A mangueira de Feixóo


Pode parecer que nada mudou en Galiza dende aquel día de 1977 en que Fraga quitou a chaqueta no Pazo dos Deportes de Lugo e dixo “ a por ellos” até aquela vaga de incendios no Goberno Bng-Psoe en que Feijoo vestido de traxe de primeira comuñón pediu prestada unha mangueira de xardín para apagar os incendios forestais en Galiza, e rematando polos dous últimos xestos que mais o desprestixian como presidente: OLLAR PARA MADRID CO DO LEITE E PARA AS COMISARÍAS E OS CUARTEIS NO DOS INCENDIOS FORESTAIS.

A imaxe máis adaptada a súa visión foi unha que fixo fai poucos días en Ourense arroupado por un crego e un consello de homes maiores en posición de firmes; a Santa Inquisición prolongada no tempo. Nunca recoñecerán vostede e os seus que no seu sectarismo e auto-odio liquidaron a planificación e lexislación que lles deixou feita o BNG para ordenar e poñer a producir o monte e o territorio.

¿Ímoslle consentir a Feixóo cando remate coa vida no rural galego, tal como pretende seguindo o mandado de Madrid e de Europa, soltar outra frase lapidaria tal que Fraga dicindo “La maté porque era mía”?

Tres fenómenos, entre outros se veñen agudizando en Galiza, máis aló incluso do rural, que no nacionalismo tratamos de enfrontar, e enfrontamos na medida das nosas posibilidades, dende fai 30 anos:

O despoboamento e avellentamento da poboación, a destrución dos nosos sectores produtivos, e a redución a espazo folclórico da nosa cultura. Por si fora pouco quedámonos non só sen vacas, quedámonos “sen un can”.


Pero este mes de agosto e o que quede deica as eleccións próximas vai ter moito que ensinarnos ao nacionalismo e nos teremos que estar moi atentos.

A mensaxe fotográfica do neno lindo da mangueira transformase en home metálico e robótico e a xente comeza a percibilo. A “paz” social de que o home metálico viña usufrutuando estes anos no rural rachou. Percibíase con toda claridade nas rúas de Compostela, Chantada, Guitiriz, Arzúa e seguirase por vilas e cidades. Desta volta non sirve ao home metálico poñernos o pescozo fixo cara o mediodía; nin que veña La Voz dicindo que “los ganaderos de Chantada miraban a Madrid.” ¡Non! Quen queredes que miren cara Madrid sodes os criados do home metálico. Quen o teñen claro desta volta son os alcaldes do PP apertados pola situación e sabendo moi ben que si os mandan a Madrid é para non resolverlles nada a xente. E os alcaldes non viven nun Pazo en Compostela e ademais viven moitos do que poidan gastar os habitantes do rural. O Alcalde de Portomarín apareceu en Chantada cunha pancarta de apoio e deume unha explicación moi contundente cando o felicitei por ter aprendido algo no seu paso polo BNG: “ En todas partes hai cousas boas que aprender, ademais tamén pode ser que esteamos mandando un recado para os nosos” Esta mesma conxuntura obrigou no 1986 coas cotas do leite a que pasearan as rúas da Coruña conxuntamente forzas nacionalistas e do PP en Galiza contra o aparato do Estado. Pero como o que se está a perder e moito no rural e mais nas vilas, e cada alcalde e alcaldesa garda do seu reino tivemos esta mañá pronunciamento ao final da manifestación de tres membros da corporación; do BNG, do PP e do PSOE.

España e a UE teñen o mesmo interese en desfacerse da Colonia da Corte que no 1986 pero teñen os seus cabalos e os seus peóns colocados doutro xeito. Tamén pode parecer que as forzas máis da Nazón nos pase o mesmo; si que é certo. Temos menos gandeiros, pero máis comerciantes coa soga ao pescozo un tras de outro. E eses voluntarios que discorren e van manifestarse polas vilas no medio dos tractores, uns xubilados e outros e outras tan novos que en Chantada auto-organizáronse dinamizando e animando a manifestación; iso si, iso preocúpalle ao home robótico, e as pilas que moven os seus números.

Todo está comezando e depende da paciencia e da serenidade que este novo espertar do rural galego permita levar a estas vilas e aldeas por un futuro de vida. Como moi ven soltaba unha proclama dunha animadora da protesta en Chantada: Si o rural non vive Galiza non vive.

Xa leva o home metálico tres tras-pés que deica o de agora non tivo no pasado: Montar un paripé en Madrid, montar varias “misas redondas” na Xunta, e poñerse a mirar polas fiestras de Raxoi asubiando e dicindo “Isto non vai conmigo”.

Sr. Feixóo, as mangueiras cárgaas o demo; aquela que luciu cando foi de neno guapo rebentoulle nas mans estes días, e a que lle rebentou no caso do leite procede do concello de Teixeiro duns labregos con moita dignidade que a usaron para baleirar o tanque do leite, aquel que a industria amparada polas súas leis pode deixar, tirar ou mal pagar. Despois daquelo uns alcaldes veciños, do BNG, que deron mal exemplo e falaron de unir o rural... e uns desaparecidos e nostálxicos “loitadores de plataformas” (pensa vostede) puxeron o resto. Pois non, esta xente está a poñer as mans para cubrir a cara das lombeiradas que vostede e os seus lle están a dar. Estamos fartos dos abusos do home metálico…

,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.