A mala educación


É unha auténtica destrutora. Destrutora dun ensino público e de calidade. Así poderíamos resumir o balance da Consellaría de Educación, que ao longo dos pasados meses, e aproveitando a proximidade dos períodos non lectivos para desmobilizar os afectados e afectadas, foi aplicando unha serie de recortes no ensino. Feche de comedores escolares, nomeadamente no rural, feche de escolas unitarias, redución da formación do profesorado, reestruturación das condicións dos docentes nas Escolas Oficiais de Idiomas, supresión da gratuidade de libros de texto á vez que se renovaron os concertos con centros que segregan por sexos, desgaleguización do ensino, redución da oferta de emprego público... son só algúns dos exemplos. É por iso que non resulta esaxerado afirmar que a Consellaría de Educación está máis interesada en destruír que en construír unha educación de calidade.

E a listaxe de recortes non deixa de medrar. Nas semanas anteriores á finalización do período lectivo, a Xunta de Galiza deu a coñecer novas medidas que contan co rexeitamento da comunidade educativa: a ampliación do horario lectivo do profesorado e a obrigada vixilancia por parte dos docentes do alumnado que emprega o autobús ou a supresión de prazas de ESO e Bacharelato. E na súa liña, a Consellaría de Educación anunciou este aumento de horas de costas ao profesorado e no último tramo do curso escolar, para tentar minimizar o impacto de cara a posíbeis mobilizacións.

,De mestres a gardiáns

"Eu non teño problema ningún en traballar dúas horas máis, mais a calidade do ensino non se mellora incrementando o noso horario nin obrigándonos a facer de gardiás dos nenos e das nenas. Poderíase centrar a Consellaría de Educación na ratio por clase, iso si que melloraría o ensino, ou na necesidade de contarmos con centros axeitados en que os servizos non cheiren a sumidoiro ou en dotarnos de recursos materiais para impartirmos ben as aulas". Así respondía unha mestra de Infantil ante o anuncio da Consellaría de Educación de ampliar as horas lectivas dos docentes. E é que a semana pasada fechouse cun anuncio que contou, unha vez máis, co rexeitamento da meirande parte da comunidade educativa: a ampliación da xornada lectiva do profesorado galego.

Trátase dunha medida que, baixo o disfrace da mellora do ensino, supón un novo recorte dos recursos dedicados ao ensino en Galiza e un novo ataque ao ensino público e de calidade. Esta decisión, que bota abaixo o acordo de xuño do 2007, responde á única finalidade de reducir o corpo docente -estímase que en mil- e as unidades educativas. Tamén introduce outra novidade esta modificación da xornada laboral do profesorado, a vixilancia por parte dos docentes dos nenos e das nenas que empregan o autobús escolar.

Caos e improvisación: recortes de prazas

Tamén soubemos a piques de remataren as aulas da reconversións dos institutos a centros integrados, no que supón un exemplo máis de caos e de improvisación da Xunta de Galiza. E, de novo, o conselleiro anunciouno baixo a careta de "grandes avances" para a Formación Profesional. Porén, a realidade é que se eliminan 31 ciclos formativos no país e que se fechan 73 unidades educativas de ESO e de Bacharelato. Esta medida, que supón unha reconversión do ensino público, foi adoptada de xeito unilateral pola Consellaría de Educación, de costas ás familias, ao alumnado, aos docentes e aos sindicatos.

A semana pasada, alumnas do IES Paseo das Pontes da Coruña, un dos centros que fican sen ESO e sen Bacharelato, denunciaban que "o que nos molestaron foron as formas da Xunta de Galiza, xa que soubemos dos nosos desprazamentos a través da prensa. Nin sequera se nos deu a opción de sabermos con anterioridade esta medida para informármonos noutros centros da cidade". Tamén advertían estas estudantes de que no IES Paseo das Pontes "hai aulas baleiras, así que colleriamos todos e todas perfectamente". As afectadas sinalaban que para o ano non van poder seguir nos itinerarios que elixiran ao non seren ofertados polos centros aos que serán trasladadas.

As molestias que esta mudanza provocará nas familias favorecerá novamente os centros concertados, xa que moito alumnado verase na obriga de seguir a súa formación no ensino privado concertado. É curioso que as decisións da Consellaría vaian encamiñadas sempre a beneficiar o mesmo modelo privado, ao igual que é curioso que despois de tanta demagoxia coa participación dos pais e das nais na educación non se lles teña consultado o cambio de instituto dos seus fillos e fillas. E non esquezamos que a Xunta de Galiza deu a coñecer estas medidas unha vez foron celebradas as eleccións municipais, como aconteceu no caso da renuncia a unha residencia universitaria pública na Coruña. En conclusión, todas as actuacións recollidas neste artigo favorecen o ensino privado. Non é de estrañar, tendo en conta que o PP concibe servizos sociais básicos como o ensino ou a sanidade como negocios.