A inxusta xustiza urbanística
A semana pasada coñeceuse a primeira sentenza xudicial que seica "avala" a legalidade das licencias urbanísticas que se lle concederan a unha das urbanizacións paralizadas polo goberno bipartito no concello de Barreiros.
Polo que se trasladou aos medios de comunicación, resulta que seica é legal que un Concello conceda unha licenza urbanística para que se deseñe e se constrúa unha urbanización de máis de 40 vivendas, sen que necesariamente teñen que urbanizar os terreos. Total, para que?
Visto o visto, para iso xa están a Xunta e a Deputación, por obra e graza de PP e do PSOE. Dos nosos impostos, dos cartos de todos nós, deciden pagarlles a execución das rúas, a construción das depuradoras, as traídas de augas, os saneamentos. Todas aquelas infraestruturas que eran e son, por lei, responsabilidade do promotor.
Esta sentenza volve poñer de manifesto que os criterios de avaliación, que a vara de medir non é a mesma para todos os cidadáns, e que non é idéntica en todos os lados. Xustiza que non só é inxusta en materia urbanística. Tamén é inxusta en materia laboral, de igualdade, lingüística, ou na defensa dos dereitos fundamentais. Curioso resulta que en tantas e tantas ocasións, quen debería xulgar con ecuanimidade, non pareza poñerse do lado da xustiza e que percibamos que acaba por se situar do lado dos explotadores, dos sexistas, dos racistas, dos retrógrados que non queren que a sociedade avance.
Todos coñecemos máis de un caso de vivendas de autopromoción construídas sen licenza. É certo que se construíron de xeito ilegal. Pero tamén é certo, que o trato administrativo e xudicial que reciben non é o mesmo que o que reciben os grandes construtores e promotores de urbanizacións que ofrecen dúbidas de legalidade, que pasado algún tempo, -por obra e maxia da inxusta xustiza-, reciben a correspondente beizón e acaban "avaladas" como legais ou legalizábeis.
Día a día, constatamos que aquelas vivendas de autopromoción reciben as preceptivas e sucesivas ordes de demolición. Descubrimos que esas vivendas xa pagaron numerosas multas coercitivas, mentres os grandes construtores deixan abandonadas zonas como Miño, con todo a medio facer, sen que realmente pase nada.
Resulta ben rechamante que en Barreiros vaiamos pagar entre todos e todas os servizos que precisa esa urbanización e pola contra calquera veciño que constrúa a súa casa no rural, con todos os permisos preceptivos, teña que garantir previamente que dispón deles. Cal é a diferenza entre un caso e outro? Pois a diferenza son os cartos e o poder. Ese poder omnipresente de aqueles que sen escrúpulos teiman en arrasaren o noso territorio, co silencio cómplice de determinados gobernantes.
Algo está ben claro. Aquí hai moitas responsabilidades compartidas e repartidas. É responsabilidade de quen constrúe que a súa vivenda conte coa correspondente licenza, pero tamén é responsabilidade dos Concellos, asesorar e informar os seus veciños dos seus dereitos e dos seus deberes.
É responsabilidade dos Concellos e dos seus alcaldes e alcaldesas, non enganar os administrados, ocultándolles ou minorándolles as consecuencias dos seus actos. E por suposto, impedir que se constrúa sen licenzas nin control, animando por omisión a que se vulnere a lei. Como tamén é responsabilidade dos Concellos elaborar plans de ordenación municipal que non fomenten a especulación, como está pasando en Lugo.
No noso Lucus Augusti preténdese macrourbanizar parte da zona rural e todos sabemos para quen vai ser o beneficio desas actuacións. Constatamos como cada día o noso rural perde valor e perde poboación. E que as políticas da Xunta afondan nesa situación coa constante destrución dos servizos públicos. Agora o que se promove é converter todas as parcelas e terreos en urbanizábeis, porque xa non producen nada. Con esa perspectiva, queren que nos aclimatemos a que incluso as cortiñas das casas tamén deban ser predios nos que se pode construír. E acomodámonos nese contexto, porque nesas terras xa non se botan patacas, nin se poñen repolos, nin se plantan xudías, nin chícharos. A mensaxe, o concepto a difundir, é que o que "interesa" é espetar, sementar polo rural vivendas encostadas, que medren por todos os lados coma os silveiros.
A política do PP, e tamén a do PSOE nesta materia, -como en moitas outras-, compróbase ben parecida. As novas modificacións legais van na liña de permitir legalizar o ilegal e de se converteren na chave que abre a porta de máis e maiores desfeitas urbanísticas.
Aquí tamén, a xustiza á parte de cega, volveuse muda e xorda.