A maldición do capital


O paro. Maldita palabra. Horrorosa praga que nos trouxo o capitalismo. É un fenómeno que se dá no actual sistema económico, no que a propiedade dos medios de produción non pertence aos que poñen a forza do traballo. Os economistas explícano con fórmulas cabalísticas, que despois utilizan os políticos para narcotizar a sociedade. Eu, que veño do vulgo, fillo da gleba, vou utilizar os argumentos que o vulgo entende. Non é preciso remontarnos aos tempos prehistóricos, cando o home consumía exclusivamente o que a natureza producía de maneira espontánea sen que houbese que manipulala. Primeiro cazaba e despois recollía. A mesma forma que ten e seguirá tendo a fauna silvestre, mentres esta non suplante ao home, algo que nalgúns aspectos xa está a suceder. Ilústranos mellor a economía rural dunha Galiza que dentro dunha mesma xeración pasou da produción de autoconsumo a outra de mercado.

Había ricos e tamén pobres, dependendo da dimensión e calidade das terras. Algúns, os que non as tiñan, vivían das esmolas. Cando eran escasas alternábase o traballo na facenda propia co xornal ou exercendo algún oficio. As crises producíanse xeralmente por causas naturais. Secas, carazos, saraibas, algunha peste. Pero, non tiñan carácter endémico. Eran as alteracións que as Sagradas Escrituras exemplificaron na parábola das vacas fracas, e que a Xosé lle valeron o ascenso na corte do Faraón. Algúns científicos pretenden buscar antecedentes das depresións actuais nesta pasaxe bíblica, culpando delas á economía e non ao sistema. Existen diferenzas fundamentais. Unhas ocasiónanse por causas esóxenas e de maneira accidental, e as outras xéranse dentro do propio sistema produtivo e reprodúcense de maneira cíclica. Perdón por utilizar algún concepto que non encaixa no nivel que á miña exposición lle corresponde.

Detrás da decrúa viña a sementeira. Despois a sacha, a renda e finalmente a recolleita. Sempre había algo que facer sen estar ociosos. Cando o tempo non acompañaba para andar no campo, dentro da casa había labores que mantiñan ocupada a xente. As mulleres fiaban ou calcetaban. Os homes desfacían pitelos para meter no lume, reparaban ferramentas ou retellaban un alpendre. Non había paro senón descanso. Quen non posee outra propiedade ca forza de traballo, non ten la nin liño que tecer, leña que partir, e as ferramentas foron substituídas polas máquinas do patrón. Primeiramente o capitalismo converteu os labregos en simbióticos. Posteriormente transformou as leiras en ermanzas, introducindo na agricultura unha gangrena que imposibilita o seu retorno a unha economía de subsistencia. Os produtos que antes se utilizaban para o autoconsumo, desprazados agora do mercado, resistiron durante pouco tempo as embestidas das importacións.

Hai quen pensa que a solución económica pode estar no regreso á horta, ao cultivo de leitugas e a cocer na casa o pan de millo ou de centeo. Admitámola como recurso extremo. Iso implicaría a volta a formas de vida que dificilmente encaixarían na civilización actual. Ao non poder converter en moeda a mercadoría, non vexo doado mercar uns zapatos cunha arroba de patacas nin unhas medias con cinco netos de vino. Habería que volver aos zocos e aos carpíns de la que calcetaba a aboa. Unha mentalidade romántica, de poeta, aceptaría quizais rebobinar a historia. Formalmente e de boca, porque a maioría dos poetas pasan a vida en tertulias de café, e neles non venden cubalibres a cambio dunha restra de cebolas. Cando o labrego vise os avións supersónicos cruzando o ceo, malamente se resignaría a viaxar en carros arrastrados polas vacas. Sexamos realistas e non utópicos. A liquidación do sistema está na súa superación e non no retorno a modelos xa superados, teoría que gozou de certo predicamento nos fascismos do século pasado. En España concretouse na recuperación dos gremios medievais na versión franquista dos sindicatos verticais. Inclusive tomou deles parte da súa terminoloxía na catalogación das xerarquías profesionais.

,Existe concordancia entre todos os economistas, mesmo tamén entre os defensores do sistema, que as crises cíclicas son produto da economía capitalista. É o mercado o que impón a lei e non á inversa. ¿A que veñen entón as interpretacións políticas que atribúen a recesión ou o crecemento á maior ou menor capacidade dos gobernos? Non cabe dúbida de que boa parte da responsabilidade lles corresponde. Con todo, se centramos exclusivamente neles o albo dos ataques desviamos o proxectil do auténtico causante dos vaivéns da economía. Contribúese deste xeito a afondar nunha ilusión xa arraigada na sociedade, que albisca a solución no cambio de protagonistas políticos en lugar de buscala en modelos alternativos de modos de produción. Metemos así os cidadáns nun túnel que ten no fracaso a única saída. Un fracaso, que se nas sociedades vivas pode ser revulsivo e preludio de procesos revolucionarios, nas xa envellecidas e decrépitas, as do chamado primeiro mundo, súmeas nun estado de narcose. Unha traxedia, que as alternativas que se proclaman transformadoras deben representar nos escenarios sen pórlle antefaces ao seu discurso. Plusvalías, proletarios, loita de clases, son os coturnos que a esquerda actual cambiou por calzado de marca, deseñado polas transnacionais. Quen contrata e despide traballadores é o titular dos medios de produción. No socialismo é o Estado. No capitalismo os grandes trust das finanzas e da industria. Non lle apoñamos ao César o que é dos propietarios. Tampouco esquezamos que o César, o emperador, vestido unhas veces con librea democrática e outras empuñando o sabre, é o lacaio fiel dos propietarios.

