo peor que en pobres: PARA CONVERTIRNOS EN ENEMIGOS DOS NOSOS IMÁNS DE CRASE E DE PAÍS. Un rapaz novo facíame hoxe mesmo unha reflexión moi importante: Escoitoulle dicir a alguén que "temos liberdade de expresión pero non temos liberdade de pensamento".

Que o presente este construído en base a mentira e a propaganda enganosa supón un éxito rotundo para os dominadores e depredadores de Galiza, porque as modernas tecnoloxías da información son quen de producir un estado permanente de mentira e obsesión que vaia despistando a xente sen que saiba de onde lle veñen os tiros.

O primeiro e fundamental para ser persoas galegas, dignas e humanos é coller tódalas mentiras diarias, poñelas a remollo co sal do pensamento e dentro duns meses seremos moito máis sociábeis, moito máis galegos, moito máis solidarios e moito máis libres. Que ninguén se escandalice da podremia que padecemos. Collamos a vasoira e vaiamos arredando a merda mediática que nos botan a diario. A verdade sempre está por abaixo. A verdade sempre está perto das persoas, dos sentimentos e dos problemas. Os e as nacionalistas temos que buscar a verdade onde a buscamos sempre. O día 29 sairán ao espazo, como os polos da casca, moitas verdades vivas, e sairán duns ovos que moitos e moitas, incluídos os progres de esquerda, daban por goros.

Sairán verdades, propostas e loitas alimentadas polas substancias vivificadas de sempre: A conciencia e a loita social dun País e unhas xentes que superan tódolos virus da eterna enfermidade da mentira.