A memoria antinuclear
As neuronas, mellor, os átomos das neuronas, son os que manteñen viva a nosa memoria sobre os feitos acontecidos, e outras neuronas, mellor, outros átomos doutras neuronas, teñen a obriga de non esquecelos.
Lembremos: no ano 2005 o círculo do empresariado español ofreceu un apoio sen fisuras á enerxía nuclear no seu informe "Unha nova estratexia para o sector eléctrico". Esta postura fora xa mantida por Loyola de Palacio, en calidade de comisaria de Transporte e Enerxía da UE no ano anterior, manifestando que a UE non podía prescindir desta enerxía para cumprir con Kyoto. Seguramente ambas opinións procedían do deseño do laboratorio de ideas neoliberais da Fundación para el Análisis y los Estudios Sociales-FAES de Aznar, prometendo, con foguetes, que sería a fonte enerxética con máis futuro. Este informe expuña todas as falsidades que o informe de Greenpeace se encargou de destapar posteriormente. Mesmo atrevíase a definir de impensables accidentes semellantes aos acontecidos no pasado, como os de Three Mile ou Chernobyl.
No ano 2006 o presidente do Goberno do Estado Español, José Luís Rodríguez Zapatero, confirma no Congreso que manter o seu compromiso, recollido no programa electoral, de abandonar a enerxía nuclear e anuncia concretalo antes de que finalice a lexislatura, tal e como solicitaban as organizacións ecoloxistas. Mais o discurso pronto foi rebaixado a reducir proporcionalmente a utilización da enerxía nuclear, mantendo as centrais que estaban en funcionamento, e substituíla progresivamente por outras fontes enerxéticas, en palabras do ministro Montilla.
A pesar destes tira-puxas, as hemerotecas recollen a posición de Cristina Narbona, Ministra de Medio Ambiente no ano 2007 a respecto de considerar que a enerxía nuclear non é unha opción sostible, afirmando que non é nin a máis limpa, nin a máis barata nin a máis segura. Nese mesmo ano o goberno español rexeita usar a enerxía nuclear como "pretexto" para cumprir con Kyoto. No mesmo tempo, o economista estadounidense Jeremy Rifkin, en calidade de asesor do PSOE, desaconsellaba a enerxía nuclear polo seu custe, dende indicando que das 409 centrais nucleares, daquela, xeraban tan só un 5% da enerxía que se consumía e alertaba dos problemas de abastecemento de uranio.
Dende ese ano a FAES contraataca pois a posición gubernamental, que aínda tépeda nos feitos parecía firme nas conviccións, por iso deseña unha campaña mediática progresiva que comeza coas críticas do PP ao plan do goberno e segue con novos informes de apoio á enerxía nuclear.
En todo o ano 2009 e principios de 2010 o bombardeo mediático foi evidente, os medios recollían entrevistas cos máis insignes defensores da enerxía nuclear, declaracións de Loveloock, ata a declaración do bolseiro más insignificante de calquera centro de física do mundo. O debate nuclear estaba forzadamente aberto na sociedade. Mentres, os detractores, ensarillados coas batallas pola instalación, ou non, dos aeroxeradores non eran conscientes da que lle viña enriba.
Dende finais do 2010 o temporal mediático aumenta, o 5 de marzo de 2011 o PP anuncia que aposta pola enerxía nuclear coa proposta de novas centrais, case coma un punto programático do goberno que aparentemente estaba a piques de constituír, nun momento de avanzada crise e de anunciada caída do goberno socialista. A esta reclamación únese a opinión o secretario xeral de CC.OO., que xa se tiña manifestado claramente favorable a seu uso dende 2007. O tema sae nos corredores dos pactos do goberno cos sindicatos e logo é rapidamente desmentido. A FAES edita en marzo un novo informe asinado polo catedrático de Física Nuclear e presidente do Instituto de Fusión Nuclear da Politécnica de Madrid, este informe solicita 60 anos de vida para as nucleares. Rajoy propón buscar novos emprazamentos para máis centrais atómicas, vista a competencia creada pola posible instalación do lugar para os residuos. Neste momento de crise as vilas rifaranse as centrais por conseguir catro postos de traballo, unha nova versión nuclear do caciquismo.
O venres 11 de marzo de 2011 acontece o terremoto e o consecuente maremoto que afecta a Xapón...
Rajoy vese obrigado, con grande pesar, a poñer o freo na súa aloucada carreira pro nuclear, como pito sen cabeza, aínda así resístese a ceder e o 14 de marzo declara que ten que haber enerxía nuclear, que é a máis barata e a máis limpa, as mentiras non son doadas de extirpar dos seus átomos neuronais. Entón ocórreselle, como xa non teñen argumentos políticos, deixar o tema nos "criterios técnicos", balóns fóra e a outra cousa. Din que defenderá a seguridade en todos os sistemas que supoñan unha fonte de enerxía.
Xa non lle vale o informe da FAES e Cospedal afirma diante o acurralamento mediático que a FAES é a FAES, tratando inutilmente de marcar unha distancia inexistente, e que a postura do PP é a de sempre... -é dicir, a de FAES-. Quen entende este creba cabezas?. Entón di que no ámbito da enerxía nuclear o PP sempre falou dunha palabra: seguridade, e indica que é oportuno e propicio que, tras o desastre ocorrido en Xapón, os organismos correspondentes a nivel nacional e europeo sexan convocados para facer unha análise acerca dos límites da seguridade. Como o piolloso, Rajoy está a afogar, coa auga por riba do pescozo neste tema, e aínda trisca as uñas dos pulgares sobre a cabeza.
Resúltalle necesario a Merkel coñecer a opinión dos organismos internacionais ou os técnicos? Ou, acaso a súa rápida resposta non é máis que unha estratexia mediática?.
Cal pode ser pois a razón da insistencia da FAES?. Onde compre vender as nucleares?. Cal é o mercado aberto?, os países emerxentes?, latinoamérica quizais?. Iso non no lo din, mais o averiguaremos.
Así, facendo memoria, lembro que no ano 1977, dixemos na Galiza nucleares non grazas, que non se nos esquenza.