A investidura


O debate de investidura co que se inicia o segundo mandato de Feixoó foi todo un síntoma da política que nos agarda. A obsesión pola austeridade, os recortes e a soberbia presidencial foron os tres elementos clave dos discursos do candidato e agora presidente. Brillaron a ausencia de medidas e compromisos concretos para saír da crise, para crear emprego ou para protexer as persoas máis castigadas pola crise. Feixoó, fiel ao seu lema “que Galiza non sexa un problema para España”, afondou no papel subordinado da nosa nación e renuncia a empregar e alongar a capacidade de decidir como un elemento clave para por remedio os males que nos azoutan. É evidente, que con este cóctel, pouco ou nada bo podemos agardar do Goberno Galego. Moi a contra, a situación social e económica de Galiza corre o risco de deteriorarse seriamente, avanzando no desmantelamento do país.

Diagnosticou ben a situación o novo Portavoz Parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, no seu estreo na cámara galega. Foi o seu un discurso brillante, que conxugou ben o ideolóxico cos problemas reais que hoxe viven galegos e galegas. Mais tamén, puxo sobre a mesa as alternativas do nacionalismo galego para enfrontar o momento que vivimos: cuestionar o modelo neoliberal e unha UE que nos esmaga, defensa da democracia e do dereito de Galiza a decidir o seu futuro. Ficou claro que o BNG ten proxecto e alternativas reais que contrastan coas políticas que impón a troika e que submisamente abrazan os que nos gobernan. Foi, para min, o mellor do debate, a constatación de que temos un proxecto alternativo, diferente, que ofertar e defender.

É evidente que esta vai ser unha lexislatura dura e complexa. A situación social que vai ir á peor, o deterioro das condicións de vida e o incremento do paro debuxan un panorama difícil. O PP ten unha maioría parlamentar reforzada que avalará a política de destrución iniciada na pasada lexislatura. Temos por diante o reto de darlle a volta á situación. Para iso será importante a oposición que fagamos e que combinemos eficazmente traballo social e institucional. Da man do BNG tiveron voz -nestes últimos catro anos- as traballadoras de alfageme, o naval, as nosas labregas e labregos, o sector mexilloeiro, as maricadoras e mariscadores, @s moz@s que emigran, a cultura... Máis é obvio que non foi suficiente, que cómpre mellorar a nosa relación coa sociedade, acertar no discurso e afortalar a construción dunha alternativa nacionalista que entusiasme e teña maior apoio social.