¿E ula a esquerda? Conservouse o termo pero baleirouse de contido. Conceptos que antes se definían polas diferentes posicións a repecto da economía, pública ou privada, agora a énfase ponse unicamente no que ten relación cos ovarios ou testículos. Que pena que a confrontación de sexos relegase a un segundo plano a loita de clases. Á miña idade resúltalle difícil dixerir algunhas innovacións que se presentan como alternativas de progreso. Por exemplo, meter a Carapuchiña encarnada, a Cincenta, a Branca Neves no índice de libros prohibidos por machistas. Carlos Marx foi suplantado por Sigmund Freud. Chegouse a situacións delirantes. Unha alcaldesa, por suposto de esquerda, designou concelleira, coido que de cultura, a unha señora que se promocionou politicamente coas pernas escarranchadas e mexando. O que unha sociedade sa consideraría ofensa, outra decrépita, decadente, recibíu os ouriños como auga bendita chovida do ceo.

Non hai moito, cando a sensibilidade non se aparvara aínda, os libros de texto escandalizábanse de que Calígula nomeara cónsul ao seu cabalo. Postos a escoller, entre dous males eu quédome co rinchar dun Incitatus convertido en maxistrado e non co ornear dunha burra que pensa a través das ferraduras. Que máis se pode agardar dunha xeración que cambiou a cultura clásica pola incultura das tatuaxes. Predominan nestas as figuras de animais e sabandixas, tratando quizais de reflectir na pel o que se leva oculto no corazón. Non hai moito que lle preguntaron a un deportista, idolatrado polas masas, se lera un libro algunha vez. Contestou que empezara un pero que fora incapaz de terminalo. Pois este malabarista do balón leva nos brazos, e se cadra tamén nos baixos da barriga, un verdadeiro museo zoolóxico. Máis completo tal vez que o que eu visitaba en Madrid cos meus sobriños cando eran pequenos.

Toynbee buscou paralelismo entre a sociedade que lle tocou vivir e a civilización helénica. Nihil novum sub solé di o aforismo clásico. Volvamos nós a Roma. Ao imperio non o derrubaron os latinos, nin os galos, nin os iberos. A podremia non era exclusiva da cúpula imperial. Contaminaba todo o corpo social que vivía narcotizado polo pan e polo circo. ¿Resignarémonos nós a fundirnos co barco que nos leva e vai navegando á deriva? O que é dubidoso que consiga a revolución vaino lograr a bioloxía. A natalidade do centro mantense en porcentaxes inferiores aos índices de mortalidade. O seu futuro está contado. Poderíase agardar a que o sistema desaparecese por extinción natural. Producirase antes. Tomando a Toynbee como guía, avancemos un paso máis. Vira antes outra invasión dos bárbaros. Os estranxeiros, os que non falan linguas flexivas senón aglutinantes, pois parecen estas máis primitivas.

Roma non sucumbíu con Diocleciano nin cos Augustos que o sucederon. Foi desfacéndose en anacos, arrebatados polos nómadas que desde o norte xélido viñan quentarse cos ventos momos que sopraban no Mediterráneo. Os textos da miña xeración pintaban os Vándalos entrando a uña de cabalo na península e brandindo puñais na man dereita. Incluso o sustantivo se converteu en sinónimo de fero, groseiro, inculto. Inculto é o pobo que despreza as pingas de sangue godo que polas súas veas circula mesturado co sarraceno. A historia hai que contala como sucedeu e non como a interpretan. Houbo fases de violencia, a que negalo. Pero inicialmente a invasión foi pacífica. Os derradeiros emperadores permitiron a entrada de tribos xermánicas para que traballasen e ocupasen as terra en condición de colonos. Algo moi parecido e comparábel ao que actualmente sucede nos invernadoiros de Almería. O imperio antigo foi derrubado pola invasión do norte. O actual vaino ser pola invasión do sur.

Os Hunos avanzaban en cabalos; os africanos acércanse en pateras. Non hai valados nin aramios de espino que poidan deter o fluxo que se produce entre dous vasos comunicantes. Cando o control da natalidade non teña brazos de relevo para a recollida de pementos haberá que buscalos na selva prolífica, reserva biolóxica da humanidade que o sistema capitalista esterilizou. Algún asexo xa se está producindo no continente americano, por moito que se queira ocultar o verdadeiro sentido do fenómeno. Cando os colonizadores europeos crían extirpado ou reducido á marxinalidade a poboación indíxena, esta agroma de novo na Venezuela chavista e na Bolivia de Evo Morales. O que en principio parece unha anécdota pode ser premonición de que o sistema vai ser transformado, como reza a letra da Internacional, o himno dos que agardamos o alborexar dun novo mundo.

,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.