A investigación, Europa e o bosón de Higgs

A investigación, Europa e o bosón de Higgs

Durante uns días, unha relevante nova de ciencia acaparou o interese informativo: os experimentos desenvolvidos estes últimos meses no CERN de Xenebra mostraban a existencia dunha partícula coñecida como bosón de Higgs ou bosón H. Un fito na historia da Física que sobardaba o ámbito da comunidade científica para meterse nos nosos fogares. O ser humano era quen outravolta de demostrar a súa capacidade de enxeño e de superación intelectual, as súas ansias de entender e darlle explicación a todo o que nos rodea, ao que fomos e ao que seremos. Unha nova positiva e esperanzadora neste mar de negatividade que nos asulaga cada día, tamén por culpa dos seres humanos, por culpa da súa ambición, pero non de coñecemento, senón de riqueza desaforada.

Os experimentos desenvolvidos no acelerador LHC do CERN axúdannos a entender por que existe a masa, explícanos como é o cemento da materia. O Modelo Estándar de Física de Partículas é unha teoría desenvolvida ao longo do século XX que procura describir o fundamento do cosmos e da materia. O Modelo Estándar utiliza como “pezas” 6 quarks, 6 leptóns e algunhas partículas “portadoras da forza”. Combinándoas axeitadamente, o modelo fai unha descrición completa do Universo, desde o Big Bang até hoxe e de cara ao futuro, do mesmo xeito que coas mesmas pezas dun Lego podemos montar moitas e diferentes construcións.

O bosón de Higgs era unha desas partículas fundamentais que faltaba atopar experimentalmente para completar o Modelo e tal vez pechar unha era na historia da Física, a un nivel posibelmente comparábel á teoría da gravitación de Newton ou á teoría da relatividade de Einstein.

Cómpre subliñar que o Modelo Estándar e a descuberta deste bosón non debe adxudicarse a ninguén en particular, nin siquera a Peter Higgs: é froito dun traballo colectivo que ao longo de moitos anos involucrou a miles de científicos e enxeñeiros de todo o mundo, e nomeadamente europeos e galegos.

Por suposto que non todo está pechado. En ciencia, cada resposta atopada abre moitas novas preguntas, mírase sempre cara o futuro, con planificación e unha “folla de rota” definida. Non funciona desde logo como a economía ou os chamados “mercados”. O propio Peter Higgs declaraba que a apariación despois de 40 anos da súa predición do bosón H “levaranos máis alá, pois se espera conexión coa cosmoloxía e a materia escura”. Canto maior sexa a enerxía das partículas elementais que van chocar, máis perto estaremos de reproducir as condicións nas que tivo lugar o Big Bang, o intre inicial na historia do Universo. O LHC aínda non chegou ao seu máximo nivel de enerxía. E xa está, como non podía ser doutro xeito, programándose o futuro: un novo acelerador, neste caso lineal, para conseguir partículas máis enerxéticas.

O CERN, o Laboratorio Europeo de Física de Partículas, creouse despois da segunda guerra mundial, en 1954, e actualmente está sostido por 20 estados europeos. A súa principal función é proporcionar os aceleradores e outras infraestruturas para a investigación na Física de Altas Enerxías. Alí traballan diariamente unhas 2600 persoas, a maior parte deles cunha altísima cualificación. Ademais, arredor duns 8000 científicos e enxeñeiros (pertencentes a unhas 500 institucións e 80 nacionalidades), traballan en experimentos realizados no CERN. Un importante número deles son galegos e galegas, tanto do cadro permanente como a través das colaboracións coas Universidades galegas ou co Centro de Supercomputación de Galiza.

O LHC, o grande colisor de hadróns, é un acelerador circular de 27 km de lonxitude situado nun túnel de 3 metros de diámetro a 100 metros de profundidade. Fanse colisionar entre si protóns ou ións de chumbo a velocidades próximas á velocidade da luz no baleiro (a máxima velocidade que se pode acadar). Para isto cómpren altísimas enerxías, baixísimas temperaturas e eliminar mediante altísimos niveis de baleiro calquera contaminación posíbel. Todo un desafío científico e tecnolóxico, que levan a cabo persoas cunha enorme formación e que precisa de solucións enxeñosas que revirten logo na sociedade, alén dos avances no coñecemento básico.

Hai uns días, a comisaria europea para a Investigación, Innovación e Ciencia, Máire Geoghegan-Quinn, sinalaba que a investigación básica responde a unha inquedanza intelectual que paga a pena de seu. Distingue aos seres humanos, fainos mellores. E mellora as nosas condicións de vida, pois ademais leva aparellada o desenvolvemento de grandes avances tecnolóxicos: a mecánica cuántica contribuíu de xeito decisivo á invención dos chips, do láser ou instrumentación médica como os escáneres, PET, gammagrafía ou a resonancia magnética nuclear (RMN). A internet foi creada no CERN como un instrumento para facilitar a comunicación entre os científicos. O vencello entre ciencia, innovación e crecemento económico é moi forte. Pero Rajoy e Feijóo non saben nada diso. Pechan os ollos e pasan a rozadoira. Arrasan con todo!

Nesta política de acabar con todo tamén lle toca á ciencia e á investigación, claro. Cousas superfluas. O “Que inventen eles”, un clásico das citas xa convertido en tópico para mostrar o valor que a ciencia e a tecnoloxía ten no estado español e contra o que se leva loitando durante décadas, recupera novamente a súa vixencia. O esfarelamento indiscriminado do “estado do benestar” aplicado polo Partido Popular para supostamente acalmar á fera dos “mercados” lévase por diante os esforzos feitos nos últimos anos para saír do pozo no que estaba afundida a investigación no estado español.

A Europa dos Mercaderes foi por uns instantes a Europa do Coñecemento. Que breve foi!