A manda humana


O artigo 11 da Declaración Universal de Dereitos Humanos (1948) afirma que “toda persoa acusada dun delito ten o dereito a que se presuma a súa inocencia mentres non se probe a súa culpabilidade”. Este mesmo principio constitúe un dos piares básicos do sistema xudicial dos estados democráticos.

A presunción de inocencia de toda persoa acusada dun delito rexe para todas e todos, non hai excepcións. Dá igual que se lle acuse dunha violación, asasinato ou de roubar unha galiña. Será nun xuízo onde se demostre que esa persoa é culpábel; non ao revés; o xuízo non é para demostrar que é inocente.

Isto é a teoría, mais realidade é ben distinta; a sociedade está botada ao monte e a razón e o respecto aos dereitos humanos máis elementais, que debía rexer todas as nosas opinións e actuacións na sociedade, brillan pola súa ausencia. E neste sentido, os medios de comunicación, fomentando o morbo, o xuízos sumarísimos e paralelos, ditando sentenzas que corresponden aos tribunais xustiza que é onde se ten que demostrar que unha persoa cometeu determinado crime, están levando á xente a tal grao de irracionalidade que non traerá nada bo para o conxunto da sociedade. Tanto é así, que o tratamento mediático de crimes execrábeis como pode ser a violación da moza madrileña no San Fermín, o caso de Marta del Castillo, Alcáser, as meniñas de Moraña, o asasinato de Diana Quer... está inzado de medias verdades, manipulacións e informacións de todo tipo sen contrastar, e están levando á sociedade a considerar normal a cadea perpetua para castigar estes crimes mediáticos. Mais os datos reflicten que isto non é a solución. Países como Estados Unidos con cadea perpetua e pena de morte non lograron minimizar o número de delitos; ao contrario, os delitos non deixaron de medrar a pesar destas medidas tan punitivas, o cal, a conclusión debería ser que a pena de morte e a cadea perpetua non son a solución.

E neste estado de irracionalidade patrocinado polos medios de comunicación, as redes sociais conforman a praza pública onde a sociedade en tempos pretéritos canalizaba a súa ira contra os presuntos delincuentes. Agora non se lapida, agora compártense as fotos dos presuntos criminais e acósanse aos familiares que nada teñen a ver co presunto crime, causándolles graves problemas persoais. Agora, no canto de ir ao xulgado, acúsase a través dos medios de comunicación, desacreditando persoas e carreiras, en algún caso mesmo con denuncias posteriores arquivadas xudicialmente.

A actitude da sociedade actual nas redes sociais ten moita semellanza ao comportamento do pobo que nos describe Arthur Penn na súa extraordinaria película que dirixiu en 1966 “A Manda Humana”, onde un pequeno pobo canaliza as súas frustracións, miserias e temores cara un criminal fuxido da cadea (Robert Redford), sen importarlle se é inocente ou culpábel. A lei, o sheriff local interpretado por Marlon Brando, acusada de estar ao servizo do poder, mantén a súa integridade a pesar das dificultades, e tenta impedir un final fatal en plena febre do sábado noite aderezada polo alcohol.

Mais a realidade non é unha película ianqui. É peor. Hoxe en día, a diferenza da película de Arthur Penn, non hai unha autoridade que nos recorde os dereitos máis elementais antes mencionados, todas as estruturas do estado participan con entusiasmo no linchamento social e mediático, cada unha no seu ámbito, de persoas, institucións e tamén de ideas, como estamos a ver co “Proces” catalán e os seus protagonistas. Así que, se o Estado ten este comportamento, que se pode agardar da xente do común?