A LOMCE: a REforma REgresiva dos REcortes

A LOMCE: a REforma REgresiva dos REcortes

Novamente temos por diante unha Reforma Educativa. E un pouco por sorpresa, pois ten suficiente calado como para merecer un percorrido máis longo na súa elaboración e sobre todo na súa discusión pública e en especial coa comunidade educativa. Pero a participación da comunidade educativa neste anteproxecto foi nula.

O Anteproxecto da Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) non se difundiu oficialmente, ou polo menos non se lle fixo chegar nin ao profesorado, nin aos pais e nais, nin ao alumnado, nin sequera aos sindicatos. O que sabemos dela é polo que sae na prensa, polo anteproxecto que circula pola rede ou por un resumo que podemos atopar na web do ministerio cun correo electrónico para poder “participar”.

Neste anteproxecto podemos “desfrutar” de algunhas perlas das novas tendencias mundiais en educación (“estudos internacionais”) que guían a nova lei educativa.
“Cómpre unha reforma do sistema educativo que fuxa dos debates ideolóxicos que dificultaron o avance nos últimos anos” ou “Lei orgánica resultado dun diálogo aberto e sincero coa comunidade educativa”. Non sería comunidade de veciños ou comunidade relixiosa en vez de comunidade educativa? Atreveranse a publicar isto no BOE? Porque desde logo palabras tan baleiras e faltas de verdade non debían ser escritas non diario oficial, pois faille perder o seu creto. Se até o sindicato conservador ANPE pide diálogo e que se lle pregunte ao profesorado! Nunca na democracia unha lei educativa foi tan pouco debatida e consensuada coa comunidade educativa. Que fuxa dos debates ideolóxicos! Pero que entenderán no PP por ideoloxía? Significa menos democracia nos centros? Significa facer unha lei dándolle as costas á comunidade educativa? Significa negar a diversidade social e cultural, as identidades nacionais que actualmente conforman o estado español?

“[...] a calidade educativa debe medirse en función do output (resultados dos estudantes) e non do input (niveis de inversión, número de profesores, número de centros, etc.).” Teremos que ser plurilingües para entender esta linguaxe mercantilista neoliberal? A Educación como unha competición, unha carreira de obstáculos para o alumnado, e o centro se xestiona con mentalidade empresarial. Isto é o que se agocha na “autonomía dos centros” e no novo sistema de elección do director (ou directora, supoñemos, aínda que no anteproxecto non se contempla...). Os centros deben competir entre si e ocupar un posto nun “ranking”. Haberá centros de primeira e centros de segunda.

Interesante ecuación: menos profesorado máis menos recursos igual a maior calidade e mellor ensinanza. A primeira parte da fórmula é a que o goberno de Feijóo leva tres anos aplicando en Galiza. Perda -segundo os sindicatos e a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público- de máis de 2000 profesores e redución do orzamento de 425 millóns de euros, coas consecuencias que se observan a diario nos centros de ensino galegos: non se atende á diversidade, eliminación dos reforzos educativos e da atención ás necesidades educativas especiais, aumento das dificultades de escolarización no rural, eliminación da gratuidade dos libros de texto (mentres que se tiraron millóns de euros para substituír os libros que estaban en galego por libros en castelán). Co Real Decreto Lei 14/2012 incrementouse nun 20% a ratio de alumnos por aula e o profesorado aumentou o seu número de horas lectivas, o que limita as posibilidades de atención ao alumnado, actividades complementarias, laboratorios, aulas de reforzo e recuperación de materias pendentes, biblioteca, proxectos europeos, etc. Remataron proxectos educativos pioneiros en Europa, como as Galescolas e Preescolar na casa para a etapa de educación infantil, mentres aumentaban as subvencións ao ensino privado, incluso aos que separaban por sexo nas aulas. Morreu o proxecto Abalar para potenciación das TICs e morreu o fomento da nosa lingua e cultura, logo do famoso decreto do plurilingüismo que actualmente evolucionou a “fai o que che pete”, por suposto contra o galego, pois por exemplo deixáronse de editar textos e materiais educativos na nosa lingua, por non falar xa de aplicacións informáticas pedagóxicas que apenas existen.

,O noso sistema educativo ten por suposto eivas que deben afrontarse e tamén a necesidade de adaptarse ao século XXI, á sociedade do coñecemento. Un sistema moderno, eficiente e estábel, con recursos e profesorado suficiente e ben formado. Pero ningunha destas características tena a proposta do Partido Popular. Lévanos a métodos educativos dos anos 60, co sistema de reválidas e a consideración da Formación Profesional como unha vía de segunda categoría que fornece ao mercado de man de obra. Afondará na fenda social, pois ao encadrar ao alumnado a idades temperás deixa de ter ese efecto igualatorio da educación obrigatoria e reduce a igualdade de oportunidades. Difícil entender como se pode reducir con esta lei a taxa de abandono educativo.

Un aspecto especialmente grave da LOMCE son as reválidas, chamadas Probas de Avaliación a Nivel Nacional (ou sexa estatal). O ensino enfocarase a preparar as reválidas, non a formar. E con catro reválidas, pasaremos boa parte do noso tempo formativo dedicados a estes exames. Os sistemas de control e a avaliación pasan a ser mecanismos obsesivos de clasificación e etiquetaxe do alumnado. Significan continuos chanzos que deixan atrás ao alumnado con máis dificultades de aprendizaxe e económicas, ao social e economicamente máis desfavorecido, e que tampouco non beneficia ao alumnado máis capaz, pois a educación convértese nunha carreira de valos, onde a educación integral e solidaria non ten importancia. Ademais, ao seren probas unificadas e elaboradas polo goberno do estado (“oídas as Comunidades Autónomas”), eliminan do “importante a aprender” todo o relacionado co máis próximo e por suposto co identitario. As reválidas permiten ademais ao estado un férreo control do currículo que efectivamente iría máis alá dese proposto 65%, pois os contidos dominantes serán os que permitan ao alumnado ter éxito na reválida.
Pode ser que Wert, Vázquez, Rajoy e Feijóo, e os seus coros mediáticos nos repitan continuamente a cantinela (atendendo ao recurso pedagóxico coñecido como “aprendizaxe a base de capas”: como ao pintar unha parede, imos dando capas de pintura para que algo quede e mellorar o resultado final) das bondades da súa lei educativa, pero a ecuación segue sen dar o resultado que eles din. As consecuencias das súas condicións iniciais son afortalamento do ensino privado fronte ao público, clasificación, segregación e exclusión do alumnado fronte a integración e igualdade de oportunidades, peor formación integral, centralismo conservador educativo e minusvaloración da participación da comunidade educativa.

O 17 de outubro o estudantado botarase á rúa contra esta reforma. Toda a sociedade debe defender un ensino de calidade e para todos e todas. Sen educación non hai futuro. É cousa de todos e todas.