A lealdade da Galiza


Cadroume ouvir as declaracións do Presidente da Xunta de Galiza após a súa visita protocolar ao Xefe do Estado. Sabemos por el que lle transmitiu ao monarca a preocupación polo sector lácteo (¿non dera a “arbitraxe” da Xunta de Galiza solución definitiva aos produtores do leite?), así como polo sector naval (¿non estaban máis que comprometidos pedidos e carga de traballo para os principais estaleiros galegos?). De certo que ao rei lle vai a vida en se interesar por estas bases certas da economía galega e, sobre de todo, coñecidas as súas afeizóns, ha facer montes e moreas por aumentar a súa saúde (a saúde deses sectores económicos, quero dicer), madia leva! Se este relato xa é prosma de abondo, o que resulta insuportábel sen remisión é o subliñado de Núñez Feixoo cando encarece que garantiu “la lealtad de Galicia con el resto de España y con la Constitución”. Non o merecemos, abofellas, por grandes que foran os pecados cometidos! Cando todo can e todo gato mira por si, reclama, agranda as súas necesidades, ponas sobre a mesa, esixe e, mesmo, vocifera…, temos de aturar que o máximo representante galego incline a testa e declare, por se houber algunha dúbida, que a colonia segue fiel á metrópole, e os negros de pel branca ben contentes de render servizos aos amos e mais aos capataces. Haberá quen xulgue estas miñas aseveracións hipérboles grandilocuentes. Lembro agora un artigo de grande difusión e suceso, publicado en El País (coido que non me trabuco de meio…) hai moitos anos, polo finado de Carlos Casares. Nel, o escritor ironizaba sobre se eramos colonia ou champú. A burla era resposta a unha definición da Galiza como nación colonizada, propria do nacionalismo contemporáneo (e, por certo, continuación da exposta por clásicos como Castelao ou Antón Vilar Ponte). Cando se di que a realidade supera calquer alarde de imaxinación ou de pensamento, adoita dicerse unha grande verdade: non é que estexamos colonizados; estamos colonizadísimos! Desde o uso lingüístico até os xuízos nel expresados, o comportamento do actual presidente da Xunta é a proba palpábel de até que ponto é duradoiro visíbel o proceso de dominio de que provimos. O señor Núñez Feixoo (que, polos vistos, endexamais admitirá que este segundo é o seu verdadeiro apelido, consonte as regras ortográficas-ortofónicas vixentes na lingua galega, porque tal admisión -aparentemente banal- é, porén, a proba indisimulábel da súa orixe galega) amóstrase encantado de se ouvir a si proprio cando fala un español-español, desposuído de calquer sotaque galego, fluído e lixeiro, como para dar a entender que galegos coma el son perfeitamente capaces de se identificaren totalmente co exogrupo, lingua mediante. Ela, a identificación, supón un paso psicolóxico moito máis fondo do que a simples imitación, polo que as súas consecuencias son tamén moito máis graves. Tal ocultación das orixes denota, secomasí, un complexo de inferioridade non convenientemente resolvido: cómpre sobreactuar para demostrar a tutti quanti: “soy uno de los vuestros”…

A outra sobreactuación é aínda máis grave: como non é abondo patente que o anterior goberno da Xunta e o actual son inteiramente servís verbo da política española e dos seus gobernantes, cómpre reforzalo reafirmando unha “lealtad” que, con eles, con estes gobernos, ninguén poderá poñer en dúbida. Estando Cataluña e Euskadi con gobernos nacionalistas e en pleno proceso de mudanza xurídico-intitucional, non só se exclúe a Galiza do trío de nacións internas ao Estado españo (“nacionalidades históricas”, no vocabulario constitucional), senón que aínda se reforza a súa submisión. O monarca pode durmir tranquilo: “Galicia no va a fallar, Majestad”. Que noxo! Como se a Galiza formase parte das preocupacións dalgún dos gobernantes españois ou do Xefe do Estado! Mesmamente!

,Se o Presidente da Xunta de non se sabe que fose leal co seu cargo e coa terra-nación grazas á cal o ostenta, tería que abrir o abano da información comunicada ao Xefe do Estado: tería que falar, por exemplo, de como a emigración volve ser masiva, na procura dun posto de traballo de tanta xente moza; de como amplas e extensas comarcas do país están desertizadas; de como a Galiza ten un grave problema demográfico; de como seguimos a cobrar as pensións máis baixas; de como dúas xoias da construción naval, como Ferrol e Vigo, teñen que andar a pedichar pedidos; de como as produtoras-os produtores de leite seguen a perceber por litro menos do custo; de como pagamos a electricidade como se non fósemos potencia en producila; de como tributamos ao Estado máis do que recebemos; de por que, por exemplo, temos de seguir manifestándonos para que a lingua galega deixe de ser maltratada por quen ten a obriga de a defender e de a practicar… Etcétera.

Esta ben podería ser a “reportaxe” que un mandatario galego fixese, en termos realistas, perante o Xefe de Estado. Só que para tal exercicio ser posíbel, precisaríase: (a) ser galega-o e orgullarse de o ser; (b) transmitir esta autoestima ao interlocutor; (c) crer que a Galiza é un suxeito político pleno e non a porción subordinada da sempiterna España. Isto é, o abecé de calquer povo normal, e o que o nacionalismo galego ha de reimporse como tarefa urxente, para empezar a casa polos alicerces e ampliar o seu radio de influencia: comezar por persuadir ás nosas-aos nosos compatriotas da evidencia negada: sermos galegas-galegos e merecer existir como tais a todos os efeitos. Nen máis nen menos.